19 abr. 2013


4º DOMINGO DE PASCUA -CICLO C
  

Primeira Lectura    Feit 13, 14. 43-52
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Velaquí, volvémonos aos xentís

            Naqueles días, Paulo e mais Bernabé chegaron a Perxe, e seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse.
            Moitos xudeus e prosélitos practicantes foron con Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.
            Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus, pero os xudeus enchéronse de envexa ao veren tanta xente, e opoñíanse con insultos ao que Paulo dicía. Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
            ‑Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara aos pagáns; pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.
            Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna. Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.
            Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e aos principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.
            Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 99, 2. 3. 5
R/. (3c): Nós somos o seu pobo, ovellas do seu rabaño.
Ou: Aleluia.

Aclama ao Señor, terra enteira,
servide o Señor con alegría,
entrade á súa  presenza con gritos de xúbilo.

Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que somos del,
que somos o seu pobo,
as ovellas do seu rabaño.

Porque o Señor é agarimoso,
a súa misericordia dura por sempre,
a súa fidelidade, de xeración en xeración.



Segunda Lectura     Ap 7, 9. 14b-17
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
O Año será o seu pastor e levaraos ás fontes de auga

            Eu, Xoán, mirei e vin un mundo de xente que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.
            E díxome un dos anciáns: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.
            Por iso están diante do trono de Deus,
e adórano día e noite no seu santuario.
E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.
            Non terán máis fame nin sede,
nin caerá endexamais sobre eles o sol,
nin ningunha queimadura del.
            Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,
levaraos ás fontes de auga
e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 10, 27-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu doulles a vida eterna ás miñas ovellas

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man.
            Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e mais eu somos un.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



“NAS VALGADAS SOMBRÍAS NINGÚN MAL VOU TEMER, AÓ PE DO TEU CAXATO SENTÍN O SOSEGO”

PÓRTICO
CONFIANZA. Esta podería ser a palabra que mellor define e se achega a este tempo de Pascua e á celebración deste terceiro domingo pascual. Confianza en Deus por riba das desconfianzas que nos fan sentir os que falan, din e se manifestan coma os seus representantes e para os que non hai sosego -senón moitas valgadas sombrías-, para os que todo son males, desconfianzas, condenas e imposicións. A pesar deste xeito de actuar por parte dos que queren seguilo sendo pastores das comunidades ás que están chamados a servir, o Deus que en Xesús vence á morte, segue a dicirnos que nesas valgadas sombrías nas que todo parece saír mal, El nin se esquece nin se vai: está, permanece, continúa á nosa beira. É o único e verdadeiro Pastor.
Que nesta mañá que nos reunimos para escoitar, compartir e celebrar a confianza en Cristo Pastor, renovemos o noso compromiso de manter sempre firmes as nosas conviccións e a nosa esperanza, unidos a aqueles que, na súa pequenez e limitación, dan o mellor de si para que as comunidades ás que acompañan e serven sentan, gocen e descubran a presenza da mensaxe do Resucitado non de palabra, senón no actuar confiado, ledo e sinxelo ao servizo da nova creación á que Cristo resucitado nos abre e ensina a continuar.

O PERDÓN
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non nos abandonas á nosa sorte, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non queres que aniñen en nós a desconfianza e o afán de dominio sobre os demais, CRISTO, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non queres que agromen na nosa vida nin manipulación nin o engano cara aos demais, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.

REMUÍÑO

û 
O cuarto domingo de pascua celebramos o día do Bo Pastor. Esta celebración é sempre unha chamada a todos os cristiáns, pastores ou non, para que dirixamos a nosa mirada ao interno das nosas comunidades e reflexionemos de que maneira estamos vivindo o compromiso adquirido no bautismo de ser testemuñas de Xesús confesando a fe na resurrección, desde o noso actuar cotián alí onde desenvolvemos as nosas tarefas laborais, familiares, sociais e tamén eclesiais. É un bo momento para preguntarnos de que xeito asumimos e tomamos en serio a afirmación que tantas veces dicimos: Cristo é o noso guieiro e a nosa esperanza. El é o noso Pastor, a quen seguimos na súa persoa e na súa mensaxe. Pero este noso seguimento non é algo teórico e desconectado do que cada día facemos desde que nos erguemos ata que nos deitamos. Todo o contrario. Afirmar que Cristo é o noso Pastor debe enchernos da responsabilidade de actuar sempre téndoo a El como referencia do que facemos. E isto atínxenos a todos, non só a aqueles que un día foron ordenados para o servizo das comunidades. Así, tamén aos segrares lles corresponde o seu labor de facer que quen os preside o faga con criterios evanxélicos, de servizo, de entrega xenerosa, humilde e sinxela..., afastados do foco do “estrellato“ no que moitas veces teñen/mos caído. E aquí, por calar, por permitilo, por criticar e non actuar, todos, segrares tamén, temos parte de culpa. Xa é hora de deixar de estar como cristiáns obedientes e calados, namentres o actuar dos nosos pastores se vai afastando do proxecto evanxelizador de Xesús. O pastor, como non o era Xesús, non é un burócrata nin unha persoa que busca medrar e ascender na escala eclesial como se fose un “yupi con “colariño”; todo o contrario, quen queira ser pastor ha aprender a estar con quen sufre, visitar a quen está enfermo, consolar a quen se sente triste, defender a quen non é respectado nos seus dereitos. Nunha palabra, utilizando unha expresión do Papa Francisco na Misa da consagración do Crisma no día de Xoves Santo, os que queiran ser pastores da Igrexa teñen que deixar os despachos, os pazos e as alfombras vermellas, para “cheirar como as ovellas”.
É dicir, para estar ao lado daqueles aos que din servir, polos que din preocuparse e nos que, desde o desenvolvemento do seu ministerio sacerdotal, descobren a presenza de Xesús poñendo o seu corazón, as súas mans, o seu tempo e o seu saber facer ao dispor de cantos o necesiten. Os pastores das nosas comunidades non poden formar un aparte do resto dos membros das mesmas. Han ser sinxelos, humildes e sempre esperanzados. Non poden ser os cartos, o poder ou o “status” o que guíe as súas vidas. Por iso é tan importante que a celebración deste día a comprendamos e vivamos co corazón, cantos nos chamamos e sentimos cristiáns, xa que a nosa tarefa non está unicamente en colaborar e participar nas celebracións, nin tampouco se pode reducir a criticar o que os pastores fan, senón en abrir a man e colaborar con eles para que se fagan máis humanos, achegados e sensibles aos problemas das súas xentes. Tal e como Xesús invitou a vivir aos que estaban dispostos a seguilo. Se renunciamos a isto e non os axudamos, non temos ningún dereito nin a criticalos nin a pedirlle que fagan o que nós non somos capaces de axudarlles a descubrir.

û  Os textos que acabamos de proclamar márcannos con claridade que este é o camiño que debemos seguir. O testemuño e o esforzo de tantos pastores que, en diferentes momentos da historia da Igrexa perotendo sempre como guieiro ao Pastor Xesús, foron poñendo de manifesto que é posible vivir un ministerio sacerdotal en actitude de servizo, no medio dos “gozos e esperanzas, das tristuras e angustias” das persoas que conformaban as comunidades. Hoxe mesmo, tamén é posible facelo se todos, pastores e comunidades, sabemos estar á altura do que a sociedade e as persoas que a conforman nos piden que sexamos. Xa quedan moi atrás os tempos dos pastores soberbios, autoritarios, mando e pensamento único, movidos pola taxa dun servizo relixioso, prestado moitas veces de xeito rutineiro e sen capacidade de expresar a transcendencia de relación con Deus e a paixón e o amor pola que viven, senten e sofren aqueles aos que din servir. Porque os pastores non poden ser nin profesionais nin funcionarios, senón servidores dispostos a transmitir a alegría e a esperanza de saber que Cristo é resposta e a súa mensaxe, camiño. Neste día renovemos a nosa confianza en Deus, espertemos do sono que nos leva a criticar, pero non a colaborar, e traballemos xuntos para ser comunidades vivas e ledas, que testemuñan coa súa vida e o seu facer, que seguir a Cristo paga a pena.

û  Neste camiño de esperanza, Xesús, Bo Pastor, é sempre compañeiro para que sexamos capaces de pasar de ser comunidades de conservación, tristes e consumidoras de ritos, a ser comunidades vivas desde as que somos capaces de compartir a alegría de renovarnos para que a forza da mensaxe de Xesús chegue con ollos sempre abertos, proxectos novos e renovadores á nosa sociedade tan de volta de todo diante da frustración e o engano dos poderosos.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

·        Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.

·        Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.

·        Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.

·        Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.

·        Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Co Señor, Pastor bo e xeneroso, compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xuntos:
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA
*       Para que en todas as comunidades cristiás gocemos de pastores sinxelos, achegados, ledos e abertos a tender a man a quen o necesite, OREMOS.
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA

*       Para que saibamos acoller con alegría, alentar con esperanza e animar con participación aos pastores das nosas comunidades parroquiais, OREMOS.
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA

*       Para que a Igrexa non esqueza nunca que o servizo dos seus pastores esixe estar sempre ao lado de quen sufre, de quen se sente excluído, de quen está necesitado de que o escoiten e lle tendan unha man; e non ao lado de quen oprime, explota e ten poder, OREMOS.
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA

Pastor bo e xeneroso, que entre todos os que conformamos as comunidades cristiás, saibamos recuperar a frescura da fe que nos invitas a vivir con humildade, sinxeleza e sentido participativo e comunitario. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
A Igrexa necesita pastores–Cristo, por iso lle pedimos ao “dono da seara para que envíe obreiros a súa seara”. Os pastores han identificarse en todo con Cristo Pastor:

·        Facéndose pobres e desprendidos, con Cristo empobrecido, a fin de poder evanxelizar aos pobres.
·        Facéndose humildes, con Cristo humillado e servidor, para estar máis preto dos débiles e pequenos.
·        Facéndose misericordiosos, con Cristo compasivo, para estar máis abertos nas miserias humanas.
·        Facéndose pacíficos, con Cristo Paz, pata chegar a ser instrumentos de reconciliación.
·        Facéndose limpos de corazón, con Cristo transparencia divina, para poder descubrir as presenzas de Deus.

(Caritas, Yo creo, yo espero...en el amor. Cuaresma e Pascua, p.191)

CANTOS
*    ENTRADA
O Señor é o meu Pastor
*    LECTURAS
Cantádelle ao Señor
*    OFERTORIO
Grazas, Señor, na mañá
*    COMUÑÓN
No colo de miña nai

POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario