Domingo 2 do Tpo. Ordinario - ciclo B

Primeira Lectura      1 Sam 3, 3b-10. 19

LECTURA DO PRIMEIRO LIBRO DE SAMUEL

Fala, Señor, que o teu servo escoita

    Naqueles días, Samuel estaba deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.
    O Señor chamou por Samuel e este respondeulle:
     ‑ Aquí estou.

     E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle:
     ‑ Aquí estou, pois chamaches por min.

     Elí díxolle:
     ‑ Eu non te chamei; vai e déitate.

     E Samuel volveu deitarse.
     O Señor chamou de segundas por Samuel.
     Samuel ergueuse e foi onda Elí, e díxolle:
     ‑ Aquí estou, pois chamaches por min.

     Elí respondeulle:
     ‑ Eu non te chamei, meu fillo; vai e déitate.

     Daquela Samuel non coñecía o Señor, pois a palabra do Señor aínda non se lle revelara.
     O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi onda Elí, e díxolle:
     ‑ Aquí estou, pois chamaches por min.

     Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba o rapaz, e díxolle a Samuel:
      ‑ Vai e déitate, e se te chama outra vez, dirás: "Fala, Señor, que o teu servo escoita".

     Samuel marchou e deitouse no seu sitio.
     O Señor presentouse e chamou coma as outras veces:
     ‑ Samuel, Samuel!

    E Samuel dixo:
    ‑ Fala, Señor, que o teu servo escoita.

   Samuel ía crecendo; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ningunha palabra súa.
                       
Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL        Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
R/.  (8a e 9a):  Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.

Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".

No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.

Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.



Segunda Lectura      1 Cor 6, I3c-I5a. I7-20
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Os vosos corpos son membros de Cristo

            Irmáns:
            O corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo. E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.

            Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E quen se xunta ao Señor, é un mesmo espírito con El. Fuxide da impureza.

            Calquera pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen comete impureza peca contra o seu propio corpo.

            Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, que o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós?

            Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, polo tanto, a Deus co voso corpo.
    
  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA  Xn 1, 41. 17b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Encontramos o Mesías, que é Cristo,
por medio del déusenos a graza e a verdade.
Aleluia.


Evanxeo      Xn 1, 35-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Viron onde paraba e quedaron con el
  
            Naquel tempo, estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:
            ‑ Velaquí o Año de Deus.

            Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
            ‑ Que buscades?

            Eles respondéronlle:
            ‑ "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), onde paras?

            El díxolles:
            ‑ Vide e veredes.

            E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.
            Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:
            ‑ Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).

            E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
            ‑ Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Cefas (que quere dicir Pedro).

 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares