Domingo 2 de Coresma - ciclo C

2º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO C


Primeira Lectura     Xen 15, 5-12. 17-18
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Deus establece alianza co fiel Abrahán

            Naqueles días, Deus levou fóra a Abrahán e prometeulle:
            ‑ "Olla cara ao ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes". Abrahán creu ao Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.
            Despois díxolle o Señor:
            ‑ "Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra".
            Abrahán preguntou:
            ‑ "Señor e dono meu, como saberei que será miña?"
            O Señor respondeu:
            ‑ "Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba".
            Abrahán trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. Os voitres descendían á carnada, e Abrahán espantábaos.
            Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abrahán un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.
            Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abrahán viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume.
            Aquel día fixo o Señor con Abrahán esta alianza:
            ‑ "Ós teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates,

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 26, 1. 7-8. 9abc. 13-14
R/. (1a): O Señor é a miña luz e salvación.

O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?

Escoita, Señor, a miña voz, que estou clamando,
ten misericordia de min, respóndeme.
O meu corazón dixo de ti:
"Buscade o meu rostro".
O teu rostro eu busco, Señor.

Non afastes de min o teu rostro.
Non rexeites con ira o teu servo,
Ti es a miña axuda.

Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.


Segunda Lectura     Flp 3, 17 -- 4, 1  (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Cristo hanos configurar co seu corpo glorioso

            Irmáns:
            Seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. É que moitos ‑ dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar ‑ pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o seu bandullo; a súa gabanza está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais.
            Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transformar o noso pobre corpo, configurándoo ao corpo da súa condición gloriosa, de acordo coa súa virtualidade para sometelo e para someter a si mesmo todas as cousas.
            Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

___________________________________________

Ou máis breve:  3, 20 -- 4, 1

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES

            Irmáns:
            A nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transformar o noso pobre corpo, configurándoo ao corpo da súa condición gloriosa, de acordo coa súa virtualidade para sometelo e para someter a si mesmo todas as cousas.
            Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.



Evanxeo    Lc 9, 28b-36
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Transfigurouse o seu rostro mentres oraba

            Naquel tempo, Xesús colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ao monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes.
            De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e mailos outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
            ‑ Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?
            Pero non sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ao entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube:
            ‑ Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.
            Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


DO TABOR DOS ILUSOS Á SOCIEDADE DOS COLECTIVOS INVISIBLES
 TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

SÍMBOLO CORESMAL
Continuamos desenvolvendo o sinal do colector de lixo que temos escollido para esta coresma. Hoxe botaremos nel canto fai de nós persoas cómplices da invisibilidade de tantas persoas na sociedade da que formamos parte.
Neste segundo domingo, o noso colector será gris e levará escrito: “O Señor é a miña luz e a miña salvación”.
  
PÓRTICO
Como se non fósemos conscientes do que está ocorrendo, cada día son máis os colectivos que a sociedade vai deixando nas beiras, entrando na dinámica da invisibilidade, como se esquecer, aparcar ou non falar de persoas e situacións supuxera que xa non están, que desapareceron, que xa non son problema. E tan así é que pouco a pouco a sociedade vai permitindo que esta invisibilidade creza. De certas cousas non se fala –control ideolóxico para evitalo-, cámbianse as palabras para que non asomen con toda a dureza do seu significado, evítase calquera referencia a colectivos que están pasando por momentos de dificultade ou foron enganados por aqueles nos que confiaban. Prodúcese así o paradoxo de que na sociedade da información, vívese na máis absoluta desinformación. O que hai que dicir, cando dicilo, como dicilo... regúlase, contrólase e modúlase, como se non mostrar a realidade supuxese que non existe! Teremos que seguir calados e adormecidos diante desta situación?
O Evanxeo de hoxe, a Transfiguración, volve invitarnos a caer na conta de que escapar da realidade ou varrer para debaixo da alfombra non da solución aos problemas; pola contra, só poñendo os pés no chan seremos capaces de abordalos e intentar superalos.
Que a celebración de hoxe esperte en nós a forza para non volvernos indiferentes diante dos que, querendo ocultarnos a realidade, trátannos coma se foramos monicreques.

O PERDÓN
*        Por ter desconectado da realidade e dos seus problemas para pecharnos nas nosas actitudes individualistas, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INDIFERENZA.
*        Por deixarnos vencer pola preguiza que nos fai despreocupados e distantes dos problemas e dificultades dos veciños, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA INDIFERENZA.
*        Por seguir a política do avestruz, e escapar dos problemas e dificultades, como se non facerlles fronte supuxese a súa desaparición, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INDIFERENZA.

REMUÍÑO
Hoxe a Palabra márcanos un roteiro de viaxe:
ü  CONFÍA: A confianza que Deus manifesta en Abrahán pon a este no camiño da Alianza. Con el establece un compromiso de ser o que acompañe, anime, alente o descorrer do pobo de Israel; e non hai outra razón para que iso sexa así que a de que é Deus mesmo o que o quere. Sen intermediarios, sen mediacións, sen ninguén que poida utilizar esta oferta no seu beneficio. Este saír ao encontro por parte de Deus é o que move a Abrahán a dicir que si, a responder, logo das súas dúbidas e vacilacións, con confianza á confianza que Deus puxera nel. Un si co que dá comezo á historia da relación e amor entre Deus e o seu pobo. Pero tamén unha historia na que diante da fidelidade e confianza por parte de Deus, se atopaba moitas veces a infidelidade e desconfianza por parte do pobo. Deus estaba... o pobo, non sempre. Unha experiencia coma esta pode servirnos a nós hoxe, segundo domingo de coresma, para que tamén nos preguntemos se somos capaces de percibir a confianza e fidelidade que Deus vai poñendo en nós, na nosa vida, no noso proxecto de realización persoal.
ü SAE: Unha vez que confías, cómpre dar un paso máis.... liberarse das ataduras. Sae do teu templo, dos teus costumes relixiosos, do teu culto rutineiro e baleiro, de todo aquilo co que cres poder comprar a Deus. Sae de ti mesmo, do teu illamento, do teu refuxio, das túas seguridades, dos teus complexos… despóxate do teu poder, dos teus bens, da nosa prepotencia cultural…. Porque para camiñar cómpre ir o máis lixeiro posible. A fe non adormece nin as nosas conciencias nin a percepción da realidade; ao contrario, mantena viva e axúdanos a non pasar como se o que ocorre non fora con nós.
ü  SUBE: A meta final non está no aplauso ou no recoñecemento dos aduladores, senón na tarefa, nada doada, de renunciar ao cómodo, ao fácil, á palmada nas costas dos que só nos queren namentres lles valemos, para poñernos a camiñar buscando razóns, proxectos e esperanzas que nos cambien, persoal e comunitariamente, e fagan de nós crentes comprometidos na defensa das causas xustas que teñan á persoa como centro, e non como simple peón a utilizar segundo intereses persoais. Non todo o camiño é chan; pero nel iremos atopando cos acontecementos da vida e descubrindo a presenza do Señor. Non teñamos medo, non nos deixemos levar polos profetas de calamidades. Atoparemos pendentes, baixadas, curvas..... tamén rectas. Pero, de seguro que o Señor vai con nós... E sabendo que estamos de paso, e que só en Deus atoparemos o verdadeiro acougo.
ü  ESCOITA: Pedro falaba moito, e non sabía o que dicía. Na nosa sociedade, na que son moitos os discursos, na que hai saturación de palabras, onde todos din que teñen algo que ofrecer, ás veces queda pouco tempo para a reflexión e podemos deixarnos levar polo que nos resulta máis gracioso, cómodo ou fácil. Por iso cómpre que saibamos facer silencio para poder escoitar a Palabra de Deus, o berro dos irmáns e das irmás, as sinais da historia. Porque…escoitar é confianza e compromiso.
ü  BAIXA: O evanxeo da Transfiguración do Señor que vimos de proclamar é un lóstrego ás nosas conciencias para saír do pasmonearía que moitas veces nos invade. É verdade que Paulo nos lembra que somos cidadáns do ceo, pero iso non é quere dicir, como moitos pensan, “estar nas nubes”, pasar das cousas da terra, vivir desarraigado do momento e da circunstancia na que se vive, sen compromisos concretos, sen preocupacións polas cousas e polas persoas, sen ler e interpretar “os sinais dos tempos. Cidadán e cidadá do ceo terá máis ver co feito de proxectar a nosa vida desde os valores de Deus, estando presentes no noso entorno con toda intensidade para poñer en cada acontecemento, por pequeno que sexa, un sentido sobrenatural, en persoas que viven con estilo transcendente e que xusto por iso non escapan das responsabilidades que teñen como membros da sociedade.
ü  DEIXA PEGADA: Tabor e Calvario son dous montes que enmarcan a vida pública de Xesús. Tabor e Calvario compleméntanse e enmarcan o discurso da existencia cristiá. Hai que subir ao Tabor desde a rutina da vida para ver, para coller folgos e esperanza no camiño; pero non hai que perder de vista a terra, non sexa que o resplandor e os alustros do Tabor se convertan en fogos artificiais, e a esperanza se desvaneza en ilusións. Tabor e Calvario son tamén dous xeitos de posicionarse na vida e fronte a vida. Nós, que estamos no Tabor da sociedade do benestar, miramos o mundo coma o reino da liberdade, cheo da luz dos Dereitos Humanos, lanzado cara ao progreso, o desenvolvemento, o crecemento... Pero fronte desta visión, moitos irmáns nosos viven no Calvario, é a sociedade doente dos que agonizan na cruz do subdesenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame innecesaria, do salario e da pensión discriminada. Por iso non é de recibo que digamos “que ben se está aquí” e que fagamos oídos xordos aos berros de tantas e tantas persoas que piden xustiza. Hai que baixar da montaña máxica, do falso Tabor no que poñen as súas tendas os poderosos, porque os cristiáns e cristiás temos a obriga de mostrarlles a estas persoas que Deus está con eles.

Ao noso colector do lixo, hoxe poderiamos, -desde a escoita atenta desta palabra coa que Deus nos fala-, botar todo canto nos fai crer inmunes a todo e non necesitados de nada nin de ninguén, porque o falso conforto afástanos de Deus e fainos insolidarios cos irmáns. Non sexamos, logo, tan ilusos como para crer que todo vai ben, a pesares da invisibilidade coa que a nosa sociedade vai cubrindo e escondendo a quen non lle gusta ou pon en cuestións a súa “falsa” imaxe. Baixemos do pedestal para non vivir do conto coma os que se cren por riba dos demais, imprescindibles e necesitados de que os outros se humillen diante deles. Que mellor que o tempo de coresma para baixar deste falso Tabor.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Porque non queremos quedarnos mirando ao ceo, senón poñernos na túa man para sentir a forza que nos mova a aportar o noso gran de area na búsquea de solucións aos problemas que estamos a sufrir na comunidade, dicimos:
PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS
*    Que neste tempo de coresma camiñemos na sinceridade de botar ao colector do lixo canto nos fai covardes, insolidarios e indiferentes diante dos problemas dos irmáns e irmás, OREMOS.
PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS
*    Que neste tempo de coresma fagamos da nosa experiencia de fe un esforzo continuado por botar no colector do lixo o que nos leva a desconfiar de Ti, a afastarnos da oración como puntal de cada día, o que nos fai cómodos e parasitos, OREMOS.
PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS
*    Que neste tempo de coresma nos esforcemos por non dar as costas aos irmáns que viven situacións de perda de traballo, enfermidade, dificultades de relación e comunicación nas familias ou desconsolo e desencanto pola traizón de persoas que consideraban amigas, OREMOS
PAI/ NAI, QUE BUSQUEMOS SEMPRE EN TI A CONFIANZA DOS FILLOS
Pai/Nai, que saibamos descubrir a túa presenza no camiñar persoal e comunitario ao que nos enfrontamos cada día, para así non deixarnos levar pola indiferenza e o desencanto diante das dificultades. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Para estar contigo,
libérome da miña alforxa,
quito as miñas gafas,
esquezo a miña axenda,
gardo a pluma no meu peto,
boto a un lado o meu reloxo,
despóxome da miña roupa,
despréndome das miñas xoias,
renuncio ao meu anel,
quito os meus zapatos,
deixo tamén as miñas chaves...
Para estar contigo.
E despois de estar contigo....

Tomo as chaves para poder abrir as túas portas,
calzo os zapatos para poder andar polos teus vieiros,
poño o anel para comprometerme contigo,
adórnome con xoias para asistir á túa festa,
visto a túa roupa para saír ao teu mundo,
recupero o meu reloxo para vivir ao compás do teu tempo,
collo a miña pluma para escribir os teus pensamentos,
recobro a axenda para non esquecer
as túas citas comigo e as miñas citas comigo,
Poño as gafas, para poder ver o mundo ao teu xeito.
E cargo coa miña alforxa, para levar e sementar as túas promesas.


CANTOS
*      ENTRADA:
Andarei na presenza do Señor
*      LECTURAS:
Seguirei os teus pasos
*      OFERTORIO:
Déixate querer
*      COMUÑÓN:
Quédate Señor connosco

POWER POINTS

rtvg
Domingo 2 de Coresma - ciclo C

Comentarios

Publicacións populares