FICHA E LECTIO: Domingo 3 de Ordinario B
LECTIO:
Deixarse
engaiolar pola isca de Deus
(24 de xaneiro de 2021)
O
evanxeo de Marcos segue a nos presentar a busca que realiza Xesús de
compañeiros, de persoas dispostas a se faceren irmáns e colaboradores seus na
tarefa do anuncio da “boa nova”. Xesús convida e chama, suscitando nas persoas
desexos de se encontraren con el. Este encontro está, como sabemos,
posibilitado sempre polo vento do Espírito de Deus que empuxa con suavidade cara
ó ben o noso querer.
Antes
de se encontraren física e historicamente con Xesús, tanto os irmáns Simón
Pedro e Andrés coma os tamén irmáns Santiago e Xoán estaban xa “tocados” polo
Espírito de Xesús, que traballa arreo dunha ou doutra maneira no interior de
todos.
É
un misterio o de cada vida humana. Cada quen ten o seu propio estilo, o seu
xorne, o seu mundo interior, condicionado ademais por moitas factores
(biolóxicos, psíquicos e sociais). Por iso, ninguén ten capacidade nin dereito algún
para xulgar os demais.
En
calquera caso, para anunciar a súa noticia alegre, é dicir, o evanxeo da
liberación e de vida, Deus busca “buscadores”, busca entre persoas que non
estean xa satisfeitas do que son ou do que fan. Busca por iso entre xente
sinxela, pobre de haberes e de poderes, mais ricos en desexos e en vontade.
Polo
menos entre tales buscou Xesús os seus apóstolos, por máis que algún deles lle
fallase despois de pasar un tempo con el. Mais ese é tamén o fondo misterio da
nosa liberdade.
O
evanxeo refírese hoxe explicitamente á chamada dalgúns dos seus apóstolos. Mais
con eles e onda eles había tamén moitos outros discípulos e xente diversa que o
seguían. En todos eles soprou o vento do Espírito de Deus, do Espírito de
Xesús. Falamos de vocacións sacerdotais ou relixiosas. Mais non debemos
esquecer que todo cristián entre os que podemos chamar de a pé, ten tamén a súa
propia “vocación”, é dicir, a súa propia “chamada” (pois iso significa
“vocación”: chamada ou chamamento). Sentirmos a chamada a unha vida
verdadeiramente cristiá significa que estamos abertos a esas inspiracións, convites,
impulsos, desexos, que dunha ou doutra maneira nos van movendo ou conmovendo
cara ó ben. Cara a esa crenza de que Xesús é o noso irmán maior e de que todos
somos e debemos comportarnos como irmáns.
Por
iso, pódese dicir que o estilo do convite que Xesús fai ós seus apóstolos é o
mesmo que el dirixe a quen queira converterse en seguidor seu. Os catro
apóstolos de hoxe eran de oficio pescadores. Afincados neste cidade de Vigo que
se olla no espello da ría e do mar, sabedes ben o que é isto significa. Un
pescador (de mar ou tamén de río) quere, busca, que o peixe pique ou se enrede
na rede. Un pescador é alguén que sabe esperar, que ten paciencia, que busca e
traballa co anzol, coa isca, coa rede, coa esperanza de dar cos peixes que se
converterán en alimento e vida para a nosa subsistencia.
Non
é por iso nada estraño que entre eles buscara Xesús pescadores de homes:
“fareivos pescadores de homes”. Calquera que viva de verdade a vida cristiá
segue a ser tamén unha persoa coma os demais, unha persoa de desexos e de
esperanzas que se converteu de verdade en auténtico irmán dos demais, “pescador
dos demais”, para facelos partícipes da alegre mensaxe dun renovado xeito de
vivir.
Léovos
agora, por boca do seu protagonista, como se realizou unha vocación concreta
nos nosos días. É a vocación, a chamada, oída e aceptada con entusiasmo por
alguén que, desde a construción desta igrexa dos Apóstolos, presidiu durante
arredor de vinte anos a partir do ano 1965 moitas eucaristías aquí, empregando
naturalmente a lingua propia de Galicia. Refírome ó P. Xaime Seixas Subirá, que
algúns de vós tivestes quizais a dita de coñecer. Léovos do libriño “Conversas
do Pai Xaime Seixas con Silvestre Gómez Xurxo” o curioso relato que nos fai o
propio P. Seixas do proceso da súa vocación, é dicir, da chamada de Deus a el
para se facer sacerdote e xesuíta:
“Foi entre os 15 e 16 anos cando
sentín a miña vocación misioneira. O que pasa é que eu estaba absorto noutras
cousas como a política e tamén por certos namoramentos... En resumo, que con
todo isto a chamada vocacional foise quedando aí, medio esquecida, agardando
calada e firme como quen sabe que ha chegar á súa hora [...] Chegaba de América
o meu tío Mariano Subirá, famoso avogado, primeiro en Madrid e logo na
Arxentina [...] e colleunos mal de sitio alí en casa dos meus avós Subirá.
Entón, eu que era moi rapaz e me acomodaba en calquera sitio, durmín nun sofá
que había no corredor, e unha noite, nese lugar ben pouco cómodo, tiven unha
premonición que co tempo sería clave na miña vida e que se cumpriu ata nos máis
pequenos detalles. Naquel soño histórico vinme vestido de sotana negra –cousa
rara porque eu nunca pensara ser crego, atraíanme as misións pero a imaxe do
misioneiro era con sotana branca-, sen barba, nunha illa grande e arrodeado de
xente de color, sobre todo de nenos, e ó mesmo tempo sentín internamente, dun
xeito moi profundo e clarísimo que aquilo era o meu futuro. Coa intensidade do
soño espertei cheo dun gran gozo espiritual, algo inusitado deica aquela para
min, e convencido de que acababa de ver o meu futuro.
Pero por vergonza calei porque na
miña familia non había ningún antecedente de dedicación relixiosa. Calei. Foi
pasando tempo, pero aquel soño seguía vivo, seguíame chamando. Finalmente, xa
ós vinte anos, tiña suficientemente claro o da miña vocación e decidinme [Entra na S.J. e pasan anos...] Por fin recibín unha chamada do Pai Baeza,
Visitador Xeral de Hispanoamérica, que me solicitaba como misioneiro para unha
parroquia da República Dominicana na fronteira de Haití, na que había moita
xente negra e que estaba pasando unha etapa tremendamente conflitiva [...] E sentín que definitivamente se ía realizar
o futuro que me agardaba desde había tanto tempo. Preparei todo e funme de
inmediato [...] Un día o misioneiro
da misión veciña á miña na que había moita xente de color, díxome se lle podía
ir dicir misa a unha aldea moi remota, toda de xente negra. Sentín algo moi
especial. Decidín poñerme a sotana negra, como vira no soño. Cando cheguei alí
a aquela aldea de cabanas, coa xente negra que me arrodeou, sobre todo os
nenos, sentinme coma na casa, coma se coñecese aquilo de sempre. Era a estampa
real do meu soño misioneiro”.
Despois de catro anos alá, unha enfermidade (das
que con frecuencia o visitaban) tróuxonolo aquí a Vigo para estar aquí connosco
durante os vinte derradeiros anos da súa vida activa. E Seixas foi feliz
seguindo a vocación, a “chamada” do Mestre. Coma os primeiros apóstolos. E coa
súa felicidade e a súa fe contaxiou moitos que aprenderon con el a seren
cristiáns de verdade.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-tempo-ordinario-b-marcos-114-20-3/
Comentarios
Publicar un comentario