SOLEMNIDADE DE SANTA MARÍA NAI DE DEUS

 Día 1 de xaneiro

Na Oitava do Nadal do Señor

 

Primeira Lectura   Núm. 6, 22-27

Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu bendicireinos

LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS


Naquel día, o Señor faloulle a Moisés:

- Dilles a Aharón e a seus fillos: Desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: “Que o Señor te bendiga e te garde; que faga brillar o seu rostro sobre ti e che conceda a súa graza; que o Señor volva os seus ollos cara a ti e che dea a súa paz”.

Invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos.


            Palabra do Señor                                                             R.: Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIALSal 66, 2-3. 5. 6 e 8

R.: (2a) Deus teña piedade de nós e nos bendiga.


Deus teña piedade de nós e nos bendiga,

faga brillar o seu rostro sobre nós.

Que se coñeza na terra o teu camiño,

en todas as nacións a túa salvación.


Alégrense e canten as nacións,

porque xulgas os pobos rectamente

e na terra gobernas as nacións.


Lóente os pobos, oh Deus,

lóente todos ospobos.

Que nos bendiga Deus e que o teman

os confíns todos do mundo.


 



Segunda Lectura   Gál 4, 4-7

Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS


                Irmáns:


                Así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei, de xeito que puidésemos recibir a adopción de fillos.

                A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou aos vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama Abbá! (que quere dicir meu Pai!).

                Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo.

                E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.


 

           Palabra do Señor                                                             R.: Grazas a Deus


 


ALELUIAHeb 1, 1-2

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.


En moitas ocasións, e de moitos xeitos, veulles falando Deus

aos nosos devanceiros por medio dos profetas;

ultimamente falounos por medio do Fillo


Aleluia.

 


Evanxeo   Lc 2, 16-21

Encontraron a María e a Xosé e o neno. E despois de oito días puxéronlle de nome Xesús.

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


                Naquel tempo, os pastores foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.

                E cantos o oíronquedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.

                María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.

                E os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo como lles fora anunciado.

                Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.


       Palabra do Señor                                                             R.: Loámoste, Cristo


Comentarios

Publicacións populares