EPIFANÍA DO SEÑOR 2021
Reis á busca de
excluídos
(6 de xaneiro de 2021)
A escena que tradicionalmente se nos pon á vista na
festividade da Epifanía do Señor ten que ver con reis, estrelas e coa alegría
dos agasallos de ouro, incenso e mirra que os reis magos lle ofrecen ó Neno
Xesús.
Véñenme á lembranza aqueles versos do poeta Curros
Enríquez co gallo do traslado, no ano 1891, dos restos mortais de Rosalía de
Castro desde o cemiterio de Adina ó templo de San Domingos de Bonaval de
Santiago. O poema empezaba así: “Do mar pola orela / Mireina pasar, / Na fronte
unha estrela, / No bico un cantar”. E remataba deste xeito: “¡Ai, dos que levan
na fronte unha estrela! / ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!”.
Versos coma estes poderían aplicarse ós Reis Magos de
Oriente, seguidores daquela estrela da que nos fala o evanxelista Mateo que
lles daba luz a eles na súa busca da Verdade e da Vida. Unha busca que neles se
concretaría no encontro agarimoso con Xesús, o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus
connosco”. Levaban tamén os Reis Magos “na fronte unha estrela”. Estrela que os
guiaba co seu resplandor. A estrela de Rosalía era o seu amor a Galicia e ás
xentes pobres e postergadas do noso país. Os Reis Magos son tamén para nós un
símbolo bendito dos que, sexan humildes ou poderosos, se poñen en camiño para
ofreceren os seus dons e o seu agarimo ós pobres e necesitados do mundo,
representados hoxe na pobreza de Xesús e mais dos seus pais.
Porque ben sabemos que é nos pobres onde se atopa Deus e
onde el quere que aprendamos a atopalo. Lección que non nos resulta doada de
aprender. Pois no Neno Xesús identifícase Deus cos pobres e humildes do mundo
enteiro. É alí onde Deus quere ser servido, querido e agasallado. Non noutro
lugar. Vede con que forza o papa Francisco se refería nun dos seus documentos
programáticos ó lugar central que deberían ocupar os pobres no seo da Igrexa: “Quero
unha igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos... É
necesario que todos nos deixemos evanxelizar por eles. A nova evanxelización é
un convite a recoñecer a forza salvadora das súas vidas e a poñelos no centro
do camiño da Igrexa. Estamos chamados a descubrir Cristo neles, a prestarlles a
nosa voz nas súas causas, mais tamén a sermos amigos seus, a escoitalos, a
interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a
través deles”.
Volvendo a vista ós Reis Magos, móstrannos eles no seu
comportamento que é precisamente neste servizo ó próximo necesitado,
representado na pobreza do Neno Xesús, onde se atopa a verdadeira grandeza de
cantos dispoñen de bens e de riquezas. Eles son só verdadeiramente grandes e
poderosos cando saben engrandecer e alegrar os que carecen de posibilidades
para desenvolver con dignidade a súa vida.
Por outra parte, non pensemos que esta decisión, a dos
Reis Magos ou tamén a nosa propia e particular decisión, foi ou é unha acción
puramente persoal. É sempre o Deus que dirixe a historia e os acontecementos
todos, aínda que sexa desde a humilde cátedra dun presebe, o que de moi
diversas maneiras suscita en todos, como tamén nos Reis Magos, bos pensamentos
e desexos. El é sempre quen inspira e atrae cara ó ben, cara ó humilde servizo
dos pobres e necesitados do mundo.
Segundo os versos de Curros, Rosalía, impulsada pola
estrela que levaba na fronte, levaba tamén “no bico un cantar”. O canto é
expresión de fe nunha causa, a alegría dun modo de pensar, de actuar e de
traballar que ensancha o espírito e lle dá azos ó camiñar de quen ceiba ó vento
o seu canto. Sobre os Reis Magos dinos Mateo que, tralo seu encontro con
Herodes, a estrela se lles volveu aparecer e que, ó ollala de novo, “sentiron
unha grande alegría”. Tamén deles podemos dicir que levaban “no bico un
cantar”.
Cos seus relatos de Nadal, os redactores destes
acontecementos salvíficos sobre o Neno Xesús, están a ofrecernos, nunha
linguaxe mitolóxica –semellante á utilizada polos poetas-, unha mensaxe moi
concreta que suscita e provoca alegría e esperanza. Temos aí diante un Deus
salvador, un Deus Pai que se fai irmán de todos en Xesús. A fraternidade entre
todos queda deste xeito instaurada no mundo como realidade e como fermoso e
esperanzador proxecto a realizar.
Este proxecto igualitario e fraternal é todo o contrario
do comportamento dun Herodes preocupado pola posibilidade de que o anunciado
“rei dos xudeus” vaia desbancalo do seu posto real, da súa privilexiada
posición de poder. Porque cando un fai depender a súa vida do propio poder, da
propia forza e da propia violencia, entón vese inevitabelmente tentado a
recorrer a toda clase de trapelas e artimañas para se manter no seu posto
fronte a calquera que sexa quen de llo poder arrebatar.
O tempo de Nadal é un tempo forte que convida a nos
converter a novas categorías vitais. É, ademais, un tempo litúrxico que contén
unha mensaxe dirixida non só ós cristiáns, senón á humanidade enteira. Porque o
verdadeiro templo de Xesús é o mundo enteiro e non só o pequeno interior das
nosas igrexas onde podemos contemplar as variadas representacións do seu nacemento. Á fin e ó
cabo, pagáns eran tamén os Reis Magos que camiñaron cara ó encontro do Neno
Xesús para agasallalo cos seus regalos. Por iso, o xudeu Paulo, reconvertido en
cristián, alude expresamente, na segunda Lectura, e con grande abraio, o gran “misterio” de que
tamén “os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da
promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo”.
Este Deus universal e concreto, aberto a todas e cada
unha das persoas de calquera espazo cultural, de calquera país, de calquera
relixión ou de calquera tempo histórico, é o que os seguidores de Xesús temos
que lles ofrecer con humildade, agradecemento e alegría a todos, se é que queremos
ser fieis ó noso Mestre.
Día de Reis é tradicionalmente un día de regalos e
ilusións para moitos, sobre todo para os máis cativos. Deberiamos desexar que
tódolos días da nosa curta ou longa vida sexan, nalgunha medida, “Día de Reis”
para cantos se atopen nalgún momento das súas vidas connosco, converténdonos
deste xeito pola nosa parte en verdadeiros e esperados reis magos para tantos
empobrecidos do mundo.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario