Domingo 3 de Ordinario B

3º DOMINGO  DO TEMPO ORDINARIO  CICLO B




Primeira Lectura     Xon 3, 1-5. 10
Convertéronse os ninivitas da súa mala vida
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XONÁS

         Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:
         ‑ Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
         Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
         Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:
         ‑ Dentro de corenta días Nínive será destruída.
         Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeno.
         Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.

    Palabra do Señor                            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
 R/.  (4a):  Amósame, Señor, os teus camiños.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     1 Cor 7, 29-31
Pasou a configuración deste mundo
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

         O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen.
         Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.

 Palabra do Señor                            R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Mc 1 , 15
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Chega o Reino de Deus;
convertédevos e crede no Evanxeo.
Aleluia.





Evanxeo       Mc 1, 14-20
Convertédevos e crede no Evanxeo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

         Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
         ‑ O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus; convertéde­vos e crede no Evanxeo.

         Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
         ‑ Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.

         Eles deixaron de contado as redes e seguírono.
         Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.

  Palabra do Señor                            R/. Loámoste, Cristo





Comentarios

Publicacións populares