Ficha e Lectio: Domingo 5 de Ord A








LECTIO:
DOMINGO V T. O. 
(5. II. 2017)

            As palabras, impresionantes e claras, coma auga dun riíño limpo de montaña, que acabamos de escoitar de Isaías son aducidas con frecuencia por teólogos e biblistas para pór de relevo a importancia e centralidade que xa no Antigo Testamento tiña a práctica da caridade, do amor ós pobres e necesitados.
            Pola nosa parte, os que facemos de cativos anunciadores ou comunicadores da palabra de Deus nas eucaristías non podemos renunciar tampouco en modo algún a facérmonos eco do dito polo gran profeta: “Reparte o teu pan co famento e acolle na túa casa os pobres... Viste o espido e non te escondas da túa propia carne. Entón resplandecerá a túa luz coma a alba... Entón chamarás o Señor... e dirache: Aquí estou... Entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía”.
            Pois ben, en eucaristías anteriores viamos como Xesús Cristo, o Fillo de Deus no que Deus Pai se manifesta plenamente ó mundo, dicía de si mesmo: “Eu son a luz do mundo”. Xesús preséntase, polo tanto, a si mesmo como aquel que, coma a luz, ilumina, orienta e ofrece sentido a toda a realidade e a tódalas persoas en tódolos tempos. Á maneira do sol que, desde que a terra é terra, alumou, aluma e alumará a canta criatura nela habite.
            Engadiamos tamén que Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9) lles dicía que eles son “luz no Señor”, “fillos da luz”. Ó dicir isto, Paulo faise eco evidentemente do Evanxeo de hoxe. “Vós –di Xesús ós seus oíntes- sodes a luz do mundo”. De xeito que non é función só de Xesús. Tamén nós somos, debemos ser, “luz do mundo”. E a luz ten que deixarse ver e sentir, porque se se agacha, interrompe ou suspende polo mesmo a súa función de servir de orientación e de dar enerxía a cantos dela precisan. Todos necesitamos da luz.
            Mais o símil da “luz”, do que se vale Xesús para animar os seus discípulos a reflectir sobre os demais a luz que del reciben, está acompañado por outro que o vén completar ou perfilar: “Vós sodes o sal da terra”. O sal segue a ser aínda hoxe elemento importante para a conservación e degustación de moitos alimentos, mais en tempos de Xesús érao en maior medida. De tal maneira que, como ben saberedes, incluso a actual expresión “salario”, que con razón tanto preocupa ás persoas en idade laboral, provén deste humilde e importante elemento que nos ofrece a natureza: o “sal”.
            Por outra parte, o sal, aínda que non ilumina, conserva e está tamén, coma a luz, ó servizo da vida. Así, pois, como a luz non debería facer desleixo da súa función iluminadora, o mesmo ocorre co sal: se se volve insulso, insípido, deixa entón de salgar determinados alimentos, importantes ou necesarios para sobrevivir, botándose a perder. Por iso o símil do sal pode servirnos para unha maior e mellor comprensión do símil da luz, aplicado por Xesús a el mesmo e a nós: “Eu son a luz do mundo”, “Vós sodes a luz do mundo”. Porque esta luz, que nos vén do sol, non só aluma, senón que tamén quenta, dá calor. Por iso adoitamos, sobre todo no inverno, aproveitar as curtas raxeiras que nos ofrece o vello astro rei para nos quentar.  Por iso na nosa lingua “lume” pode significar tanto “luz” coma “fogo”. Ámbolos dous aluman e quentan.
            Agora ben, postos no difícil e teórico dilema de termos que decidir sobre a maior ou menor importancia que para nós poidan ter a luz ou a calor, parece que Isaías a lo menos semella inclinarse máis ben pola segunda, pola calor. Porque para el, quen dá calor, convértese tamén de feito en luz orientadora. Sabemos ben que non son, en realidade, as frías, descarnadas e abstractas teorías as que son capaces de iluminar e mover o mundo, senón aquelas que levan consigo ou van acompañadas polo calor do compromiso e das boas obras de quen as anuncian ou propoñen.
            Neste senso, paréceme moi sorprendente o feito de que Isaías fai depender efectivamente ser “luz” iluminadora para os demais de ser antes, dito sinxelamente, boas persoas, é dicir, xente que practica a xustiza, a bondade e a misericordia cos demais. Lembrádevos, se non, da primeira Lectura. Isaías coloca en primeiro lugar o “repartir o pan co famento”, o “acoller na casa os pobres”, o “vestir o espido”, para dicir despois, a modo de consecuencia: “Entón resplandecerá a túa luz coma a alba. E de maneira máis decidida aínda e máis concreta cara ó final da Lectura: “Se apartas do medio de ti o xugo (é dicir, a opresión e o asoballamento)..., se lle quitas ó famento a gana que ti sentes, e fartas a gorxa aflixida, entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía”.
            En consecuencia, se realmente queremos ser “luz” para os demais (como nos pide Xesús), é dicir, persoas que saiban anunciar ós demais a palabra de Deus (ben conscientes polo demais de que Xesús é a PALABRA, básica e fundamental, de Deus), entón temos que ser previamente e ó tempo activos practicantes do amor, da caridade e da bondade. De non sermos así, non chegaremos a ser luz para os demais.
            Isaías indicará incluso que esa luz, que se acende na persoa que practica o ben cos demais, se converterá en certo modo en palabra que interpela a Deus, en palabra á que Deus responde e á que Deus corresponde: “Entón –dinos o mesmo Isaías- clamarás ó Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache: Aquí estou”.
            Xa sabemos, polo tanto, cal ha ser a nosa tarefa como cristiáns: sermos sal da terra e luz do mundo, alicerzados non nas nosas posíbeis habilidades persoais de persuasión ou convencemento, senón -tal como nos di Paulo na súa carta ós Corintios- na forza e no “poder do Espírito”, no “poder de Deus”.
            Porque só de Deus, da nosa proximidade a El, pode en último termo provir que sexamos capaces de exercer esa función de sermos luz e sal da terra nun mundo que, aínda sen el mesmo sabelo, precisa de persoas que lle ofrezan luz, calor e salvación.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Preguémoslle a Deus Pai que verta sobre nós o alento e o poder do seu Espírito para sermos así eficaces anunciadores da boa nova de Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Ilumina, Pai, o noso entendemento e o noso corazón para anunciarmos como ti queres a palabra de Xesús a tódolos pobos e persoas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Convértenos, Pai, en luz do mundo, a semellanza do teu fillo Xesús que é el mesmo a nosa luz. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a sabermos ser “sal da terra” para que así se conserve entre nós a bondade e a forza da palabra do teu fillo Xesús para a salvación do mundo.            
TODOS: Escóitanos, Pai.

                        Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:




Comentarios

Publicacións populares