Domingo 2 de Pascua - ciclo C
2º DOMINGO DE
PASCUA-CICLO C
Primeira Lectura Feit 5, 12-16
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Aumentaban os crentes no Señor:
multitudes de homes e mulleres
Pola
man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban
de común acordo no pórtico de Salomón; dos outros ninguén ousaba xuntarse con
eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima.
A
cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal
punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando
pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles.
Viña
moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por
espíritos impuros, e todos quedaban curados.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 117, 2-4. 22-24. 25-27a
R/. (1): Loade o Señor, porque
é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou: Aleluia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.
A pedra que os canteiros
desbotaron,
esa mesma, converteuse en
esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor
actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.
Señor, dános a salvación!
Señor, dános prosperidade!
Bendito o que vén no nome do
Señor:
desde a casa do Señor
bendicímosvos.
O Señor é Deus: El dános a luz.
Segunda Lectura Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Estiven morto, e velaquí vivo por
sempre eternamente
Eu,
Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús,
estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de
Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma
dunha trompeta, que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo
ás sete igrexas".
E
dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ao virar, vin sete
candelabros de ouro e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha
túnica talar e cunha faixa de ouro
cinguida á altura do peito.
Ó
velo, caín aos seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e
díxome:
-
"Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Derradeiro, o que vive; estiven
morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves
da Morte e do lugar dos mortos.
Escribe,
logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe,
di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús
Naquel
día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os
discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑
Paz convosco.
Dito
isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o
Señor.
El
díxolles outra vez:
‑
Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E
dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑
Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles
perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero
Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
Dicíanlle
entón os outros discípulos:
‑
Vimos o Señor.
Pero
el contestoulles:
‑
Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo;
como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito
días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou
Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
‑
Paz convosco.
Despois
díxolle a Tomé:
‑
Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu
costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé
respondeulle:
‑
Meu Señor e meu Deus!
Xesús
díxolle:
‑
Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
Moitos
outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron
neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo
de Deus, e, crendo, teñades vida nel.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
FELICES NÓS QUE CREMOS
SEN VER
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Paz e ben! Hai
hoxe dúas semanas que nos xuntabamos nesta mesma igrexa para celebrar o domingo
de Ramos, o pórtico da Semana Santa, a entrada de Xesús en Xerusalén para
celebrar a festa da Pascua. Lembrábasenos aquela mañá que, malia que o camiño
non é doado, non debemos perder o sorriso, a ilusión, a esperanza....porque
sabemos que o Resucitado camiña ao noso carón. Non vale parar; tampouco
renunciar a avanzar e a mirar cara adiante. Porque a resurrección nos abre un
novo camiño, porque sabemos que a nosa vida ten un novo sentido, porque o mundo
está preñado de esperanza, porque a tristura e a dor deixan paso a un novo
amencer de compromiso e liberación... que mellor que xuntarnos nesta mañá de
domingo para celebrar, compartir e descubrir a presenza daquel que nos vén
traer a paz. Veña, non sexamos coma Tomé. Recoñezamos os seus sinais. Non deixemos que o arco da vella que Deus
pon na nosa vida pase de longo sen decatarnos da súa existencia.
O
PERDÓN
ö Porque somos
especialistas en botarlle vinagre ás feridas dos demais, non para curárllelas,
senón para aumentar a súa dor, SEÑOR,
QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
ö Porque
camiñamos cun corazón mesquiño, que non é capaz de sementar nos demais a
alegría e a esperanza de que o mundo pode cambiar, CRISTO, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
ö Porque non
somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, poñéndoo
en común para o servizo da comunidade, SEÑOR,
QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
REMUÍÑO
û Na noite de pascua fomos invitados a queimar os colectores cheíños ao
longo da coresma coas actitudes derrotistas e desalentadoras que mancaban o
noso camiñar cara á resurrección. Ao longo desta cincuentena pascual, a
primeira lectura, tomada do libro dos Feitos dos Apóstolos quere ser para nós e
para as comunidades das que formamos parte, un espello no que mirarnos para
este camiño novo que comezamos aquela noite. Estamos, pois, chamados a volver
ás actitudes dos primeiros cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda de
medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da
resurrección na nosa vida.
û Unha vida que sabemos
que é unha busca continua de seguridades, de comodidades, de instalacións: queremos
ter un bo traballo, que sexa fixo, unha vivenda en propiedade, un coche, uns
aforriños no banco (por se acaso)... e ás veces, as máis das veces, queremos
que a nosa fe tamén sexa unha fe de seguridades. Coma os discípulos, tamén nós
estamos coas portas ben pechadas ao novo, ao que chega, ancorados no pasado. É
a nosa única preocupación: as miñas intencións individuais (non vaia ser que o
Señor non salve se a intención é de máis dun), os meus rosarios, os viacrucis,
os xoves eucarísticos.... e, para que? Para sentir a nosa conciencia tranquila
cun cumpro + minto, cunha morea de
prácticas rutineiras, baleiras de sentimento, afastadas da nosa vida e que non
comprometen a nada. Sempre estamos a falar de Xesús, pero afogámolo por
tradicións, costumes e rutinas que o relegan a un segundo ou a un terceiro
plano. Ás veces somos nós mesmos quen o facemos desaparecer: reunímonos no seu
nome, pero pechámoslle o noso corazón; dámonos a paz, pero seguimos sen
falarlle ao veciño; escoitamos o seu Evanxeo, pero non deixamos que pouse no
noso corazón.
û Porque a novidade da resurrección non trae xa todo
definitivo, non despexa todas as dúbidas. É un camiño que temos que facer, como
o fixo a primeira comunidade. Aínda que a lectura de hoxe fala de conversións
masivas e de entusiasmo na predicación, iso non quitou a dúbida, o rexeite da
persecución e o medo por parte dos cristiáns. Acaso o exemplo do apóstolo Tomé
non é o noso moitas veces? Necesitamos a forza do Resucitado que a atopamos na
súa palabra feita vida, no seu corpo feito alimento e na comunidade reunida que
é expresión unánime da nosa fe.
û Porque sabemos que o mundo de hoxe; ese que tantas veces criticamos e
queremos superar, volve as costas á Igrexa. A xente nova cada día é menos
crente, cada vez desconfía máis da Igrexa. Non abonda con culpar
aos outros. Hai que erguer, no medio do mundo, signos cribles da presenza de
Deus, do amor entrañable de Xesús por toda a xente, comezando polos últimos da
terra. Ese é o signo que se está a pedir: non un Evanxeo feito de rebaixas e de
compracencias, senón de bens compartidos, pero, por riba de todo, de compartir
a vida, o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que queremos. Si
os demais, aqueles nos que nos di Xesús que temos que
aprender a descubrir, ver, recoñecer, non significan nada para nós; se pasamos
ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che
pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua
aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e
se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se
busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se
busque propor e non impor. Benia aos que
cren sen ver!
RENOVACIÓN
DAS PROMESAS BAUTISMAIS
(A poder ser, desde a fonte bautismal)
Renovamos
agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e
padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra,
repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
·
Credes no Deus
da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a
nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa
súa presenza? Si, creo.
·
Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo
facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen
voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as
benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores
seus? Si, creo.
·
Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa
vida, fortalecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da
desgana e do derrotismo? Si, creo.
·
Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous
mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten
desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a
anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz? Si, creo.
·
Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración,
facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser
construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do
encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que
nos leva a vencer a morte? Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar
e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida.
P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua. O
teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Por iso, agradecidos e
confiados, dicímosche:
GRAZAS
POLA FONTE DA VIDA
·
Pola Igrexa, para que este tempo de Pascua a
cuestione a mirarse a si mesma con sinceridade, preguntándose se o abandono
masivo de tantos cristiáns e cristiás non se deberá a que a resurrección só é
unha palabra ritual, e non forza que dinamiza a vida da sociedade, OREMOS.
GRAZAS
POLA FONTE DA VIDA
·
Polas nosas comunidades, para que o tempo de
Pascua sexa de verdade un camiño novo no que sexamos quen de pechar vellas
feridas, de esquecer antigas xenreiras e desencontros, de desinstalarnos dun
pasado que xa non é, OREMOS.
GRAZAS
POLA FONTE DA VIDA
·
Grazas porque no noso interior, a pesar do
cansazo e o desánimo que nos cercan por veces, atopamos a túa voz que nos
anima, a túa auga que refresca a nosa existencia, o teu pan que se converte en
nós en pulo de vida e de esperanza. OREMOS.
GRAZAS
POLA FONTE DA VIDA
Grazas, Pai, porque segues a confiar en nós, porque segues a facerte
presente na nosa vida para alentala e darlle forzas. PXNS. Amén
PARA A REFLEXIÓN
No medio da sombra e da ferida
pregúntanme se creo en Ti.
E digo que teño todo cando estou contigo:
o sol, a luz, a paz, o ben, a vida.
Sen Ti, o sol é luz descolorida;
sen Ti, a paz é un cruel castigo;
sen Ti, non hai ben nin corazón amigo;
sen Ti, a vida é morte repetida.
Contigo o sol é luz namorada;
contigo a paz é paz florida;
contigo o ben é casa acolledora;
contigo a vida é compromiso.
Porque se me faltas Ti, non teño nada:
nin sol, nin luz, nin paz, nin ben, nin vida.
(Sobre unha idea de Martín Descalzo en Cáritas, Coresma e Pascua 2013 páx. 173)
CANTOS
ö ENTRADA:
Que ledicia a miña
ö GLORIA:
Gloria a Deus, gloria a Deus...
ö LECTURAS:
Xesús é Señor
ö OFERTORIO:
Grazas, Señor, graciñas
ö COMUÑÓN:
Quédate, Señor, connosco
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario