Ficha e Lectio - Domingo 33 Ord B

FICHAS ANTERIORES:



LECTIO:
DOMINGO XXXIII T. O.
(Ano B: 18. XI. 18)

            O tempo corre que é unha barbaridade, dicimos de cando en vez. Para algúns corre moi lento, por exemplo, para os rapaces e xente moza. En troques, para os que xa nos apuntamos á chamada “terceira idade”, si que se nos vai o tempo a toda présa, por máis que intentemos frealo.
            Os tempos de Deus son distintos. Mellor dito, Deus non ten tempo. Deus é eterno, é a mesma eternidade. Non sabemos, estando como estamos no tempo, como se pode vivir a eternidade. Este é o seu misterio, a súa grandeza. De tódalas maneiras, algo de eternidade si que levamos nós dentro, porque a verdade é que nos gustaría a todos ser eternos, vivirmos sempre, etc. E isto non podería ser así se non soubésemos algo dela, desa eternidade. Cousa que polo demais non nos debería estrañar, porque á fin e ó cabo de Deus, que é a mesma eternidade, procedemos todos.
            Vivimos, polo tanto, cada un de nós e a humanidade no seu conxunto, entre o tempo e a eternidade. Algún bo día e sen que se nos consultase (porque non eramos aínda nada) atopámonos, e ben sorprendidos, neste mundo. E empezamos a berrar forte, a respirar os primeiros “airiños da nosa terra” e aquí estamos. En plena aventura da vida con outras persoas ás que lles pasou algo semellante.
            Os tempos litúrxicos son tamén cambiantes. Case sen dármonos conta, estamos xa na antesala do chamado Tempo de Advento. Co domingo seguinte ó próximo (que será a festividade de Cristo Rei) estaremos xa metidos nese especial tempo preparatorio do nacemento de Xesús. Nacemento, vida, paixón, morte e resurrección de Xesús son para nós algo así como o modelo ou paradigma do noso propio proceso vital.
            Tanto para Xesús coma para nós vivirmos é un proceso que non se detén, unha verdadeira aventura. En canto a nós, o máis fermoso, grandioso e insospeitábel é que Deus estea no comezo, no centro e no descoñecido futuro destas nosas vidas. Unhas vidas que en realidade xa non rematarán, porque ó estarmos como estamos nas mans de Deus seremos tamén inmortais á semellanza del. El non nos vai deixar caer das súas mans.
            Ben. Todo isto está dito porque as lecturas de hoxe (case xa ó final, como digo, do chamado tempo litúrxico “ordinario”) lévannos un pouco por aí. Hai nelas, tanto na primeira (do Libro de Daniel) coma no mesmo evanxeo, unha linguaxe de signo apocalíptico. Fálasenos, neste sentido, sobre o futuro dunha maneira que nos podería arrepiar. Pero é, como digo, unha linguaxe que naqueles tempos era normal utilizar ó falar destas cousas. Xesús participaba tamén, en canto pertencente ó seu tempo e á súa cultura, desta maneira de se referir ós acontecementos futuros. Como con acerto nos conta M. Regal Ledo en relación con isto nalgún dos seus escritos: “A encarnación de Deus é moito máis có feito puntual dunha persoa humana que toma corpo nas entrañas de María; tamén toma corpo nas entrañas da historia, das culturas, do pensamento humano”.
            De todos modos, Xesús non se deixa levar totalmente por esa maneira apocalíptica de falar ó nos dicir concretamente no evanxeo de hoxe: “En canto ó día e maila hora no que iso vai acontecer, ninguén sabe nada”.
            Malia esta advertencia, semella que os primeiros cristiáns estaban convencidos da próxima ou inmediata volta de Xesús, “con gran poder e gloria” (tal como se nos di). O que significaría que o final da historia humana tería acontecido xa e que polo tanto nós non estariamos hoxe aquí falando ou oíndo cousas coma estas.
            Pois ben, ante tanta ignorancia nosa sobre os misterios de Deus (en calquera caso, misterios bondadosos e misericordiosos, porque o noso Deus é e seguirá a ser sempre un Deus Pai bondadoso e misericordioso), deberiamos seguir o consello de Xesús de “aprender da figueira”. En que sentido?
            Na nosa terra temos moitos nomes de lugares e apelidos chamados “Figueroa”, aínda que máis correctamente teriamos que dicir “Figueiroa”. Un nome que proviría dalgunha “pequena figueira” (“ficariola”, no latín vulgar) que habería por alí. Tamén “Figueirido” ou “Figueiredo” que fan referencia a sitios onde abondan as figueiras, etc. A figueira ten para min gratas lembranzas dos meus tempos de rapaz. Non era unha “ficariola”, unha pequena figueira, senón unha ben grande, a que chegaba case ata o tellado da nosa casa familiar que tiña bastante altura. Como eramos seis os irmáns, a nosa nai repartiunos as pólas da gran figueira para que non rifásemos demasiado entre nós cando apulitabamos a ela ó empezaren os figos a madurar.
            Tamén a Xesús lle gustaban os figos e algunha vez ata tivo que maldicir unha porque non tiña figos, e iso que -tal como se nos di no evanxeo- non era tempo deles... Pois ben, a figueira vén sendo un símbolo da nosa vida, que vai sempre cambiando, avanzando, semellando ás veces estar morta, aínda que en realidade no seu interior bule sempre, agachada, a vida. No inverno está amorriñada e as follas –murchas- cáenlle ó chan; na primavera xorden os primeiros gromos nas pólas e no verán os figos convértense en delicia para o padal. A figueira non sabe do seu futuro, nin lle angustia. Limítase a seguir o ritmo interior que lle dita a natureza.
            Por outra parte, a figueira deixa tamén que os necesitados se alimenten dos seus froitos. Uns froitos que ela non sabe cómo é capaz de os producir. Pero aí están: ó servizo de quen se queira achegar onda ela. Por iso a figueira vénnos tamén ben hoxe, pois estamos a celebrar por segunda vez a “Xornada Mundial dos Pobres”, que o papa Francisco botou a andar o ano pasado. Deixemos, como figueiras boas e xenerosas, que os pobres se alimenten dos froitos que Deus lles quere dar a eles por medio de nós.
            Digo isto e podería engadir moito máis porque é Xesús quen nos di que deberiamos aprender da figueira. Esteamos, pois, coma ela, ben enraizados na humildosa terra e abertos cara ó ceo, cara ó futuro e cara ós demais.
            Deixémoslle, finalmente, ó noso Deus Pai que, así como foi el quen pensou en nós para nos dar vida, sexa tamén el quen a goberne e dirixa polos seus sabios camiños, aínda que nós poidamos consideralos rectos unhas veces e outras retortos. Tanto os camiños da nosa vida coma os daqueles que levamos no corazón. E neste inabarcábel grupo dos que queremos non deberiamos excluír a ninguén, por descoñecido que sexa para nós. Pois deberiamos querer ben a todos en canto irmáns nosos en Cristo Xesús, irmán maior noso.

ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos a Deus, Pai noso e Pai de todos, dicindo conxuntamente: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Dános, Pai, luz e entendemento para sabermos que as nosas vidas se orixinan en ti, dador de toda vida. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que saibamos respectar o ritmo misterioso das nosas vidas e da natureza toda, sen violentala nin degradala. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Protexe, Pai, a cantos se atopan en perigo de perder as súas vidas polas ameazas e as inxustas violencias dos demais. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:



Comentarios

Publicacións populares