Ficha e Lectio - Domingo 31 Ord B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XXXI T. O.
(4. XI.18)
Intentarei
ser algo máis breve do normal. Porque hai só tres días que nos atopabamos aquí
mesmo celebrando a festa de “Tódolos Santos” e coido que non cómpre enchernos
demasiado de ideas. O que importa é a práctica do ben, e non tanto as teorías
máis ou menos abstractas e bonitas sobre aquilo que debemos facer.
Algo
relacionado con isto que digo semella estar precisamente o breve discurso de
Xesús que hoxe nos refire, unha vez máis, Marcos. Porque se algo é e di Xesús é
ser concreto e falar de maneira tamén ben concreta. El é para nós, en certo
modo, a mesma “concreción” de Deus-Pai no mundo, ou –dito doutra maneira- o
Deus visíbel e tanxíbel.
Pois
ben, convén non deixar de lado que o diálogo de hoxe de Xesús co letrado ocorre
no día seguinte da coñecida escena do templo na que Xesús botou sen
contemplacións fóra do templo os que andaban a facer os seus negocios vendendo
ou mercando determinados animais para os sacrificios que alí se realizaban.
Algo que obviamente non debeu de ser do agrado dos administradores relixiosos
de tales actos de culto: os sacerdotes do templo e os escribas.
Con
isto Xesús estaba a realizar un xesto importante e significativo. E xa sabemos
que un xesto vale máis ca mil palabras. Dalgún xeito viña Xesús amosar así que
a nosa relación con Deus Pai debía ir máis alá do cumprimento dunhas
determinadas normas ou da realización duns concretos ritos cultuais, os que tiñan
lugar de maneira centralizada no templo de Xerusalén.
Xesús
quere baixar en certo modo a Deus do ceo á terra. Porque, á fin e ó cabo, ¿que
é El senón a presenza viva e concreta de Deus no mundo? ¿E que somos, en
consecuencia, os seres humanos do mundo senón presenzas, vivas e palpitantes
tamén, do mesmo Xesús, Fillo de Deus e irmán maior noso, neste mundo noso? Con
isto o “Deus que está no ceo” non desaparece, senón que amosa a súa verdadeira
face en Xesús (no Emmanuel de Deus, é dicir, no “Deus connosco”) e en tódolos
rostros humanos do mundo enteiro.
É,
pois, neste contexto cando un dos letrados lle vai preguntar a Xesús (como
digo, no día seguinte da escena do templo) cal é o “primeiro” mandamento da
lei. Para comprobar, coa resposta que lle dea Xesús, se este respecta de
verdade as xerarquías morais e relixiosas do xudaísmo. Xesús non lle vai fallar
ó letrado, porque non fará senón botar man das mesmas palabras do libro do
Deuteronomio (6, 4-5), respondéndolle: “O primeiro é: Escoita, Israel: O Señor,
noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón,
con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”.
Con
isto semellaría en principio que a pregunta quedaba perfectamente respondida. Mais
Xesús –habida conta da escena do día anterior- vai engadir algo decisivo,
porque este algo vén ser en realidade o centro mesmo da mensaxe de Xesús e da
súa mesma persoa. Xesús vai colocar, efectivamente, dalgunha maneira ó mesmo
nivel có primeiro mandamento o chamado segundo, cando seguidamente lle di ó
letrado (sen que este, pola súa parte, lle tivese preguntado por este segundo
mandamento): “O segundo é este: Amarás o teu próximo como a ti mesmo. Non hai
mandamento máis importante ca estes”.
Hai
que ter en conta que no Antigo Testamento estes dous mandamentos se atopaban en
certo modo mutuamente desvencellados. Do primeiro fálase no Deuteronomio e do
segundo no Levítico (19, 18), mesturado aquí este mandamento entre outras moi
diversas normas morais e cultuais. Xesús, en cambio, une directamente ámbolos
dous mandamentos, considerándoos como semellantes e mutuamente inclusivos e
indicando expresamente que non hai ningún outro mandamento que os supere en
importancia. Cousa que o seu interlocutor, o letrado, aceptará, co agrado de
Xesús, ó comentar tamén o mesmo letrado pola súa parte que eses mandamentos son
“máis importantes ca tódolos holocaustos e sacrificios”.
Ben
podedes ver, pois, por que estas declaracións de Xesús veñen colocar o centro
da nosa fe cristiá non no “templo”, senón nas persoas humanas. Esas persoas
coas que, por aquí e por alá, nos atopamos día tras día. Nelas, en nós, habita
o Deus Pai que nos quere. Pola graza de Deus Pai estamos así convertidos
dalgunha maneira en Xesús, en verdadeiros templos seus. En consecuencia, non
nos será xa posible endexamais separar o noso culto a Deus do noso servizo e
entrega ós irmáns todos do mundo.
Que
esta gran mensaxe de Xesús se faga a cotío presente na nosa concreta vida
cristiá.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Preguémoslle
a Deus Pai que nos converta en atentos seguidores da mensaxe de Xesús, dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, graza para podermos amarte a ti con
todo o noso corazón, con toda a nosa alma, con toda a nosa mente e con toda a
nosa forza.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que amemos tamén o noso próximo como a
nós mesmos.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a considerarmos estes dous
mandamentos teus como semellantes entre si e máis importantes que calquera
holocausto ou sacrificio.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor.
Amén.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario