Domingo 32 de Ordinario B
PRIMEIRA 1 Re 17, 10-16:
A viúva fixo un pequeno pan coa pouca fariña que tiña e déulle-lo a Elías
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
10Foi el á Sarepta e, ó entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle: ‑"Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber". 11Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle: ‑"Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".
12Ela díxolle: ‑"Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na talla unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".
13Díxolle Elías o texbita: ‑"Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. 14Pois isto di o Señor, Deus de Israel: a talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará, ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".
15Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, 16sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.
SALMO RESPONSORIAL Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/ (1): Louva ó Señor, alma miña
Ou: Aleluia
7El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza ós oprimidos
e dálles pan ós famentos.
O Señor libra os cativos,
8o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
9O Señor protexe os forasteiros,
sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
10Reine o Señor por sempre,
o teu Deus, Sión, polas xeracións.
Aleluia.
SEGUNDA Heb 9, 24-28:
Cristo sacrificouse dunha vez por todas para quita-los pecados de moitos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
24O Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; 25e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, 26porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero a verdade é que agora dunha vez para sempre, no derradeiro dos períodos da historia, co sacrificio de si mesmo, quedou a disposición de
todos para acabar co pecado.
27O mesmo que o destino de todo home é morrer unha vez só e, despois xa da morte, vén o xuízo, 28así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quita-los pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salva-los que o están agardando con ansia.
ALELUIA Mt 5, 3:
Ditosos os pobres de espírito,
porque deles é o reino dos ceos
EVANXEO Mc 12, 38-44 (longa)
Esta pobre viúva deu máis ca todos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
38Dille Xesús á xente ensinando:
-¡Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; 39buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. 40E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
41Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. 42E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. 43Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles:
-Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. 44Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.
Ou: 41-44 (máis breve)
41Sentado Xesús fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. 42E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. 43Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles:
-Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. 44Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.
Comentarios
Publicar un comentario