Ficha e Lectio - Transfiguración do Señor
VER TAMÉN:
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2012/08/festividade-da-transfiguracion-do-senor.html
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2014/08/ficha-e-lectio-transfiguracion-do-senor.html
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2013/08/a-transfiguracion-do-senor-ciclo-c.html
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2012/08/festividade-da-transfiguracion-do-senor_6.html?m=1
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2014/08/ficha-e-lectio-transfiguracion-do-senor.html
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2013/08/a-transfiguracion-do-senor-ciclo-c.html
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2012/08/festividade-da-transfiguracion-do-senor_6.html?m=1
LECTIO:
TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR
(Ciclo A: domingo, 6 de agosto de 2017)
Este ano, casualmente, a festividade da Transfiguración do Señor, que sempre se celebra no calendario litúrxico o día 6 de agosto, cae en domingo e debido a esta circunstancia revístese automaticamente ela dunha solemnidade especial. Coido que é bo que teñamos de vez en cando estas gratas casualidades ou coincidencias porque as mensaxes relacionadas coa Transfiguración do Señor son sen dúbida moi importantes para nós, aínda que non deixa de ser verdade tamén que a escena da Transfiguración do Señor aparece no contexto doutras celebracións eucarísticas do ano litúrxico, non sendo neses casos con todo o centro mesmo da celebración, tal como ocorre hoxe.
O texto da Transfiguración que figura neste ano na liturxia é o de Mateo. Marcos e Lucas falan tamén da mesma escena. Coas informacións dos tres podemos facernos unha idea -para dicilo dalgunha maneira- do ocorrido alí. Á parte de que Pedro, un dos protagonistas da escena, fai lembranza tamén na carta súa de hoxe (na segunda Lectura) da fonda experiencia recibida por el alí. Pois Pedro preséntase a si mesmo nesa carta como “testemuña ocular” da “grandeza” de Xesús na súa transfiguración cando oíron a voz que dicía: “Este é o meu fillo, o meu predilecto, o fillo do meu contento”.
A relevancia da escena da transfiguración do Señor como mensaxe significativa para nós dedúcese do feito de que nela participan os seus tres apóstolos máis representativos: Pedro, Santiago e Xoán. Polo texto de Lucas sabemos ademais que a transfiguración ocorre nun contexto de grande intimidade de Xesús co seu Pai Deus. Lucas cóntanos efectivamente que Xesús subiu cos tres ó alto dunha montaña para orar, é dicir, para se poñer en contacto de maneira formal e explícita co seu Pai, co seu Paiciño querido.
Xa na escena do bautismo, que Xesús recibira de Xoán, aparecía a voz de Deus Pai amosando a súa compracencia co seu Fillo benquerido. É unha amizade fonda, única, moi íntima, infinitamente maior cá que poden ter pais e nais cos seus fillos pequenos. Xesús pasábao moi ben falando de noite ou de día con seu Pai. Deus Pai queríao infinitamente a el, e el, Xesús, quería tamén infinitamente a seu Pai. Para Xesús orar non era, como quizais nos poida pasar polo menos algunhas veces a nós, unha especie de pequeno traballo ou de soterrada obriga, senón un infinito pracer que o enchía de felicidade.
Pois ben, foi precisamente estando Xesús en oración cando el se transfigura. Dísenos de diversos modos que o seu rostro cambiou de aspecto e que os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes coma a luz. Unha descrición que é típica da literatura apocalíptica e que nos fai ver dalgunha maneira a incríbel transformación que ocorría en Xesús cando contactaba en oración co seu Pai Deus. Algo así coma se se tratase –perdoade a comparanza- dunha fermosa lámpada que se ilumina de súpeto marabillosamente ó se conectar cunha potente rede eléctrica.
Se Xesús puido dicir sobre si mesmo que era a “luz do mundo”, iso era só posíbel pola súa inimaxinábel unión con esa fonte infinita de luz que é Deus mesmo. Xesús aparece así feliz e resplandecente, transfigurado. Como o poden estar, aínda que en moito menor grao, unha nai que se sente feliz co seu fillo ou coa súa filla, unha noiva co seu noivo ou calquera persoa que se encontre con outra que quere moito. Todo se ilumina: as persoas e as cousas, o ceo e maila terra, o pasado e o futuro. Pois o amor transforma ou transfigura todo.
Mais a transfiguración de Xesús non é só algo así coma unha instantánea que, para dicilo dalgunha maneira, inmortaliza uns momentos sublimes da íntima relación de Xesús co seu Pai Deus. É sobre todo unha importante mensaxe ós crentes e á humanidade. En calquera caso, nada ten que ver con calquera outra cousa que se nos poida vir á cabeza coma podería ser por exemplo un suposto intento de se presentar Xesús ante os seus desconcertados discípulos coma un personaxe extraterrestre ou nunca visto...
Pois ben, tanto Mateo, coma Marcos ou Lucas preséntannos a Xesús na escena da Transfiguración conversando ou falando con Moisés e con Elías, que son respectivamente os representantes da lei e mais dos profetas do Antigo Testamento. Xesús aparece na escena como aquel que dá cumprimento final a todo o anunciado antes por medio da lei e dos profetas, aínda que superando ámbolos dous de maneira definitiva. Moisés e Elías e todo canto eles representan pertencen dende agora, desde a chegada de Xesús onda nós, ó antigo, ó xa pasado.
Por iso, o único que queda ó final é el só, Xesús, cos seus apóstolos, e a voz do Pai que clama e proclama definitivamente: “Este é o meu Fillo, o meu querido, o meu predilecto. Escoitádeo”. Coa vinda de Xesús, desaparecen, pois, leis, preceptos, normas ou ritos pasados, é dicir, todo o que era específico do Antigo Testamento, representado na escena ata este momento por Moisés e mais por Elías. Os apóstolos vense agora confrontados, fronte ó “antigo” desaparecido, coa gran novidade de Xesús. El é agora o importante, o decisivo, o imprescindíbel. É dicir, Deus converteuse en compañeiro e amigo noso en Xesús. Dende agora en adiante só temos que “escoitar” Xesús, non Moisés ou Elías. Escoitar a “boa nova” que el nos anuncia de que o seu Pai do ceo é tamén pai noso e de que polo tanto todos somos irmáns.
Esta é, pois, a gran mensaxe da Transfiguración do Señor. Unha mensaxe que supón un cambio radical na visión que os apóstolos tiñan de Deus e que quizais tamén seguimos aínda a ter algúns de nós (despois de tantos séculos de Novo Testamento). Agora Deus está cos apóstolos, está con nós. Por iso é “Emmanuel”, é dicir, “Deus connosco”.
Dos tres relatos da escena da Transfiguración, o de Mateo (que é o deste ano) é o único que fala de que os apóstolos, ó escoitaren a voz, “quedaron debruzados, cheos de temor”. Non era para menos, pois dende agora Xesús, o que era amigo e compañeiro deles, quedaba revestido da “autoridade” do Pai. Mais, pese a todo, continuaba a ser compañeiro e amigo, como o demostra o que se nos di seguidamente no mesmo texto de Mateo: “Xesús, achegándose, tocounos e díxolles: Erguédevos, non teñades medo!”. Que fermoso todo! O Xesús da Transfiguración é o que lles dá palmadiñas no lombo ós apóstolos para que se tranquilicen...
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración na festividade da Transfiguración do Señor, dicíndolle: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Transfórmanos, Pai, en fieis seguidores de Xesús á semellanza dos apóstolos Pedro, Santiago e Xoán.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, forza e graza para sabermos “escoitar” nas nosas vidas, como Ti nolo pides, o teu Fillo Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Purifica, Pai, a nosa fe para que saibamos crer, sen medos nin servilismos, na grande e boa nova do teu Fillo Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario