FICHA E LECTIO: Santa María Nai de Deus
Bo
aninovo!
(1 xaneiro 2021)
Hai
poucas horas que estreamos este novo ano 2021.
Todos
temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai
pasando con nós. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes
e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do paso
firme e seguro do tempo.
Moitos
filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en
que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con
el que nos resulta difícil velo, coma quen di, diante de nós, a una certa
distancia, para contemplalo así en si mesmo.
Dicimos
que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que
este Deus que chamamos intemporal se meteu, pese a todo, no seu Fillo Xesús do
Nadal, no noso tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e
participantes así da súa divindade (como nos di a liturxia), temos todos algo
de temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas,
mais tamén entendemos dalgún xeito iso de sermos eternos e, sobre todo, o de
querérmolo ser. ¿A quen non lle gustaría vivir cen, mil... anos, vivindo
ademais, como se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese
que o tempo pasase por un?
Con
todo isto o que quero dicir é que, ó rematar o ano pasado e dar comezo o novo,
deberiamos darlle grazas a Deus por nos permitir debruzarnos sobre o balcón
soleado deste Aninovo, podendo así ollar con esperanza cara ó futuro. Grazas e,
tamén, pedirlle perdón porque hai moita contaminación do mal no mundo para
podermos chegar limpos de po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete
veces, cantas máis veces non teremos pecado nós, que non podemos fachendear de
xustos, pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos...
Na
altura deste comezo do Aninovo é sempre bo tamén botarlle unha ollada ás
tarefas, proxectos ou quefaceres que se nos presentan ou poden presentar nel.
Para vermos se están ou non en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi
posíbel que a todos nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común
fraternidade, derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso
común Pai Deus. Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de
hoxe, tomada da carta do apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus
Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, pra deste xeito podérmonos
converter en fillos “adoptivos” de Deus;
e que por iso todos podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e de
que de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das
grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres fillo –dísenos nesta carta- es
tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
A
carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É
bo lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns tendan a considerar os
cristiáns como sometidos ou escravizados por un Deus ameazador, a verdade é que
os cristiáns temos boas razóns para considerármonos libres. Libres no noso
comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira
clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa non es escravo, senón fillo”.
Por
iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que
non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián no
debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus imaxinado así nin de
ningunha persoa humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e
quérenos así.
Naturalmente,
esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é, de maneira
paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai “escravo” dos demais en
servizo e amor a eles. Este tipo de “escravitude” si que é boa. Exerceuna o
noso irmán Xesús durante toda a súa vida e de maneira simbólica lavándolles os
pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade dunha Teresa de
Calcuta, que se fixo voluntariamente escrava de asoballados e desprezados, e a
de tantas outras e outros (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear
liberdade por onde queira que van facéndose libremente escravos dos demais.
No
mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai
Deus. Se o noso irmán Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha
corte, e morrer nunha cruz no canto dun leito de rosas sería seguramente para
que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir que Xesús non é
seu irmán.
Deus
quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a
festividade de Santa María “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar
con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha
vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga home en
Xesús, e, a pesar de todo, ese o “misterio” central da nosa fe.
Renovando
coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este novo ano coa alegría do
Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima
Trindade de Deus presida tódolos días deste novo ano 2021, que desde hai só doce
horas nos acompaña. E moitas felicidades tamén a cantos celebrades ou
celebramos onomástico: ós que se chaman Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel,
Salvador, María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos!
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario