Ficha e Lectio: Domingo 21 Ordinario C

FICHAS:

LECTIO:
DOMINGO XXI  T. O.
(Ano C: 21 agosto 2016)

            No xudaísmo do tempo de Xesús había un marcado interese e preocupación polo número de persoas que se salvarían. Nese contexto relixioso e ideolóxico hai que situar a pregunta que alguén lle fai a Xesús, tal como nolo refire Lucas: “Señor, e logo son poucos os que se salvan?”.
            Mais, á parte deste contexto relixioso e ultraterreal da pregunta dirixida a Xesús, sabemos moi ben que a salvación, entendida a moi diversos niveis, si que nos interesa e moito. Queremos salvarnos de calquera perigo, queremos salvarnos de atopármonos enfermos ou de morrer. En fin, queremos salvarnos de que nos pase algunha cousa mala, sexa a que sexa. E, se a pesar de todo morremos, tamén queremos salvarnos, é dicir, queremos que no alén no nos pase nada malo. En fin, a salvación, recoñezámolo ou non, impórtanos moito. Levamos todos dentro esa semente de querer vivir sempre, que Deus (o eterno e inmortal) sementou un bo día no máis íntimo dos nosos corazóns, un desexo que en realidade non deixa de medrar en nós día tras día, por moitos anos que confesemos xa ter.
            Aquí, estando como estamos vivindo á beira do mar, podemos entender moi ben aquilo que o filósofo Ortega y Gasset formulaba máis ou menos desta forma: a vida humana –escribe el- é coma un naufraxio do que a persoa humana aspira a salvarse agarrándose a unha táboa de salvación. De modo que, segundo o filósofo madrileño, loitamos toda a nosa curta ou longa vida por agarrármonos a algo que nos “salve”. El diranos que esa táboa da salvación é o que el chama a “cultura”, pois todos nós chegamos a este mundo sen mecanismos automáticos para sobrevivir. Mais o que aquí máis nos interesa do noso filósofo é a referencia que el fai ó noso desexo de “salvarnos”, pois é algo característico da vida humana. Todos queremos agarrarnos a algo que nos salve e loitamos para non afundírmonos no mar.
            Como tantas veces ocorre nas respostas que lles dá Xesús ós que queren, coas súas preguntas, levalo ó seu propio terreo ou comprometelo e enredalo, o que Xesús fai é ir ó fondo das cuestións e, neste sentido, situar o problema alí onde debe estar. Concretamente, a Xesús interésalle -naturalmente en función da mensaxe que el mesmo nos quere dar- non o pretendido número dos que se salvan ou curiosidades semellantes, senón a maneira ou estratexia de salvación que deberiamos utilizar, se é que queremos verdadeiramente “salvarnos” e acceder así ó seu Reino, ó Reino do seu Pai e noso Pai Deus, que é un reino de xustiza, de amor e de paz.
            Neste tema, como en tantos outros, Lucas é moi claro. O que importa, segundo nos vén dicir Xesús, non é o “blablabla” de andar a dicir por aí que somos cristiáns desde sempre, que sabemos moito de relixión e de teoloxía, que rezamos moito, que temos magníficos desexos de facer cousas grandes, que contamos con curas amigos nosos ou que votamos sempre polos que chamamos partidos serios, sensatos, politicamente correctos, tal como adoitamos dicir... Así coido que se podería traducir, a unha linguaxe máis intelixíbel e e actual, o que Lucas di referíndose á xente á que se lle veta a entrada no Reino de Deus e que protestan contra iso dicindo: “¡Se nós comemos e bebemos contigo [é dicir, con Xesús] e ti ensinaches polas nosas rúas!”...
            Non. Non é ese (só bos desexos e supostas valiosas categorías nominais) o camiño ou a porta polos que se entra no Reino no que acadaremos a “salvación”. Lucas dinos no evanxeo de hoxe que non hai máis ca unha maneira de nos “salvar”, de acadar esa “salvación” que calquera persoa (de calquera relixión ou cultura que sexa) busca e desexa. Cal é esa maneira?: “practicar a xustiza”. Os que non “practican a xustiza” son para Deus uns “descoñecidos”. No poderán sentar na mesa do Reino, da mesma maneira que nun banquete de vodas, dun bautizo ou dunhas primeiras comuñóns de hoxe non sentan alí individuos descoñecidos dos que alí comparten mesa e mantel. Non se trata de que Deus, o Deus que todo o sabe, descoñeza a tales persoas. O descoñecemento bíblico non é un descoñecemento teórico ou intelectual, senón unha falta de relación ou de sintonía vital e práctica. Porque practicar a inxustiza” é comportarse mal, de maneira prepotente e inxusta, contra os demais. Esa ofensa ós demais, que en realidade non deixan por iso de ser irmáns do ofensor, é de feito unha ofensa contra quen se fixo irmán noso en Xesús, o mesmo Deus e Pai de todos. Se non nos relacionamos fraternalmente con todos, convertémonos de feito nuns descoñecidos para Deus, pois dese modo rompemos coa relación que deberiamos ter con el. Comprendemos así a resposta que, segundo Lucas, lles dá o Deus de Xesús ós que protestan por non acadaren entrar no Reino de Deus: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!”.
            De modo que, vistas as cousas así, ben se pode dicir que falar de “salvación” non consiste en falar da salvación propia, persoal ou particular, como ás veces podemos pensar. Salvar, o que se di salvarse, non se pode realizar nunca só. So pode salvarse un cos demais, é dicir, con aqueles que axudei, promovín, consolei, visitei, amei, respectei, estimei, etc. etc. Trátase verdadeiramente dunha “loita” ou, como nos di Lucas, dunha loita “para entrarmos pola porta estreita”, que só se acada loitando na loita do “practicarmos a xustiza”. Non. Sermos cristiáns non consiste en saber moito sobre os fundamentos e sobre o agachado cerne do cristianismo, senón en levar á práctica no noso mundo esa explosiva mensaxe de fraternidade que se opón ás inxustizas e desigualdades.
            E nisto podemos ollar como verdadeiros irmáns nosos a cantos, sen se consideraren cristiáns, loitan igual ca nós (ou quizais mellor ca nós) na mesma tarefa de instaurar a xustiza no mundo. Por iso, cando se di e proclama sen máis precisións que “fóra da igrexa non hai salvación” temos que ter en conta que a salvación, polo menos desde o Concilio Vaticano II, é algo que pode ocorrer (e seguramente ocorre tamén) fóra dos límites formais da que chamamos igrexa cristiá ou católica. Deus é meirande cós límites nos que o pretendemos encerrar. Mais, como cristiáns, deste Deus si que podemos dicir que non nos “coñece”, que non nos admite como seus, se non “practicamos a xustiza”. Que o Deus amante e realizador da xustiza nos axude a entender e levar á práctica estas importantes ensinanzas.

ORACIÓN DOS FIEIS
            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova que nos salva, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Axúdanos, Pai, a traballarmos coa túa graza non só a prol da nosa salvación senón tamén a prol da salvación de tódalas persoas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, a vermos que a nosa fe e entrega a ti está en íntima relación coa nosa entrega a facer o ben ós demais. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, un corazón sensíbel á xustiza para deixármonos levar polas esixencias da fraternidade e xenerosidade con tódalas persoas, especialmente coas máis necesitadas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:
http://www.gruposdejesus.com/21-tempo-ordinario-c-lucas-1322-30/

http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/08/21-de-agosto-domingo-21-do-tempo.html

Comentarios

Publicacións populares