Domingo 3 de Pascua - ciclo C
3º DOMINGO DE
PASCUA -
CICLO C
Primeira Lectura Feit 5, 27b-32. 40b-41
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS
APÓSTOLOS
Nós somos testemuñas destas
palabras e tamén o Espírito Santo,
Naqueles
días, o xefe dos sacerdotes interrogou os apóstolos:
‑
Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes
Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese
home.
Pedro
e os apóstolos responderon:
‑
Cómpre obedecer a Deus antes ca aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a
Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus
coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a
conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén
o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
Azoutaron
aos apóstolos e ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos
ir.
Eles
saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor
do nome de Xesús.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 29, 2 e 4. 5 e 6. 11 e 12a e 13b
R/ (2a): Eu lóote, Señor,
porque me libraches.
Ou: Aleluia.
Eu lóote, Señor, porque me
libraches
e non deixaches rirse de min os
inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.
Cantádelle ao Señor os seus
amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
Escoita, Señor; ten compaixón de
min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por
sempre.
Segunda Lectura Ap 5, 11-14
LECTURA DO LIBRO
DA APOCALIPSE
É digno o Año a quen mataron de
recibir a forza e a riqueza
Eu,
Xoán, vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos
anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. Proclamaban con forte
voz:
"Merecente
é o Año, por estar degolado,
de recibir o poder, a riqueza, a
sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición".
E
oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e
enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:
"Para
quen está sentado no trono e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e
o poder
polos séculos dos séculos".
E
os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Resucitou Cristo, que creou todas
as cousas
e tivo misericordia do xénero humano.
Aleluia.
Evanxeo Xn 21, 1-19 (longo)
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi Xesús, colleu o pan e
déullelo, e igualmente o peixe
Naquel
tempo, aparecéuselles outra vez Xesús aos seus discípulos onda o lago de
Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado
Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous
discípulos seus.
Simón
Pedro díxolles:
‑
Vou pescar.
Eles
contestaron:
‑
Imos tamén nós contigo.
Saíron,
e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de
romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os
discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
‑
Rapaces, tedes algo que comer?
Eles
responderon:
‑
Non.
Díxolles
entón:
‑
Largade o aparello por estribor e atoparedes.
Eles
largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Entón, aquel
discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
‑
É o Señor.
Entón
Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido ‑ pois estaba
espido ‑ e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote -porque non
estaban lonxe da terra senón a menos de cen metros-, remolcando o aparello cos
peixes.
Cando
vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
Xesús díxolles:
‑
Traede peixes dos que acabades de coller.
Simón
Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e
tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
Xesús
díxolles:
‑
Vinde comer.
Ningún
dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle "ti quen es", sabedores
de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
Esta
foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de
entre os mortos.
Cando
xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
‑
Simón de Xoán, ámasme máis ca estes?
El
contestoulle:
‑
Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
‑
Apacenta os meus años.
E
de novo preguntoulle por segunda vez:
‑
Simón de Xoán, ámasme?
El
respondeulle:
‑
Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
‑
Apacenta as miñas ovellas.
E
preguntoulle por terceira vez:
‑
Simón de Xoán, quéresme?
Entristeceuse
Pedro de que lle preguntase por terceira vez
"quéresme?", e respondeulle:
‑
Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
‑
Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo
vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans,
e vestirate outro e levarate onde non queres.
Dixo
isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E
despois engadiu:
-
Sígueme.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
QUE NUNCA TEÑAMOS MEDO DA TENRURA:
QUÉROTE...
QUE PALABRA TAN
FERMOSA CANDO SE DI CO CORAZÓN!
TOMADO DE :remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Paz
e ben. Os discípulos non se decataban de que Xesús estaba alí, con eles, ao seu
lado. E non eran capaces de recoñecelo porque inda non se deran conta de que a
súa presenza non necesita anunciarse nin mostrarse con grandes roupaxes e
pontificais barrocos. Non, El vaise facendo pequeno na sinxeleza das cousas de
cada día: na ledicia de facer ben o traballo, no tempo dedicado a falar coa
muller e cos fillos, cos pais, cos avós, cos veciños, cos amigos...na palabra
que sabe recoñecer o ben que outros fixeron as cousas… no saber aproveitar cada
un dos momentos da nosa vida para dar resposta positiva á invitación do
“sígueme“ que nos fai. Non teñamos medo, superemos a desconfianza. El está ao
noso lado. Aprendamos a dicirlle:”aquí estou, Señor, e sabes que? Quérote!”.
O PERDÓN
Aínda que ás veces non nos esforzamos
por recoñecerte nas cousas pequenas de cada día, e non traballamos para facelas
ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.
A pesares de que nos cremos mellores
que os demais, que non aceptamos que as persoas poidan cambiar, que levamos
conta das ofensas que nos fan os irmáns e que non damos oportunidades para o
cambio, CRISTO, TI SABES QUE TE QUERO.
Pese a que moitas veces temos medo ou
vergoña de manifestar a nosa fe, e somos capaces de negarte para quedar ben, SEÑOR,
TI SABES QUE TE QUERO.
REMUÍÑO
- Se hai unha insistencia ao longo de todo o tempo de pascua nos textos que iremos proclamando, é a de ser testemuñas. As mulleres, os apóstolos, Paulo… foron testemuñas dunha profunda experiencia de Deus que lles cambiou a vida: a uns de xeito radical, a outros pouco a pouco, pero o caso foi que o acontecido con Xesús xa non volveu deixalos indiferentes. Unha das consecuencias disto foi que pouco a pouco ían perdendo os medos. Xa non se sentían desamparados, solos e incomprendidos. Do mesmo xeito que todos eles percibiron e viviron isto, tamén nós hoxe somos invitados a testemuñar a alegría de saber que o Deus no que cremos é un Deus de vida e para a vida.
- A
iso é ao que se refire Xesús cando nos di que temos que botar as redes ou
apacentar. Mal interpretada, esta invitación pode levarnos a caer nun
proselitismo erróneo que tantas veces unha boa parte da nosa Igrexa
utilizou e mesmo utiliza e que tan malos resultados lle deu e lle está
dando. Botar as redes para que o Señor as encha significa achegarse,
confiados en que El camiña connosco, a todas as persoas para ofrecerlle o
que somos e o que temos, o noso esforzo e a nosa axuda para ir construíndo
entre todos comunidade, Igrexa, Reino… Pero ollo, non desde a imposición
ou desde a obediencia cega, senón desde a invitación. Porque temos que
desenganarnos: no medio dunha sociedade que se esquece e mesmo ás veces
parece querer matar a Deus, a Igrexa, que non o esquezamos, somos todos
nós, seremos cribles se coas nosas accións, coas nosas palabras, cos nosos
xestos… nunha palabra, se, co noso talante estamos dispostos a ser
testemuñas daquel que, o día de Xoves Santo que tan fresco temos na nosa
vida, nos invitou a pasar polo mundo vivindo as palabras amor,
solidariedade e servizo, non como anónimas senón co rostro e o nome de
tantas persoas que ao noso carón saben vivilas e testemuñalas. Polo tanto
non se trata de berrar moito, de dicir palabras fermosas, de laiarse de
que outro tempo pasado foi mellor… trátase máis ben de mirar cara adiante
co optimismo e coa ledicia de sabérmonos queridos e agarimados por un Deus
que é amor e que nos invita a facelo presente no mundo sendo, coa nosa
vida, homes e mulleres sementadores de esperanza e de ilusión. Porque, con
qué criterio predicamos a Deus e non acompañamos aos nosos irmáns e irmás
cando sofren? A fe, malia que lle pese a demasiados, non é só cuestión de
culto, de templo, de sancristía, senón que tamén ten unha dimensión social
que en demasiadas ocasións esquecemos, porque compromete a nosa vida a
xornada completa. Certamente é importante non faltar á celebración do
domingo, orar diante do Santísimo, rezar o rosario… pero non é menos
importante non explotar ás viúvas cobrando estipendios inxustos, dar conta
dos cartos da comunidade, acompañar a quen sofre a perda dun ser querido,
alentar a quen se sente precisado do noso tempo, do noso sorriso, da nosa
man.... Iso tamén forma parte da vida de fe. E esas son as redes que se
nos invitan a botar hoxe: as do achegamento, do diálogo, da escoita, do
agarimo, da xustiza, da compaña....
·
Así é como
daremos razón da nosa esperanza: se temos sempre presente que non podemos
disociar a vida e a fe, o que cremos do noso actuar, o que rezamos do que
facemos… Non temos a posesión absoluta da verdade, temos que confiar na xente,
dar oportunidades… coma fai Xesús hoxe con Pedro. A pesares de telo negado tres
veces, hoxe o Señor volve darlle unha nova oportunidade. Que nós tamén, nesta
nova oportunidade que se nos abre co tempo pascual, saibamos facer presente ao
Resucitado ao noso redor dende as redes evanxélicas.
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
(A poder ser, desde a fonte bautismal)
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron
por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para
escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso,
pregúntovos:
- Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso
camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que
nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza? Si, creo.
- Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou
polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu
na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor
nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos
chamamos seguidores seus? Si, creo.
- Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai
actuando na nosa vida, fortalecendo as nosas comunidades e invitándonos a
non deixarnos levar da desgana e do derrotismo? Si, creo.
- Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao
longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na
escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús,
que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a
súa voz? Si, creo.
- Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada
celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos
invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos
abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en
totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte? Si, creo.
Pai,
que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e
esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S.Amén.
ORACIÓN DA
COMUNIDADE
QUE
AS NOSAS REDES
SEXAN SEMPRE
AS DO AMOR
SEXAN SEMPRE
AS DO AMOR
ü
Pola
Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que sempre botemos as nosas redes
para favorecer a todas aquelas persoas que nesta vida foron situadas nun lugar
escuro e apartado da sociedade, OREMOS
QUE
AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
ü
Polas
nosas comunidades, para que sexan comunidades vivas, esperanzadas e
esperanzadoras, non excluíntes, alegres, agarimosas, e así fagan presente no
noso mundo ao Resucitado, OREMOS.
QUE
AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
ü
Por
cada un e cada unha de nós, para que sempre vaiamos pola vida coma Xesús,
botando as redes do amor, coas mans estendidas cara todas as persoas,
denunciando a utilización e a opresión do pobre, e abertos á xustiza e á
esperanza, OREMOS.
QUE
AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Grazas,
Señor, porque a pesares de que moitas veces queremos ir por libre, Ti segues a
confiar en nós e a subir á ventá do faiado esperando a nosa volta. Grazas por
estar sempre aí. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
(Preparamos fotocopias para repartirllas á xente e
rezámola tod@s xunt@s)
Señor, Ti sabes que sempre te quixen,
e que sigo queréndote.
Ti sabes que te quero.
A pesares da miña soberbia e do meu orgullo,
a pesares dos meus medos e infidelidades,
Ti sabes que te quero.
A pesares do cansazo e do abandono de tantos días,
a pesares da miña cachola de pedra,
Ti sabes que te quero.
A pesares de que me custa adiviñarte entre a xente,
a pesares do torpe que son para verte vestido de
pobre,
Ti sabes que te quero.
A pesares das miñas dúbidas de fe,
da miña esperanza vacilante,
do meu amor posesivo,
Ti sabes que te quero.
A pesar das fanfurriñadas dalgúns días,
da apatía e da desgana doutros,
a pesares dos meus pés cansos,
das miñas mans sucias,
do meu rostro desencaixado,
Ti sabes que te quero.
A pesares de que me custa quererme a min mesmo,
a pesares de que non sempre te entendo,
a pesares das liortas nas que me meto,
Ti sabes que te quero.
Quérote, Señor,
porque Ti me quixeches primeiro,
e non renegaches de min,
a pesares de ser burricán e fráxil.
Quérote, Señor,
porque sempre confías nas posibilidades que teño de
ser,
xunto contigo,
aquí, no meu posto,
servidor fraterno.
CANTOS
¨ ENTRADA:
Unha xuntanza de amor
Gloria a Deus, gloria ao Pai....
¨ LECTURAS:
Canta, aleluia
¨ OFERTORIO:
Camiñar sen Xesús
¨ COMUÑÓN:
Déixate querer
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario