Bautismo de Xesús B

O BAUTISMO DO SEÑOR



Primeira Lectura   Is 42, 1-4. 6-7
Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo
 LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

            Isto di o Señor:
            Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
            Teño posto sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
            Non berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
            Canivela fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
            Con fidelidade proclamará a xustiza,
non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
            Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,
da prisión aos que viven na escuridade.

         Palabra do Señor              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.

Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,
tributádelle ao Señor gloria do seu nome,
adorade o Señor no seu atrio sagrado.

A voz do Señor sobre as augas,
o Señor sobre as augas copiosas.
A voz do Señor é poderosa,
a voz do Señor é maxestosa.

O Deus glorioso fai tronar.
No seu santuario todo di: Gloria!
O Señor sentou sobre as augas,
o Señor senta como rei eterno.




Segunda Lectura     Feit 10, 34-38
Unxiuno Deus co Espírito Santo
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            ‑ Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
            El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os  que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 

     Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mc 9, 6
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:
Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.
Aleluia.



Evanxeo  Mc 1, 7-11
Ti es o meu Fillo amado, en ti me comprazo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, Xoán proclamaba:
            ‑ Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, perante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.
            E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaré de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán.
            E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. E unha voz deixouse oír desde o ceo:
            ‑ Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.

   Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo





Comentarios

Publicacións populares