FICHA E LECTIO: Domingo 2 despois de Nadal

 




LECTIO:

Palabra infinita

 (3. I. 2021)

 

            O próximo mércores é tamén día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa dos Reis Magos a pouco de comezarmos o novo ano. Antonte celebramos a festividade de “Santa María Nai de Deus” co que comezou tamén unha vez máis un ano novo, que agora se chama 2021. Por todo isto procurarei hoxe ser algo breve, porque o que importa non é o moito oír e falar, aínda que se trate de temas tan importantes e instrutivos, senón o moito darlle voltas no noso interior, no noso corazón, ás grandezas que Deus fixo e segue a facer connosco.

            Temos que lle abrir a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos por medio do seu Fillo, que é –tal como se nos di no evanxeo de hoxe- a Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, á humanidade toda.

            Por medio desa palabra de Deus convertémonos en fillos de Deus, asemellándonos ó fillo benquerido de Deus. Temos que ir aprendendo a nos concentrarmos naquilo que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non pode ser só teórica, senón que ha ser sobre todo viva e práctica. Nestas festas que estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o misterioso proxecto en relación connosco de Deus Pai. 

            Paulo dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura. En Xesús, coméntanos el, estamos todos “benditos”. Pois foi nel e “por medio” del como Deus Pai nos “escolleu” e “predestinou”, “antes da creación do mundo”, para “sermos fillos adoptivos seus”. Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar se non nos fose revelado por medio de Xesús. Un Xesús que coñece o seu Pai Deus como fillo “benquerido”, que se relaciona polo tanto con el dun xeito infinitamente familiar, único.

            Como este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e, en consecuencia, nos resulta totalmente imposíbel poder entendelo e comprendelo directamente, por iso se nos comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. Podemos, si, en certa medida entender un neno ou un coma nós porque participan da nosa común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó mesmo tempo, esta mesma Palabra, tan divina coma o Pai que a pronuncia e nos dirixe a nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e -por estraño que poida parecer- tan doado tamén de entender o que se nos di neste, tan célebre, comezo do evanxeo de Xoán, que acabamos de proclamar.

            Xesús é a “palabra” de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a súa palabra. Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande, e non pode haber ninguén meirande ca Deus, lle dirixe a un a súa palabra, queda un ipso facto transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un ninguén, unha nada ou algo totalmente insignificante, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en “fillos de Deus”. Podemos dicir que nacemos de novo. Xoán dinos que “nacemos” así da “vontade de Deus”. Ó nacermos deste xeito divino, recibimos –continúa a proclamar Xoán- “o poder de sermos fillos de Deus”. Si, si. Tal e como soa. Non desvaloricemos esta grande mensaxe cristiá: “fillos de Deus”, adoptivos (iso si, pois sería imposible que fose doutra forma), mais verdadeiros, auténticos.

            Por iso, esa gran mensaxe de Xesús como “Palabra” a nós de Deus que nos converte en fillos seus, en fillos de Deus Pai, ten unha enorme, inconcibíbel, capacidade vivificadora e iluminadora. Nesa palabra, dísenos no evanxeo de hoxe, está a “vida”. Diranos Xesús: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. Unha vida que, ó mesmo tempo, é “luz dos homes”, luz contra a que nada poden facer as tebras. “A Palabra –dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo”. “Eu son –diranos sobre si mesmo Xesús- a LUZ do mundo”. El, palabra de Deus Pai ó mundo, é para Xoán ese novo sol que espalla vida, calor e luminosidade fronte a calquera clase de morte ou escuridade.

            Por todo isto, Xesús como “palabra” non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. “A Palabra fíxose carne”, dísenos de maneira rotunda e concisa no evanxeo de Xoán. Da mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber cómo é Deus. Este é o resumo e a conclusión da reflexión de Xoán: “A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou”.

            Deámoslle grazas a Deus por ter querido manifestársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós, como nos di tamén Xoán, “cheo de graza e de verdade”.

            Remato cun poema de “Merlo”, que fai referencia a Mercedes Losada Espinosa, irmá do meu compañeiro xesuíta Xaquín Losada Espinosa e filla do coñecido galeguista Antón Losada Diéguez. Mándama nunha felicitación de Nadal de 2014, escrita a man por ela:

Calémonos todos! / Naceu a PALABRA / e nace calada, / nun Neno sen fala. / PALABRA DIVINA / que queima e abrasa. / PALABRA que é fonte / do AMAR e da GRAZA. / Mirando a Deus Neno / o silencio fala, / e... di tantas cousas...! / Aínda sen ter son / fala ao corazón.

Merlo (asinado)]

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-domingo-de-nadal-b-xoan-11-18/

Comentarios

Publicacións populares