FICHA E LECTIO: Bautismo do Señor
Pomba,
espírito libre
(10. I. 2021)
Os
máis de nós recibimos o bautismo cando eramos pequerrechos. Un dos nosos pais
ou padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as augas do sacramento do
bautismo, sen nós termos conciencia do que alí ocorría, transformáronnos
ritualmente en cristiáns e uníronnos ó corpo místico de Cristo, á súa Igrexa.
Unha
maneira moi distinta de bautismo foi a de Xesús. Se nós eramos daquela infantes
e cativos, el era xa unha persoa adulta, que se estaba abrindo paso na vida. No
seu caso foi un acto moi consciente. Xesús sentíase atraído, como tantos
outros, pola figura, polo comportamento, polas palabras do Bautista que chamaba
á conversión e a se ocupar de facer o ben. Moito do atractivo do Bautista
proviña de que aquilo que el predicaba ou proclamaba levábao tamén á práctica
na súa vida. O Bautista era unha persoa consecuente e sentía no seu interior o
ardor da experiencia de Deus.
Pola
súa parte, Xesús percibía en si mesmo unha experiencia incomparábel, fonda e
misteriosa, a de se saber e sentir fillo benquerido de Deus, de Deus Pai. Unha
experiencia moi especial, única, da que polo tanto pouco ou nada podemos nós
dicir desde a nosa propia cativeza. Mais, ó tempo, Xesús era fillo do seu pobo,
un máis daqueles que se achegaban a escoitar o Bautista para deixarse
interpelar por el. Podemos dicir que Xesús estaba tan unido a seu Pai Deus coma
ó seu pobo, á súa relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus costumes
tradicionais. Mais dentro del ardía un lume devorador, un lume humano-divino
que el quería estender a todos, para que a todos lles proporcionase luz e
calor. Era ese lume interior de se sentir fillo especialísimo de Deus e irmán
de tódolos humanos. Era a luz e a calor que el quería estender entre tódalas
persoas e que vén sendo o cerne msmo de todo sentimento cristián: o de
sentírmonos irmáns de todos en canto fillos dun mesmo Pai.
Esta
unión de Xesús con Deus Pai e con toda a humanidade foi a que fixo que o seu
achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa propia actividade, que se
vai distinguir claramente da do Bautista. Xesús cumpre, ó ser bautizado polo
Bautista, cun rito relixioso, pero non para se quedar pegado a el, petrificado
coma quen di, inmóbil e satisfeito consigo mesmo. Non. Xesús, a través deste rito,
vaise converter nunha persoa definitivamente libre para se deixar levar, polo
Espírito e polo Pai, onde queiran levalo durante o resto da súa vida mortal,
que só vai durar poucos anos
O
propio Bautista apunta a este contraste entre o que el era ou facía e o que era
ou ía facer Xesús, cando, antes de bautizar Xesús, anuncia ós alí presentes que
el, o Bautista, “bautiza con auga”, mais que Xesús, en cambio, “bautizará no
Espírito Santo”.
Pobre
Espírito Santo, poderiamos aquí engadir, do que tan poucas veces oímos falar e
que é non obstante aquel no que Xesús nos bautizou e nos bautiza a cotío para
nos facer mellores cristiáns, se é que a el lle deixamos facer en nós tal
cousa!
Dentro
do misterio que é e seguirá sendo sempre a Santísima Trindade, din os teólogos
que o Espírito Santo é o “amor” co que se aman Pai e Fillo. Un amor tan grande,
tan infinito, que é el mesmo igual ó Pai e ó Fillo, e que é tan persoa como
persoas son o Pai e o Fillo. Palabras e conceptos misteriosos, que para máis
dun poderían carecer de calquera sentido, pero que para un cristián consciente
da súa fe deberían rebordar de oculta grandeza e provocarlle auténtica
felicidade. Aquela felicidade de se saber mergullado, é dicir, bautizado, no
Espírito mesmo de Deus.
Un
Espírito que, coma o vento ou o aire que respiramos (pois diso vén o nome de
“espírito”), está cheo de liberdade, de versatilidade. Coma aquel vento forte
do día de Pentecoste, cando os discípulos de Xesús comezaron a falar, coma se
estivesen borrachos, en linguas estrañas
mais intelixíbeis para os que as escoitaban.
Ou coma as aves do ceo que voan libremente por onde lles peta, sen se
preocuparen por estradas polas que tivesen que viaxar ou por camiños
determinados por enriba dos cales tivesen que realizar o seu voo.
Non
será quizais por iso polo que se adoita representar o Espírito Santo como unha
pomba? Esas criaturas de Deus que contemplamos a cotío, dando pasiños curtos
polas beirarrúas ou voando con axilidade á nosa beira e que semellan reflectir
liberdade e bondade... En calquera caso,
o evanxeo de Marcos de hoxe, dinos que, nada máis Xesús ser bautizado polo
Bautista, “baixou sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo”.
Pois
ben, se o Bautista lles di ós seus oíntes (e neles estamos tamén nós
representados) que Xesús, á diferenza do que fai o Bautista, nos bautizará “no
Espírito Santo”, iso quere dicir que, por medio de Xesús e grazas a el, estamos
todos chamados á liberdade, á alegría, ó amor, á bondade e a tantas outras boas
e fermosas realidades que adoitamos designar co nome de “dons” do Espírito
Santo. Pois será este mesmo Xesús, que empezou a súa andaina no día de Nadal, o
que ó final do seu estar connosco nos vai mandar este Espírito e eses chamados
“dons” seus.
Por
iso Paulo podía dicir na súa carta ós Gálatas: “Ti xa non es escravo, senón
fillo”. O Espírito de Deus é quen nos libera de toda “escravitude” ou angustia
e nos fai libres coma pombas. Exactamente como ocorreu no acontecemento do
bautismo de Xesús. Dinos, efectivamente, o evanxelista Marcos que, ó tempo que
o Espírito Santo descendía coma unha pomba sobre Xesús, deixouse oír unha voz
que exclamaba: “Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto”. É dicir, a
conciencia que adquire Xesús de ser fillo de Deus Pai (e non “escravo” del) é o
don fundamental dese Espírito Santo que baixou sobre el e que está a baixar en
todo intre sobre cada un de nós para crear en nós conciencia e sentimentos
filiais en relación co noso Pai Deus.
É
así precisamente como o Bautismo de Xesús afecta fondamente non só a el senón
tamén a todos nós, seus irmáns seus e fillos tamén adoptivos, mais verdadeiros,
de Deus Pai. Esta é a grande ledicia que nos trae a todos a agarimosa pomba,
símbolo da liberdade e verdade do Espírito de Deus, que descende sobre Xesús.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario