Domingo 5 de ordinario - ciclo C


 5º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     Is 6, 1-2a. 3-8
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Aquí me tes, mándame

            O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.
            De pé na súa presenza estaban dous serafíns.
            Exclamaban un cara ao outro: "Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".
            Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.
            Eu dixen: "Ai de min! Estou perdido!
Pois sendo un home de labios lixados,
e que vive entre un pobo de labios lixados,
vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".
            Entón un dos serafíns voou onda min;
tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,
e achegouna á miña boca, dicíndome:
            "Olla: isto tocou os teus labios,
a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".
            Entón escoitei a voz do Señor que dicía:
"A quen mandarei? Quen irá da nosa parte?".
            Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 4-5. 7c-8
R/.  (1c):  Hei cantar para ti diante dos anxos, Señor

Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara ao teu santo templo.

Dou grazas ao teu nome
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
porque a túa promesa
é máis grande cá túa sona.
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.

A ti, Señor, darán grazas
todos os reis da terra
cando oian os ditos da túa boca.
Cantarán os camiños do Señor,
pois grande é a gloria do Señor.

Estendes a túa man,
e libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.


Segunda Lectura    1 Cor 15, 1-11(máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Así predicamos e así crestes vós.

            Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).
            Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois aos Doce.
            Máis tarde apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos. En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.
            Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus; pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza que fixo comigo non ficou baleira.
            Ó contrario, traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo. Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

____________________________________________

Ou máis breve:   3-8. 11

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:
            Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois aos Doce.
            Máis tarde apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos.
            En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.
            Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 4, 19
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Seguídeme, di o Señor,
e farei que sexades pescadores de homes.
Aleluia.


Evanxeo    Lc 5, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deixándoo todo, seguírono

            Naquel tempo, estando Xesús á beira do lago Xenesaré, mentres a xente se amoreaba ao seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente.
            Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
            ‑ Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar.
            Respondeu Simón:
            ‑ Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
            Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
            ‑ Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
            Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón.
            E díxolle Xesús a Simón:
            ‑ Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
            Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


NON HAI XUSTIZA SEN IGUALDADE
(CAMPAÑA DE MANS UNIDAS, 
XORNADA CONTRA A FAME)
TOMADO DE. remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Nas comunidades cristiás, o segundo domingo de febreiro é o día no que celebramos a Campaña da Loita Contra a Fame. Chegado este día, Mans Unidas, a ONG católica que traballa no mundo máis empobrecido, dirixe un lóstrego ás nosas conciencias para que non esquezamos que o mundo non remata nin na nosa parroquia, nin no noso concello nin no noso continente. Máis alá das fronteiras que os seres humanos temos establecido para dividirnos, érguese unha mensaxe que nos urxe a vivir de verdade e plenamente o que significa a nosa catolicidade: non somos só para o noso recuncho e para os nosos, senón para todas as persoas.
O lema deste xornada número cincuenta e catro é “Non hai xustiza sen igualdade”. Mans Unidas quere sensibilizar e actuar sobre a promoción da igualdade entre sexos e a autonomía da muller, denunciando as graves discriminacións que sofren elas en temas coma asistencia sanitaria, acceso á educación e ao traballo ou alimentación e que as fan máis vulnerables diante da pobreza e a ataques á súa integridade física, psíquica e moral.  
Que a celebración que agora comezamos nos abra o corazón para descubrir que só pode haber un desenvolvemento xusto, unha orde equilibrada, se hai iguais posibilidades de participar. Todos, homes e mulleres, temos unha mesma dignidade e xuntos temos que colaborar na construción da civilización do amor.
O PERDÓN
§      Porque seguimos intentando pescar coas vellas redes do cumprimento, da imposición, da obediencia cega e do autoritarismo, en vez de cambialas polas redes evanxélicas da coherencia, do compromiso, do testemuño e do amor, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
§      Porque son demasiadas as ocasións nas que na nosa Igrexa facemos distingos por mor do xénero, non valorando o traballo silencioso, eficaz e discreto das mulleres, CRISTO, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
§      Por non ter querido vencer os prexuízos que nos levan a xustificar a violencia, a opresión a marxinación e o silencio ao que se ven abocadas tantas mulleres do noso tempo, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
REMUÍÑO
ö  A campaña de Mans Unidas deste ano céntrase na promoción da igualdade entre xéneros e a autonomía da muller. Quere ser unha chamada á conciencia da sociedade para que defenda o desenvolvemento integral de cada persoa, home ou muller, e o exercicio de todos os seus dereitos fundamentais, tripados en moitas partes do mundo, pois son numerosos os países nos que a muller padece unha grave desigualdade e é vítima da violencia física, sexual e psicolóxica. En pleno século XXI, parece mentira que as mulleres non teñan acceso á cultura, que se abandonen ou maten as nenas acabadas de nacer, que mulleres e nenas sexan vítima do tráfico de persoas, que moitas nenas sexan casadas na infancia, que elas non teñan os mesmos dereitos sanitarios que os varóns, que non poidan acceder a un traballo digno...

 ö  A fe universal que confesamos chámanos a abrirnos á solidariedade cos máis empobrecidos e excluídos. Mellor dito, chámanos a traballar pola xustiza, porque a xustiza entendida como dar a cadaquén aquilo que precisa para desenvolverse como persoa ten que estar na base da solidariedade. E por moi mal que esteamos no noso primeiro mundo, que neste momento si o estamos, máis alá del, hai millóns de persoas, moitas delas con rostro e nome de muller, que seguen a padecer as consecuencias da fame: falta de alimentos, ausencia dunha sanidade que poida chegar a todos e non sexa excluínte, falta de vivenda, non acceso á educación, e moitas outras carencias, fannos pensar que moito máis alá do que alcanzan a ver os nosos ollos, hai vida, mellor, hai vidas. E nunha gran maioría están en situación límite, de precariedade.... polo simple feito de ter nado mulleres.

ö  Por todo isto, non está de máis que, sen deixar de pensar no que está a acontecer no primeiro mundo, poñamos os ollos o corazón, e por que non, tamén algo da nosa carteira, ao servizo dos que nada ou pouco teñen. Falar de xustiza é doado; vivila, pola contra, supón convición, capacidade de renunciar a outras cousas que nos gustarían e apertura ao principio fundamental no que se sostén a mensaxe cristiá: somos fillo e fillas de Deus, e polo tanto irmáns e irmás, iguais. Porque contra todo o que puideramos pensar, unha das novidades máis radicais do anuncio cristián é a igualdade entre home e muller. Nunha sociedade coma a xudía, na que a muller pertencía ao grupo dos marxinados, Xesús amosa sempre un corazón quente, unhas altas miras, un amor que non entende de diferenzas de xénero. Entre o grupo dos discípulos había varias mulleres. Os evanxeos fálannos de numerosos encontros de Xesús con persoas do xénero feminino: a pecadora pública, a samaritana, Marta e María, a muller cananea... En todos os casos achégase a elas coa mesma sinxeleza e naturalidade coa que se achega aos homes. Podemos dicir nós o mesmo?. Seguimos empeñados en considerar as mulleres o sexo débil? Botaremos as redes trampulleiras só para desconsiderar, manipular, silenciar e abusar? Seremos capaces de seguir excluíndo a cantas non elixiron ser pobres e mulleres, e rezando a Deus como se non pasara nada?
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, unha vez máis, invítasnos a facer vida a túa mensaxe. Queremos responder á túa invitación desde a xustiza e a igualdade, por iso che dicimos:
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Pola Igrexa, que formamos todos nós, para que descubramos que a fe non é excluínte nin se pode impoñer, senón que hai que ofrecela desde o respecto a todas as persoas, independentemente do seu xénero, e desde a fidelidade á mensaxe de Xesús, e non a unhas frías formulacións teolóxicas, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Por todas as persoas que teñen responsabilidades nos diversos eidos: político, cultural, económico, eclesial... para que traballen polo desenvolvemento de todas as persoas e de todos os pobos da terra, buscando sempre a xustiza, que non se pode dar sen a igualdade, OREMOS.

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Para que nas nosas familias, nos nosos barrios, nas nosas comunidades, na nosa sociedade, saibamos valorar, agradecer e potenciar o traballo, moitas veces calado e sempre eficaz de tantas mulleres que con ilusión entrega o seu tempo, a súa colaboración, a súa voz, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Por todas as persoas que se atopan en situación de sufrimento: enfermas, sen teito, paradas, humilladas, discriminadas por calquera causa... para que o consolo de Deus e a nosa axuda as faga saír da súa pobreza, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Para que en todos os pobos, homes e mulleres poidamos traballar en igualdade de condicións, dereitos e oportunidades ao servizo da civilización do amor, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Hoxe, na nosa oración queremos pedir por todas as mulleres que en calquera parte do mundo son explotadas, silenciadas e desconsideradas por mor do seu xénero. Para que nunca pechemos ollos, oídos e corazón diante dos seus berros e da súa desesperación, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Por cada un e cada unha de nós, para que nunca esquezamos a igualdade é un dos alicerces da xustiza, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
Grazas, Señor, por invitarnos hoxe a reflexionar sobre a importancia do traballo das mulleres na nosa sociedade, unha sociedade que queremos xusta e, polo tanto, de iguais. P.X.N.S. Amén
PARA A REFLEXIÓN
Señor, que fixeches o home e a muller
iguais en dignidade, dereitos e deberes,
á vez que os fixeches diferentes e complementarios,
para que xuntos humanicen o mundo,
facéndoos colaboradores teus na creación.
Mira o noso mundo dividido e ferido,
no que a muller aínda é discriminada,
por leis, costumes e actitudes inxustas;
onde millóns de mulleres son explotadas e marxinadas,
polo simple feito de ser mulleres.
Mira o noso mundo.
Dálle siso e xustiza
para que nunca máis se discrimine a muller;
e xuntos, homes e mulleres,
construamos un mundo de igualdade
no que todos poidamos gozar da vida.
Señor, dános a túa forza e a túa coraxe
para rebelarnos diante das inxustizas,
especialmente desta, presente en medio mundo.
Que axudemos as mulleres
mentres traballamos por conseguir leis xustas,
que permitan vivir en igualdade
a todos os homes e ás mulleres da terra.

           

CANTOS
*    ENTRADA: 
Vinde axiña
*    LECTURAS: 
Eu soñei
*    OFERTORIO: 
Todos xuntos
*    COMUÑÓN:
Ide e pregoade



POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares