Ficha e Lectio: Domingo 21 Ord A

DEBUXOS DE: 




VER TAMÉN:



LECTIO:

DOMINGO XXI T. O. 
(27 de agosto de 2017)

Non nos é posíbel maxinar Xesús centrado, por dicilo así, en si mesmo, retirado e ocupado nos seus pequenos ou grandes asuntos particulares. Á maneira de como procedemos tantas veces nós ó longo da vida, intentando resolver os nosos pequenos ou grandes problemas relacionados coas nosas doenzas corporais, co noso éxito profesional, calculando con coidadiño as vantaxes ou inconvenientes que esta ou aquela decisión nos poidan aportar.
Xesús non se dedicou propiamente á súa vida privada e particular. Neste sentido podemos dicir que era unha persoa pública, que estaba aí para os demais. Foino xa nalgún momento cando era aínda moi novo. Basta con lembrar o episodio aquel de se quedar no templo, sendo aínda un rapaz e sen que os seus pais o soubesen. Serao naturalmente sobre todo na súa idade adulta, por ben mozo que aínda fose por entón. Falo de persoa pública non no sentido que se lle dá hoxe en día, por exemplo, ós que se dedican á política, á administración pública ou cousas semellantes.
Non. Xesús era un home público, simplemente porque non vivía illado dos demais, porque non estaba enredado ou obsesionado cos seus asuntos particulares ou co seu porvir persoal. Preocupábase sobre todo por estar atento ós problemas e dificultades dos demais. Buscaba facer felices a todos, dándolles perspectivas e esperanzas de vida e comunicándolles a boa nova de sermos todos irmáns e fillos dun mesmo Pai, destinados ademais a unha resurrección para sempre máis alá desta vida.
E, ¡claro!, os que necesitaban este tipo de noticias eran o común das persoas, cantos tiñan que loitar e traballar por mantérense a si mesmos e as súas familias... Certamente, non tiñan por que estar atentos ós modos de ser e ás palabras de Xesús os que se atopaban satisfeitos nos seus pazos reais ou dispuñan de cartos abondo para non teren que preocuparse demasiado polo seu presente ou polo seu porvir... Isto explica por que Xesús tiña como oíntes, acompañantes ou discípulos a xente sobre todo das clases “baixas” ou humildes: pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, mulleres, etc..
Para todas eles Xesús era un incríbel e inesperado acontecemento. Naturalmente, o seu discurso, a súa chamada era para todos –non excluía a ninguén-, mais había xente, os que podemos chamar “poderosos” e autosuficientes, que se excluían a si mesmos, que se consideraban exentos de lle conceder importancia algunha a Xesús. A non ser como mera curiosidade informativa, tal como lle pasaba por exemplo ó rei Herodes, que tiña curiosidade por velo, por telo diante del ou saudalo coma personaxe famoso sobre o que a xente tanto falaba. No imaxinario de Herodes, Xesús estaría, pois, máis ou menos na liña do que hoxe en día sería un cantante, futbolista ou algún famoso político.
Agora ben, Xesús era unha persoa pública polo que era, polo que dicía, porque tiña cousas importantes que lles dicir a persoas e colectivos con problemas e necesidades, porque se lle notaba ben que canto dicía ou facía procedía dunha fonda e íntima experiencia persoal. Notábase nel ademais que procedía cunha estraña e desacostumada autoridade, a diferenza dos meros repetidores de normas ou textos  sagrados, como adoitaban facer escribas e fariseos.
Por iso ós seus discípulos non lles tivo que estrañar a pregunta que lles dirixiu un bo día: “Quen di a xente que é o Fillo do Home?”. O Fillo do Home, é dicir, esa persoa que aquí tedes diante vosa, que é coma vós, ser humano coma vós, incardinado plenamente na historia humana e polo tanto na vida concreta dos seus coñecidos, compañeiros e compañeiras da Palestina do seu tempo.
Xesús non é un personaxe público ó estilo do noso tempo, onde por exemplo os políticos saben analizar con coidadiño as enquisas que se publican sobre a estima ou desestima que hai sobre eles. O que a el en realidade lle interesaba era realizar unha transmisión auténtica e verdadeira da mensaxe que el recibira do Pai para o mundo. Por iso pasa axiña da pregunta ós seus discípulos polo que a xente di sobre el á directa pregunta a eles mesmos, colaboradores seus e elixidos directamente por el mesmo: “E vós, quen dicides que son eu?”
A resposta de Pedro (“Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”) é tan incríbel que Xesús ten que lle confesar a Pedro que unha resposta así non pode ter outra orixe ca terlle sido suxerida a Pedro polo mesmo Deus Pai do que Xesús se sabía fillo “benquerido”. Incríbel digo, porque cando Xesús fala de si mesmo como “Fillo do Home”, Pedro responde que el (xunto cos demais condiscípulos) cre firmemente que Xesús, que se denomina a si mesmo humildemente “Fillo do Home”, é nada máis e nada menos que “o Fillo de Deus vivo”. Algo que semella mesmo contrastar coa expresión “Fillo do Home”, utilizada por Xesús.
En realidade, este é o grande e definitivo misterio de Xesús. Xesús mesmo coidarase por iso de lles advertir ós seus discípulos que non o anden dicindo por aí, para evitar así malentendidos ou interpretacións en clave simplemente política. Refírome ó gran misterio de que Xesús é ó tempo “Fillo do Home” e “Fillo de Deus”. Desde logo, para poder crer Pedro e para podermos crer nós hoxe en día nesta gran marabilla realizada por Deus Pai no seu incríbel achegamento á humanidade fai falla unha fe que non pode proceder sen máis do noso pequeno mundo. Como lle di Xesús a Pedro: “Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos”.
Ben nos fala Paulo na súa carta ós Romanos sobre a incríbel grandeza da mente e dos plans de Deus: “¡Que fondura é a da riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus! ¡Que inescrutábeis son os seus xuízos e inexplorábeis os seus camiños”.
Este tipo de “boas” noticias -fundamentais, grandes e alegres- son as que estamos chamados, coa palabra e cos feitos, a agradecer íntima e comunitariamente a Deus e a comunicar á humanidade do noso tempo, no noso aquí e no noso agora. Pois cremos e sabemos pola graza de Deus que el é suficientemente grande e poderoso como para facer que a súa boa nova se espalle tamén no noso tempo e en calquera lugar do mundo.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración comunitaria, pregándolle que nos dea unha fe forte e constante na humanidade e divindade do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, unha fe firme e decidida, coma a do teu apóstolo Pedro, para podermos crer en Xesús como fillo benquerido teu, enviado ó mundo por Ti para a nosa liberación e salvación. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, a vermos o teu divino fillo Xesús como ser humano verdadeiro e, polo tanto, como auténtico irmán noso, identificado coas nosas alegrías e coas nosas dores. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Ilumínanos, Pai, para que nos decatemos de que só poderemos comportarnos como irmáns do teu fillo Xesús cando saibamos achegarnos ás necesidades e problemas de cantos precisen da nosa axuda. 
Todos: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN: 

Comentarios

Publicacións populares