FICHA E LECTIO: Domingo 2 do Tpo. Ordinario B
Un
Mesías sim-pático
(B – 17. I. 21)
Comezamos
con este domingo o que se adoita chamar “tempo ordinario” na liturxia, unha vez
rematado o tempo de Nadal, no que Xesús se nos facía presente dunha maneira moi
especial e íntima.
A
festividade do anterior domingo, a do Bautismo do Señor, viña ser algo así como
o paso do Antigo Testamento ó Novo, actuando en certo modo Xoán Bautista como
intermediario entre os dous Testamentos. O propio Bautista dicíanos que o que
agora importa é sermos bautizados por Xesús “no Espírito Santo”, instaurándose
así unha nova relación libre e filial con Deus como Pai noso. Agora xa non
somos “servos”, senón fillos.
Pois
ben, a vida e o comportamento de Xesús son os que nos van ir aprendendo esta nova
relación filial con Deus. Xesús, niso que chamamos a súa “vida pública”, vai
empezar a chamar e convidar xente normal e corrente (traballadores, pescadores,
etc.) á participación na súa experiencia filial co seu Pai Deus e á amorosa
relación fraternal entre todos. Está aí xa en xermolo o que será a primeira
comunidade cristiá.
O
relato que hoxe nos presenta o evanxeo de Xoán é para min, na súa sinxeleza e
emotividade, unha verdadeira marabilla. Un Xesús para eles descoñecido, se non
fose pola indicación que lles fai o Bautista, pasa preto de Xoán Bautista e de
dous discípulos seus. Semella que Xesús ía camiñando só. Isto de camiñar só é
naturalmente un dicir, porque o seu corazón e a súa mente non deixarían de
estar en íntima relación con seu Pai Deus e con tódolos seus irmáns, homes e mulleres
da súa terra, que eran tamén o mundo da súa experiencia ou da súa vivencia
concreta humana. O encargo do seu Pai era o de lles comunicar a todos a “boa
nova” coa que se inauguraba o Novo Testamento: a fraternidade universal de
todas e todos no noso común sermos fillas e fillos de Deus.
Mais
para isto precisaba Xesús de persoas que se comprometesen neste labor de
faceren a experiencia do amor que Deus nos ten como Pai e de comunicárllela ós
demais. Estas persoas son as que chamamos os apóstolos e discípulos do Señor. A
nosa igrexa de Vigo, polo seu título dos “Apóstolos”, que presiden coa súa
imaxe as celebracións eucarísticas, quere ser explicitamente continuadora desa
experiencia viva dos primeiros apóstolos. En realidade, aquilo que lles
indicara o Bautista ós seus dous discípulos, dicíndolles “Velaquí o Año de
Deus”, resoa e está aínda presente no que se proclama antes da comuñón
eucarística: “Este é o Año de Deus que quita o pecado mundo...”.
Esta
indicación do Bautista, xeneroso e desprendido de calquera interese persoal en
relación coa súa clientela de seguidores, cambiou para sempre a vida dos seus
dous discípulos. Deixaron de ser discípulos seus, do Bautista, para se
converteren en discípulos daquel que os ía bautizar “no Espírito Santo” (con
todo o que xa sabemos que isto significa).
Ó
se decatar Xesús de que viñan tras del os que neste mesmo día se converterían
en discípulos seus, limitarase en principio a lles preguntar: “Que buscades?”.
Isto
de “buscar” Xesús ou de buscar a Deus é, desde logo, un tema moi fondo e
interesante, no que non me podo deter aquí como me gustaría. Mais douvos polo
menos dúas referencias de tipo histórico. San Bernardo, o reformador
cisterciense do século XII, dicía en relación con esta busca de Deus esta frase
ben paradoxal: “Ninguén pode buscarte se antes non te encontrou”. E cinco
séculos despois, no século XVII, o científico e filósofo-teólogo francés Pascal
poñía en boca de Xesús algo semellante: “Ti non me buscarías se non me tiveses
encontrado”.
Con
estas referencias o que quero dicir é que, cando Xesús lles pregunta ós seus
novos aprendices de discípulos “Qué buscades?”, sabe moi ben que eles, por
medio do Bautista e pola propia experiencia que eles posuían de Deus, xa se
tiñan atopado no fondo do seu corazón con el, aínda que non soubesen
perfectamente de que se trataba. Non podemos esquecer que sen a graza de Deus, é
dicir, sen que Deus dalgún modo nos convide ou chame, nin sequera poderiamos
ter desexos de achegármonos a el, é dicir, de “buscalo”. Se pensásemos doutra
maneira, seriamos semellantes a aqueles pelaxianos ou semipelaxianos contra os
que tivo que loitar xa o primeiro cristianismo.
Xesús
convídaos, pois, a que veñan e vexan a súa vivenda, o seu “pisiño” coma quen
di. Sería quizais unha pequena cabana, unha choza ou chabola. Para máis non
daban os escasos haberes dos que Xesús podería dispor polos traballos que
realizaba. Foi alí, na súa conversa con Xesús, onde fixeron eles a súa
fundamental experiencia de Deus, do Deus de Xesús: a experiencia dun Deus que
salva, libera e dá vida para sempre.
Eu
tendo a pensar que neste primeiro encontro non lles falaría Xesús directamente
sobre si mesmo, senón que se interesaría ante todo pola vida deles, poñéndose á
súa disposición. As preguntas de Xesús poderían ser algo así como estas: e vós de
quen sodes?, en que traballades?, como vos vai?... Ou algo semellante. Pois o
auténtico sentido da amizade, do amor, do compañeirismo amósase en que un non
se preocupa polos propios asuntos ou problemas, senón polos problemas dos
demais, daqueles que se achegan a un con
confianza.
Non
é nada estraño que desde este momento e para sempre quedaran eles seducidos
pola persoa de Xesús. Tanto que, dentro da moderación e escaso barroquismo do
relato, non se deixa de indicar significativamente nel que iso ocorreu “contra
as catro da tarde”. E ademais un deles, Andrés, irá axiña contarllo a seu irmán
Pedro para lle comunicar a gran nova: “Encontramos o Mesías”. E Pedro, que
chega onda Xesús presentándose como “Simón, o fillo de Xoán”, sairá de alí
transformado tamén nunha nova persoa, aquela sobre a que Xesús poderá construír
a súa Igrexa. Por iso o seu nome é desde agora fundamento, alicerce, pedra, ou
sexa, Pedro.
Para
rematar xa. Só poderemos garantir, pola nosa parte, termos experimentado
encontros semellantes ós que tiveron con Xesús estes discípulos de Xoán
Bautista, se tras tales encontros nos sentimos impelidos cara a tarefas que
teñan que ver co exercicio da fraternidade e do servizo ás persoas. Pois a
experiencia de Xesús produce inevitabelmente efectos deste tipo.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario