Ficha e Lectio: Domingo 3 Ord B

FICHAS ANTERIORES:

DEBUXOS DE 



RECURSOS CATEQUESIS DE GALICIA:
Cartel 2

E, que me perdoen os irmáns da Catequese de Galicia,
pero fixen os pasatemtos en galego, por se alguén os necesita:





LECTIO:
DOMINGO III T. O. 
(Ciclo B: 21 de xaneiro de 2018)

            O evanxeo de Marcos segue a nos presentar a busca de Xesús de compañeiros, de persoas dispostas a se facer irmáns e colaboradores seus na tarefa do anuncio da “boa nova”, do evanxeo. Xesús convida e chama, suscitando nas persoas desexos de se encontraren con el. Este encontro está, como sabemos, posibilitado sempre polo vento do Espírito de Deus que empuxa con suavidade as velas dos noso querer cara ó ben.
            Antes de se encontraren física e historicamente con Xesús, tanto os irmáns Simón Pedro e Andrés coma os tamén irmáns, Santiago e Xoán estaban xa “tocados” polo Espírito de Xesús, que traballa arreo dunha ou doutra maneira en tódalas persoas.
            É un misterio o da vida humana de cadaquén. Cada un ten o seu propio estilo, o seu xorne, o seu mundo interior, condicionado ademais por moitas factores (biolóxicos, psíquicos e sociais). Por iso, ninguén ten dereito nin capacidade algunha para xulgar a ninguén. Mais, en calquera caso, para anunciar a súa noticia alegre, é dicir, o evanxeo da liberación e de vida, Deus busca “buscadores”, busca entre persoas que non estean xa satisfeitas do que son ou do que fan. Busca por iso entre xente sinxela, pobre de haberes e de poderes, mais ricos en desexos e en vontade.
            Polo menos entre tales buscou Xesús os seus apóstolos, aínda que algún deles a pesar de todo lle fallase despois de pasar un bo tempo con el. Mais ese é tamén o fondo misterio da nosa liberdade.
            O evanxeo refírese hoxe explicitamente á chamada dalgúns dos seus apóstolos. Pero con eles e onda eles había tamén moitos outros discípulos e xente de toda clase que o seguían. En todos eles soprou o vento do Espírito de Deus, do Espírito de Xesús. Falamos con frecuencia de vocacións sacerdotais ou relixiosas. Mais non debemos esquecer que todo cristián normal, dos que podemos chamar de a pé, ten tamén a súa propia “vocación”, é dicir, a súa propia “chamada” (pois iso significa “vocación”: chamada ou chamamento). Sentirmos a chamada a unha vida verdadeiramente cristiá significa que estamos abertos a esas inspiracións, convites, impulsos, desexos, que dunha ou doutra maneira nos van movendo ou conmovendo cara ó ben. Cara a esa crenza de que Xesús é o noso irmán maior e de que todos somos e debemos comportarnos como irmáns.
            Por iso, pódese dicir que o estilo do convite que Xesús fai ós seus apóstolos é o mesmo que el dirixe a quen queira converterse en seguidor seu. Os catro apóstolos de hoxe eran de oficio pescadores. Afincados neste cidade de Vigo que se olla no espello da ría e do mar, sabedes ben o que é isto significa. Un pescador (de mar ou tamén de río) quere, busca, que o peixe pique ou se enrede na rede. Un pescador é un home de espera, de paciencia, que busca e traballa co anzol, coa isca, coa rede, coa esperanza de dar cos peixes que se converterán en alimento e vida para a nosa subsistencia.
            Non é por iso nada estraño que entre estes pescadores de peixes buscase Xesús pescadores de homes: “fareivos pescadores de homes”. Calquera que viva de verdade a vida cristiá segue a ser tamén unha persoa coma os demais, unha persoa de desexos e de esperanzas que se converteu de verdade en auténtico irmán dos demais, “pescador dos demais”, para facelos partícipes da alegre mensaxe dun novo xeito de vivir.
            Remato xa léndovos, por boca do seu protagonista, como se realizou unha vocación concreta nos nosos días. É a vocación, a chamada, oída e aceptada con entusiasmo por alguén que, desde a construción desta igrexa dos Apóstolos, celebrou durante arredor de vinte anos a partir do ano 1965 moitas misas aquí, e por suposto en galego. Refírome ó P. Xaime Seixas Subirá, que algúns de vós tivestes aínda quizais a dita de o coñecer. Léovos do libriño “Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre Gómez Xurxo” o curioso relato que nos fai o propio P. Seixas do proceso da súa vocación, é dicir, da chamada de Deus a el para se facer sacerdote e xesuíta:
            “Foi entre os 15 e 16 anos cando sentín a miña vocación misioneira. O que pasa é que eu estaba absorto noutras cousas como a política e tamén por certos namoramentos... En resumo, que con todo isto a chamada vocacional foise quedando aí, medio esquecida, agardando calada e firme como quen sabe que ha chegar á súa hora [...] Chegaba de América o meu tío Mariano Subirá, famoso avogado, primeiro en Madrid e logo na Arxentina [...] e colleunos mal de sitio alí en casa dos meus avós Subirá. Entón, eu que era moi rapaz e me acomodaba en calquera sitio, durmín nun sofá que había no corredor, e unha noite, nese lugar ben pouco cómodo, tiven unha premonición que co tempo sería clave na miña vida e que se cumpriu ata nos máis pequenos detalles. Naquel soño histórico vinme vestido de sotana negra –cousa rara porque eu nunca pensara ser crego, atraíanme as misións pero a imaxe do misioneiro era con sotana branca-, sen barba, nunha illa grande e arrodeado de xente de color, sobre todo de nenos, e ó mesmo tempo sentín internamente, dun xeito moi profundo e clarísimo que aquilo era o meu futuro. Coa intensidade do soño espertei cheo dun gran gozo espiritual, algo inusitado deica aquela para min, e convencido de que acababa de ver o meu futuro.
            Pero por vergonza calei porque na miña familia non había ningún antecedente de dedicación relixiosa. Calei. Foi pasando tempo, pero aquel soño seguía vivo, seguíame chamando. Finalmente, xa ós vinte anos, tiña suficientemente claro o da miña vocación e decidinme [Entra na S.J. e pasan anos...] Por fin recibín unha chamada do Pai Baeza, Visitador Xeral de Hispanoamérica, que me solicitaba como misioneiro para unha parroquia da República Dominicana na fronteira de Haití, na que había moita xente negra e que estaba pasando unha etapa tremendamente conflitiva [...] E sentín que definitivamente se ía realizar o futuro que me agardaba desde había tanto tempo. Preparei todo e funme de inmediato [...] Un día o misioneiro da misión veciña á miña na que había moita xente de color, díxome se lle podía ir dicir misa a unha aldea moi remota, toda de xente negra. Sentín algo moi especial. Decidín poñerme a sotana negra, como vira no soño. Cando cheguei alí a aquela aldea de cabanas, coa xente negra que me arrodeou, sobre todo os nenos, sentinme coma na casa, coma se coñecese aquilo de sempre. Era a estampa real do meu soño misioneiro”.
            Despois de catro anos alá, unha enfermidade (das que con frecuencia o visitaban) tróuxonolo aquí a Vigo para estar aquí connosco durante os vinte derradeiros anos da súa vida activa. E Seixas foi feliz seguindo a vocación, a “chamada” do Mestre. Coma os primeiros apóstolos. E contaxiou tamén a moitos que conviviron con el coa súa felicidade e coa súa fe.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Pidámoslle a Deus Pai que nos faga atentos á súa chamada cara ó seguimento da vida e exemplo do seu fillo Xesús, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.

            - Dános, Pai, grandes desexos de realizar o ben ó longo das nas nosas vidas. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Concédenos, Pai, a graza de experimentar a forza e o agarimo da chamada de Xesús para dedicármonos a entregar as nosas vidas ó ben dos irmáns. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Suscita, Pai, en todo o mundo persoas xenerosas que acepten converterse en pescadores de homes. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.

                                                                                            
  Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares