Mensaxe do Papa Francisco na apertura da Porta Santa (31/12/2020)
Á Súa Excelencia
Mons. Xulián Barrio Barrio
Arcebispo de Santiago de Compostela
Benquerido irmán:
1. Con ocasión da apertura da Porta Santa que dá comezo ao Xubileo Compostelán do 2021, co lema “Sal da túa terra”, fago chegar o meu afecto e cercanía a todos os que participan nestes momento de graza para toda a Igrexa, e en modo particular para a Igrexa de España e Europa.
O lema elixido para este ano, así como a Carta Pastoral que o acompaña, evoca as palabras de san Xoán Paulo II na Mensaxe do Ano Santo Compostelán de 1999: “Como Abrahán, -os peregrinos que camiñaron durante séculos até o finis terrae- deixaban a casa propia para ir en busca da terra que o Señor había de mostrarlles (cf.Xn 12,1) abandonaban as seguridades enganosas do seu pequeno mundo para poñerse nas mans do don de Deus” (Carta con ocasión da apertura da porta Santa de Santiago de Compostela, 29 de novembro 1998, 2).
Ao poñernos en camiño tras as pegadas do Apóstolo saímos do noso propio eu, desas seguridades ás que nos aferramos, pero tendo clara a nosa meta, non somos seres errantes, que xiran sempre en torno a si mesmos sen chegar a ningures. É a voz do Señor que nos chama e, como peregrinos, acollémola en actitude de escoita e de busca, emprendendo esta viaxe ao encontro con Deus, co outro e con nós mesmos. A finalidade é chegar aos confíns da existencia, a ese finis terrae que nos marca a tumba do Apóstolo.
2. Camiñar como un proceso de conversión, que inicia ni terra da que saímos e conclúe na terra á que nos diriximos. Unha experiencia existencial na que a meta é tan importante como o mesmo camiño, como dicía o poeta, “faise camiño ao andar” (ANTONIO MACHADO, Campos de Castilla XXIX). Non hai receitas previas, peregrinar debe ser para nós u camiñar ao paso co que é Camiño, Verdade e Vida, con Aquel que quere entreterse connosco, para ofrecernos a súa compaña e amosarnos o vieiro da vida (cf. Carta ap. Misericordia et misera, 20 novembro 2013, 6 ). Nese itinerario, a misericordia de Deus acompáñanos e inda que permaneza na condición de debilidade polo pecado, esta é superada polo amor que permite mirar o futuro con esperanza e a estar preparados para encamiñar novamente as nosas vidas (cfr.ibíd., 1).
3. Camiñar facédonos próximo, supón un esforzo de ir lixeiros de equipaxe, sen apegos e vivir en continua tensión até ese anhelado encontro co Señor. Confiar o corazón ao compañeiro de camiño sen receos, sen desconfianzas, e mirar ante todo o que buscamos, axúdanos a recoñecer no próximo un don que Deus nos entrega para acompañarnos nesta viaxe. Saír de si mesmo para unirse a outros fai ben e esta experiencia fráguase no camiño, fana os peregrinos todos os días, esperándose, apoiándose, compartindo fatigas e logros. Unha travesía que empezaron sós, cargados de cousas que pensaban que lles serían útiles, pero que acabarán coa mochila baleira e o corazón cheo de experiencias que se foron fraguando en contraste e en sintonía coas vidas doutros irmáns e irmás nosas que proveñen de contextos existenciais e culturais diferentes, Unha lección que debe acompañalos toda a vida (cf. Carta enc. Fratelli tutti, 147).
4. Camiñar como discípulos misioneiros, reavivando no noso corazón o mandato do Señor a ser as súas testemuñas has os “confíns da terra” (Ftos 1, 8). Deste modo a peregrinación á tumba do Apóstolo convírtese nunha chamada de atención á misión, a convocar a todos a esa patria até a que avanzamos. Ao facer camiño, unímonos espiritualmente ao pobo que ten posta a súa mirada en Deus, un pobo peregrino e evanxelizador (c. Exhort. Ap. Evangelii gaudium, 111). Evanxelizar supón saber de pan e fogar, a patria prometida á que convocamos, no nome do Señor, non é un ideal utópico senón unha meta concreta, coñecida, recordada, unha calidez que nos acompaña e espera. A calidez do fogar fainos crer na forza revolucionaria da tenrura e do cariño, da encarnación. O peregrino é capaz de “pórse en mans do don de Deus”, consciente de que a terra prometida está presente no Aquel que quixo acampar no medio do seu Pobo, para custodiar a súa viaxe. E é así como toca o corazón do irmán, sen artificios, sen propaganda, na man tendida disposta a dar e acoller.
Ao chegar á Porta Santa, tres xestos lémbrannos o motivo da nosa viaxe. O primeiro é contemplar no Pórtico da Gloria a mirada serena de Xesús, xuíz misericordioso, que cos seus brazos abertos ofrécenos o perdón e recíbenos na súa casa. Esta é a razón pola que un día saímos da nos aterra, entrar á que El nos está mostrando. O segundo é a emotiva aperta á imaxe do Apóstolo peregrino. Abrazamos nel á Igrexa enteira e lembramos que non é unha institución abstracta, senón que se encarna no santo da porta do lado, para mostrarnos o camiño da fe que profesamos. O terceiro é a participación na liturxia eucarística, o son das campás, o fume do botafumeiro, os cantos e as pregarias invítannos a sentirnos pobo de Deus que fai das súas tradicións un cántico de loanza. Un só corazón que se fai casa de Deus e dos homes e que os chama a compartir a ledicia do Evanxeo.
Ao agradecer finalmente os esforzos da Arquidiocese de Santiago de Compostela, así como os de todos os que colaboran na realización deste Ano Xubilar, imparto con afecto a Bendición Apostólica.
E, por favor, non se esquezan de rezar por min.
Fraternalmente,
Roma, San Xoán de Letrán, 17 de decembro de 2020.
Comentarios
Publicar un comentario