Ficha e Lectio: Domingo 23 de Ord C
LECTIO:
DOMINGO
XXIII T. O.
(C: 4 de setembro de 2016)
A
vida que chamamos normal das persoas é case sempre todo menos algo
perfectamente normal e previsto. Toda vida é sempre, pretendámolo ou non, unha
aventura, desde que nacemos ata que deixamos de respirar os “airiños, airiños,
aires” que nos deron vida e saúde, abandonando así as persoas coas que teñamos
convivido. Formulábao ben, quero lembrárvolo, o filósofo Ortega y Gasset cando
comentaba que a vida, toda vida, é coma un permanente naufraxio que nos empuxa
a intentar agarrarnos a calquera táboa de salvación que poida atoparse ó noso
alcance.
Por
iso, se tivésemos tempo e forzas suficientes para escribir de maneira
totalmente fiel o que nos ten ocorrido durante toda a nosa vida ata o intre de despedírmonos
dela, as memorias ou lembranzas de cada quen serían seguramente emocionantes e ben
distintas tamén as unhas das outras.
O
evanxeo semella que nos chama xustamente a non apuntarnos sen máis a levar unha
vida tranquila, cómoda e sosegada, allea a calquera problema que se nos poida
presentar. Temos que loitar sempre, dunha ou doutra forma e con maior ou menor
intensidade, para podérmonos agarrar a algunha táboa de salvación. Porque o mar
no que estamos está sempre en movemento e sen movermos os brazos para nos
manter na superficie da auga afundímonos en abismos escuros.
Como
cristiáns sabemos e cremos que esa táboa de salvación é Xesús (que significa
precisamente Salvador). Un Xesús unido para sempre a esa cruz que, desde que el
a levou sobre os seus ombreiros e nela se deixou cravar, quedou constituída en
lugar de bendición e salvación para toda persoa. Por iso o sinal da cruz é e
seguirá sendo distintivo específico dos cristiáns. Non só como adorno que
podemos levar no peito, senón como un modo de ser e de comportármonos que non
fuxe do sufrimento cando o seguimento de Xesús nolo esixe. É unha condición,
tal como nolo di Lucas, para sermos de verdade discípulos dese Xesús que camiña
con bo ánimo cara a Xerusalén: “O que non carga coa súa cruz e me segue, non
pode ser discípulo meu”. Pois é alí, en Xerusalén, onde se vai atopar Xesús coa
cruz á que o condenarán os que consideraban a súa existencia como unha ameaza
para continuaren en posesión do poder político e relixioso que ostentaban.
Agora
ben, ser discípulos de Xesús significa levar adiante, con Xesús, os seus plans
de realización no mundo da igualdade e fraternidade entre todos en canto fillos
dun mesmo Pai Deus. Un cristián ten que ser consciente de que esa fraternidade
e igualdade non é querida nin tolerada por persoas e estamentos que gozan dunha
alta posición económica e social. Por iso se van opor a que tal cousa ocorra.
Pois dese modo terían eles que renunciar ás comodidades e vantaxes que o seu
propio status lles proporciona.
Mais
debemos ter en conta, en calquera caso, algo moi importante. Nin Deus Pai nin o
seu fillo Xesús queren a cruz para nós. Deus chamounos e chámanos
continuamente, desde o máis íntimo de nós mesmos, á felicidade, a sermos
felices todos e cada un. Pois ó desexo de felicidade non somos capaces de
renunciar e polo tanto non debemos intentalo sequera. Mais temos ó mesmo tempo que
saber que a felicidade non se acada a soas, cada un para si mesmo, senón cos
demais, de maneira solidaria cos que estean máis preto ou máis lonxe de nós.
É
así xustamente como pode facerse presente a cruz nas nosas vidas. Unha cruz que
en definitiva non é contraria á felicidade, senón condición para acadala. Cruz
porque a fraternidade real leva consigo renuncias concretas, atención amorosa
ás necesidades dos outros e non só das miñas, sufrimento polo rexeitamento que
moitas veces teremos que aturar dos que non pensan máis ca en si mesmos e non
lles importan ren os outros. Un rexeitamento que pode incluso xurdir, tal como
nos recorda Lucas, do noso entorno máis próximo.
Para
sermos deste xeito verdadeiros discípulos de Xesús, nin sequera a propia vida
debería contar para nós, por grande que sexa o noso desexo de non perdela. Máis
dunha vez oímos ou lemos de persoas que arriscaron perder a súa vida (e incluso
a perderon) coa esperanza de acadar algo de felicidade para si mesmas, para as
súas familias ou incluso para persoas que nin sequera coñecían. Persoas que se
tiran ó mar para salvar a alguén en perigo de afogar, emigrantes que nunha
feble embarcación intentan chegar a Europa para desde aquí poder atopar
traballo e mandar algo de diñeiro ós seus
familiares necesitados. Son cruces das que non se pode fuxir se quere un acadar
salvación e felicidade para si mesmo ou para os demais.
Unha
actitude deste tipo supón renuncia a bastantes cousas. Por iso fálanos hoxe
tamén o evanxeo do necesaria que é a “renuncia” para podermos ser discípulos de
Xesús. Pola contra, bombardéasenos continuamente desde moitos sitios coas
cousas que, segundo se nos insiste, presuntamente necesitamos. E así ímonos
enchendo de enredos, instrumentos e outras cousas e cousiñas que moitas veces
non valen máis ca para dicir que temos a última cousa nova que hai no mercado.
Mais
sabemos, por outro lado, que para poder camiñar e correr con lixeireza canto
menos peso levemos tanto mellor nos irá. Sen nada viñemos a este mundo e sen
levarmos nada connosco sairemos del. O estraño é que nese curto interregno, que
vén sendo o tempo da nosa vida, nos queiramos arrodear de tantas cousas.
En
calquera caso, para levarmos con garbo ou alomenos con paciencia as cruces da
nosa vida, canto menor peso superfluo levemos connosco tanto máis doado nos
resultará seguirmos a ese Xesús que vai sempre diante de nós, desprovisto de
todo, portando a súa cruz. Dándonos así, como din os vellos catecismos,
“exemplo de vida”. Porque iso si, a vida, por ser don de Deus, témola garantida,
ben sexa neste mundo ou no descoñecido mundo que misteriosamente se nos abrirá
despois da morte. Pois Xesús non lles falla ós que o seguen, ós que levan tamén
a súa propia cruz, a cruz de cadaquén. Unha cruz, pois, que de ningún modo
permitirá o Pai Deus que nos esmague totalmente, pois foi tamén o seu Fillo quen
nos dixo: “o meu xugo é lixeiro e a miña carga pequena”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Con confianza de fillos
dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que saibamos
imitar o teu fillo Xesús en asumir e levar sobre nós -con fe, paciencia e
agradecemento- as cruces coas que ti queiras que o acompañemos nas nosas vidas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fortalece, Pai, o noso
espírito para non fuxirmos das cruces que vaian unidas ó anuncio da xustiza e
fraternidade entre as persoas do mundo enteiro.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Enche, Pai, o noso interior
dunha firme esperanza -a pesar de tódalas contrariedades- na vinda do teu Reino
de amor e felicidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario