15 abr. 2013

Os xoves despois da Confirmación

Sempre que falo con algún dos curas das parroquias atopámonos co mesmo problema, ¿que facemos cos xoves cando rematan a confirmación? Estou ás portas dos 50 anos pero non creo que a xente cambie tanto, os xoves necesitan ver de inmediato os froitos do seu labor, non chega con falar, rezar xuntos, cantar, facer dinámicas... é necesario ver que podemos ser útiles para os demáis, o Amor ten que ser necesariamente compartido e os cristiáns queremos vivilo en comunidade; por iso, os xoves que non materializan esa necesidade, pérdense.                                                                                                                       


Parece que os rapaces só poden ser catequistas cando hai tantas necesidades para cubrir e máis nos tempos  que corren, ¿por que os rapaces non poden ler as lecturas?, ¿porque so os maiores poden participar na Cáritas parroquial?, ¿por que non somos capaces de abrir espacios nas parroquias para novas iniciativas xuvenís?,... eu penso que é polo tempo... 

- é que os nenos non saben ler ben as lecturas, ...non será que non hai tempo para adicarlles, para axudarlles a entender a lectura que van facer? É máis fácil que a lea outro.
- os rapaces non saben organizar os recursos, ...non será que non temos paciencia para explicarllo?
- os rapaces propoñen un blogue para a parroquia pero non se fai porque ninguén se pode comprometer, ... non será que non cremos que eles podan facelo sos, axudándolles un chisquiño? 
- ...

Despois de tanto esforzo para levalos á misa, cantando no coro, facendo de monaguillos... o meu fillo ofreceuse para dar catequese, e nada, para continuar de monaguillo, e tampouco, ...total que estivo dedicándose ós amigos e ó piragüismo para acabar de voluntario na Cruz Vermella, e vemos novamente como se perden os rapaces depois da confirmación "porque eles marchan", inda así, por sorte, continúa na misa con nós. 

Non teremos nós mesmos, nas nosas parroquias, que facer algo? É difícil que os rapaces continúen se non se sinten útiles ou parte da comunidade: imaxinación, traballo comunitario, necesidade e fins comúns. Non son necesarias grandes cousas, sobre todo hoxe en día:
- necesítanse voluntarios para dar clases particulares ós nenos que non poden pagalas ou que non atopan axuda
- necesítanse voluntarios para axudar a parroquias con maiores necesidades que poden estar en calquera parte do mundo, por que non facer unha irmandade con algunha?
- necesítanse voluntarios que acompañen ós máis vellos da parroquia a face-la compra da semana
- necesítanse voluntarios para axudar a unha persoa que tivo un accidente a limpar na casa
- necesítanse voluntarios...


A maiores moitos curas quéixanse de non ter bastante axuda para facer un programa xuvenil nas parroquias de celebración comunitaria, unha orientación ou guía de traballo para os grupos. É fácil que isto si apareza nas parroquias levadas por algún carisma particular (franciscanos, dominicos, ...), pero o clero secular ten dificultades neste senso. Eu non teño a solución, desde logo, pero, xa que varios mo comentaron, eu anímovos a recurrir a cousas xa feitas;   o traballo en Latinoamérica cos xoves é espectacularmente bo, a Igrexa é forte e alegre e os xoves participan activamente nela, por iso pareceume interesante esta aportación que comparto con vós: http://www.bibliaparajovenes.org/ Ten recursos gratuitos e  on-line, non esquezamos que os mozos de hoxe traballan así. A maiores, ten unha ligazón de facebook para que os xoves compartan a súa visión das lecturas con xoves de todo o mundo e tamén unha Lectio Divina semanal adaptada á Pastoral Xuvenil http://www.bibliaparajovenes.org/pbj. Incluso pódense unir varias parroquias para facer formación de monitores. Pertence ó Instituto Fe-Vida. E todo isto tamén pode valer para a preparación do Ano da Fe.

Como eu tamén saín dun grupo xuvenil do colexio, que me orientou para continuar traballando na Igrexa despois da universidade, recoméndovos que non esquezades os tres piares fundamentais nos grupos xuvenís, se falta algún, a partes iguais, a cousa non vai ben : ORACIÓN-ACCIÓN-FORMACIÓN


2 comentarios:

  1. Estou totalmente dacordo contigo. Ás veces pecamos de criticar ós xoves (e eu aínda me atopo nesta franxa de idade), pero non somos quen de facer algo por eles, de "empurralos" para que se fagan responsables, que sexan dinámicos e noten que as súas iniciativas teñen tanto valor como as dos máis maiores das parroquias.
    É fundamental querelos, acompañalos e que se sintan partícipes da igrexa que tamén é súa.

    ResponderEliminar
  2. Pois ánimo ós que coma ti están "tirando do carro", necesitamos xoves que movan a Igrexa, hai que esforzarse por pensar como...

    ResponderEliminar