Ficha e Lectio: Domingo 22 Ord A

DEBUXOS DE: 


VER TAMÉN: 


LECTIO:

DOMINGO XXII T. O. 
(3 de setembro de 2017)

            O estraño da escena que hoxe nos describe Mateo é o feito de que estea en directa continuidade coa incríbel resposta que lle dá Pedro pouco antes á pregunta de Xesús sobre quen era el. Para Pedro, Xesús non é nin máis nin menos que “o Fillo de Deus vivo”. Resposta que segundo o seu mestre Xesús levaba sen dúbida, para dicilo dalgunha maneira, denominación de orixe divina. Ninguén sobre a terra lle podía ter suxerido a Pedro unha declaración sobre Xesús tan sobrehumana e ó tempo tan axustada.
            O estraño, digo, en relación con esta resposta, unha resposta máis divina ca humana, é que Pedro pase tan rapidamente de ser considerado fiel e atento auscultador da inspiración divina a el do Deus Pai de Xesús a ser censurado e rebaixado polo seu mestre nada menos que á condición de Satanás. Pois ben sabemos que Satanás vén sendo o símbolo mesmo do mal, da perfidia ou do engano.
            Como se pode pasar tan de présa do máis alto ó máis baixo na apreciación respecto dunha mesma persoa? Ademais, o que xulga aquí sobre a actitude de Pedro é o propio Xesús, sobre o que Pedro tan correctamente dixera que era “o Fillo de Deus vivo”. Está claro que para Xesús se están xogando aquí asuntos moi importantes. Vexamos.
            O feito é que Pedro, ó que non se lle pode negar certamente grandes doses de amor a Xesús, debeu de quedar totalmente bloqueado co negro futuro que lles anunciaba Xesús acerca de si. Xesús, que para Pedro e os demais apóstolos significaba o máximo de grandeza, de bondade e de plenitude moral ía ser tratado pola cúpula mesma dos dirixentes relixiosos, segundo o anuncio de Xesús, coma un malfeitor ata o punto de rematar sendo eliminado ignominiosamente do mundo dos viventes. É verdade que Xesús anunciaba tamén que “ó terceiro día había resucitar”. Mais isto último non lles dicía practicamente nada ós discípulos que o escoitaban. Pois o significado concreto desta resurrección viña ser algo situado máis alá de calquera experiencia concreta. En definitiva, o que Pedro percibía era o fracaso de Xesús, o triunfo da maldade sobre a bondade e a xustiza. Como podía Xesús -que tanto poder tiña mostrado xa contra toda clase de doenzas, enfermidades e incluso contra a morte mesma- permitir que a súa propia persoa chegase a se converter en vítima das meirandes inxustizas e vilezas? Non, iso non podía ocorrer e así llo fai Pedro saber, sen contemplacións, a Xesús.
            Con todo, esta humana sabedoría de Pedro non está aquí ó nivel da súa primeira resposta, na que, inspirado por Deus Pai, confesaba que Xesús era “Fillo de Deus vivo”. Pedro recibe aquí efectivamente un “suspenso” -utilizando conceptos escolares- en sabedoría divina. El pensa e fala aquí a un nivel puramente humano.Non te deixas guiar por Deus –amoéstalle o seu mestre- senón polos homes”.
            Xesús vese obrigado por iso, neste momento, a sentar cátedra para comentarlles ós seus discípulos unha serie de paradoxos fundamentais da súa mensaxe, que se converterán no eixo ou estrutura fundamental da vida cristiá. E ó dicir isto, “vida cristiá”, non deberiamos esquecer a primeira palabra: “vida”. Porque se hai algo básico na mensaxe de Xesús é xustamente, contra non poucos malentendidos históricos, o de “vida”. El afirmou sempre con contundencia que el é a “vida”, que el vén darnos vida e vida abonda, que seu pai Deus non quere saber nada de mortos, porque “para el todos están vivos”, etc. etc. De modo que se hai algo, neste sentido, que un cristián nunca debería practicar ou mostrar é unha vida lánguida, apagada, insulsa ou anódina.
            Xustamente por iso, porque a “vida” cristiá ha ser vital, plena, afoutada e animosa, non lle deberiamos ter medo a renuncias que haxa que practicar ou a cruces que nos carguen sobre os ombreiros cando elas estean en relación co noso compromiso co evanxeo, esa boa nova que intentamos practicar e anunciar. Comportármonos doutro xeito significaría, aínda que non o pareza, térmoslle medo a vivir, a vivir plenamente, aínda que pensemos que si, que queremos vivir. Xesús dínolo de maneira paradoxal con esta formulación súa, cargada de misterio e de aparente contradición: “quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”.
            Certamente, para asumir un mesmo estas palabras e deixar que xermolen de verdade na vida propia, precísanse altas doses de fe e de confianza naquel que as pronunciou e ter ademais  moi en conta que para un cristián a vida non remata aquí senón que se prolonga no alén prometido. Testemuñas deste modo de vivir e de morrer hainas abondo na historia do cristianismo e de tantas outras persoas que, aínda que non se considerasen a si mesmas cristiás, portaban secretamente, sen sabelo elas mesmas, o lume interior e vital de Xesús. Non se buscaban a si mesmos, senón que axudaban decididamente os demais.
            Vivir a fondo, pois, a nosa fe cristiá debería levarnos a adoptar actitudes que estean en consonancia coas palabras de Xesús, esixentes si, mais cargadas de plenitude e de futuro.
            Na súa carta ós Romanos pídenos Paulo que “non nos axustemos ó mundo presente”. É dicir, que non nos deixemos levar polas proclamas do consumismo (como tamén nos advirte nos nosos días o papa Francisco), da comodidade ou do desinterese egoísta polos problemas e dificultades dos demais. Si, debemos rexeitar ser “vividores” no sentido malo da palabra. Pero si temos que ser entusiastas da vida, da vida de todos, aínda que iso supoña, como nos anuncia Xesús, termos que levar sobre nós as nosas propias cruces ou as que Deus queira que levemos tamén dos demais. Difícil, mais fermosa tarefa a nosa.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración comunitaria, pregándolle que nos dea un gran entusiasmo pola vida, a dos demais e a nosa, como precioso galano divino a todos, dicindo: Escóitanos, Pai.
            - Dános, Pai, capacidade para “deixármonos seducir”, á maneira do profeta Xeremías, polas palabras de vida que ti nos dirixes no teu Fillo Xesús. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Apréndenos, Pai, a comprender que amar o teu Fillo Xesús significa levarmos, coma el e con el, a nosa propia cruz con fe sincera e bo ánimo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Dálles forzas abondas, Pai, a cantos, fieis ó espírito do teu Fillo Xesús, loitan e traballan por levar axuda, consolo e amor ós necesitados e desamparados do mundo enteiro. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor. Todos: AMÉN.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares