18 feb. 2017

Domingo 7 de Ordinario A

Resultado de imaxes para amad a vuestros enemigos

PRIMEIRA Lev 19, 1-2. 17-18
Amarás ó teu próximo como a ti mesmo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO LEVÍTICO

19 1Díxolle o Señor a Moisés:
2-"Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles: Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus.

17Non terás odio de corazón ó teu irmán; e reprenderás con decisión o teu próximo, para non cargar co seu pecado. 18Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus conveciños: amara-lo teu próximo coma a ti mesmo. Eu son o Señor.



SALMO RESP. Sal 102, 1-2 . 3-4. 8 e 10. 12- 13
R/ (8a): O Señor é misericordioso e clemente,

Alma miña, bendice ó Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
2Alma miña, bendice ó Señor,
non esquéza-los seus beneficios.

 3El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
4rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

8O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercedes.
10Non nos trata conforme ós nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.

12canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
13canto un pai ama ós seus fillos,
así ama o Señor ós que o temen.



SEGUNDA 1 Cor 3, 16-23
Todo é voso, vós de Cristo e Cristo de Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 Irmáns e irmás:
16¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? 17Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

18Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ó xeito deste mundo, decátese de que é parvo para volverse sabio de verdade. 19Porque a sabedoría deste mundo é parvada diante de Deus.

Que está escrito:
El pilla os listos na súa propia astucia.

20E tamén:
O Señor coñece os pensamentos dos sabios
e sabe que son vans.

21De modo que ninguén apoie o seu orgullo nos homes. Porque todo é voso certamente: 22tanto Paulo coma Apolo coma Cefas, tanto o mundo coma a vida e coma a morte, tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; 23pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.



ALELUIA 1 Xn 2, 5:
En quen garda a Palabra de Cristo,
verdadeiramente nel chega á plenitude o Amor de Deus



EVANXEO Mt 5, 38-48
Amade ós vosos nimigos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dilles Xesús ós seus discípulos:
38Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. 39Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. O contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; 40a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén omantelo; 41a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. 42A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.

43Tedes oído que se vos dixo: Amara-lo teu próximo e aborrecera-lo teu inimigo. 44Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. 45Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. 46Porque, se amáde-los que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? 47E se saudades soamente a vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? 48Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo. 



CANTO GOZOSO

ENTRADA: 
LECTURAS: 
OFERTORIO: 
Misioneiro
COMUÑÓN:



TVG:


No hay comentarios:

Publicar un comentario