Domingo 1 de Coresma - ciclo C


1º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO C



Primeira Lectura      Dt 26, 4-10
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Confesión de fe do pobo elixido

            Faloulle Moisés ao pobo dicindo:
            O sacerdote collerá a cesta da túa man e poraa diante do altar do Señor, teu Deus. Entón ti tomarás a palabra e dirás diante do Señor, teu Deus: Meu pai era un arameo errante que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante con pouquiña xente que o acompañaba.
            Alí converteuse nun pobo grande, poderoso e numeroso. Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume.
            Entón chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo.
            Logo o Señor fíxonos saír de Exipto con man forte e brazo estendido, con gran terror, con sinais e con feitos marabillosos, e fíxonos entrar neste santuario e entregounos esta terra, terra que deita leite e mel.
            Por isto, velaí que agora eu trouxen as primicias dos froitos da terra que ti me deches, Señor. Poralas na presenza do Señor, teu Deus, prostraraste na presenza do Señor, teu Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 90, 1-2. 10-11. 12-13. 14-15
R/. (cf. 15b): Acompáñame, Señor, na tribulación.

Ti que habitas ao abeiro do Altísimo
e moras á sombra do Omnipotente,
dille ao Señor: "Meu refuxio, miña forza,
meu Deus, en quen confío".

Ningún mal te atinxirá,
ningunha praga se achegará á túa tenda,
porque el mandará os seus anxos onda ti,
para que te garden en todos os camiños.

Levarante nas súas mans,
para que non bata na pedra o teu pé.
Poderás camiñar sobre áspides e víboras,
e esmagar o león e o dragón.

Hei libralo, porque se apegou a min;
hei protexelo, porque coñece o meu nome.
Cando me chame, hei responderlle;
con el estarei na aflición,
para defendelo e honralo.


Segunda Lectura    Rm 10, 8-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Confesión de fe de quen cre en Cristo

            Irmáns:
            Que di a Escritura?
            ‑ Cerca de ti está a palabra,
na túa boca e no teu corazón.
            Esa é a palabra da fe que anunciamos. Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. Pois crese co corazón para acadar a xustiza; e maniféstase coa boca para lograr a salvación. Porque di a Escritura: todo o que crea nel non quedará defraudado.
            Daquela non hai diferenza entre o xudeu e o grego, pois un mesmo é o Señor de todos, rico para todos os que o invocan; porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Mt 4, 4b

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.


Evanxeo      Lc 4, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Era conducido polo Espírito ao deserto, e era tentado

            Naquel tempo, Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ao cabo deles sentiu fame.
            E díxolle o Satán:
            ‑ Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
            Respondeulle Xesús:
            ‑ Está escrito: O home vive de algo máis que de pan.
            Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
            ‑ Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: Se me adoras todo será teu.
            Respondeulle Xesús:
            ‑ Escrito está: Adorarás o Señor, teu Deus, e só a El darás culto.
            Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
            ‑ Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te garden;  e tamén: Levarate nas súas mans para que non se manquen os teus pés nas pedras.
            Xesús respondeulle:
            ‑ Está mandado:Non tentarás o Señor, teu Deus.
            E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


A MEMORIA HISTÓRICA DUN POBO QUE SE SABE SALVADO DESDE A HERDANZA DE CANTOS ABRIRON CAMIÑOS E FENDAS DE NOVIDADE

TOMADO DE : remoldapalbra.blogspot.com


SÍMBOLO CORESMAL

COLECTORES DE LIXO EN CORES DISTINTAS

Colocaremos un panel grande e visible diante do altar. Cada domingo iremos pegando nel a silueta dun colector de lixo de distintas cores (verde, amarelo, azul, gris e morado), no que estará escrita a resposta do Salmo Responsorial. Así teremos diante nosa ao longo da coresma un sinal que nos invitará a reflexionar sobre a necesidade que temos de ir botando ao lixo aquelas cousas das que debemos desprendernos pois, ademais de non axudar a que sexamos máis felices, converten a nosa vida nun camiñar plano, sen ilusións e marcado pola rutina e o aburrimento. Para darlle máis expresividade ao sinal, no momento do perdón faremos referencia a algunhas actitudes negativas, que a forza de repetilas, van facendo callo en nós e non nos deixan abrir fendas de renovación, cambio, valoración positiva da nosa persoa, capacidade, esperanza, esforzo, superación do individualismo.
Deste xeito, se nos empeñamos en tomalo en serio, ao final da coresma teremos feito o noso mapa vital de canto necesitamos deixar atrás, para poder celebrar de maneira verdadeiramente cristiá a pascua, que nos abre á luz do novo, que nos transforma e converte a salvación que nos ofrece Xesús nunha tarefa posible que nós acollemos.
Neste primeiro domingo, o noso colector do lixo será de cor amarela e levará escrito: “Estate comigo, Señor, nos apretos”.
PÓRTICO
Coa rapidez coa que temos a impresión do paso tempo -inda hai ben pouco que rematabamos o tempo de Nadal-, case que non somos capaces de percibir que comezamos unha nova xeira. Un novo tempo comeza para os cristiáns, para os seguidores de Xesús: a Coresma. Cinco semanas de camiño persoal e comunitario que nos levarán á explosión gozosa e primaveral da Pascua. Inda que nos custa -tamén nós imos pouco a pouco participando do agora e xa, da visión pragmática das cousas, da busca de rendibilidade ao que facemos-; somos invitados a facer o esforzo de converter este tempo de coresma en tempo de maior e mellor coñecemento persoal, interior e exterior. Un coñecemento que dará como resultado saber onde estamos, que queremos e contra que cousas non podemos baixar a garda para evitar que nos rouben a ilusión. Poñámonos en camiño!. Botemos nos colectores do lixo todo aquilo que sabemos que é prescindible e quedemos co importante, co fundamental, co que fai que nos descubramos como persoas cheas de posibilidades e dispostas a non deixarnos enganar polos que só buscan resultados que fagan medrar as súas contas bancarias ou os seus tantos por cento de votos cautivos. Deixemos atrás o derrotismo e camiñemos na luz que nos vai marcando o camiño cara á pascua.
O PERDÓN
*        Porque precisamos botar fóra de nós o complexo de que non valemos para nada, SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS DOMEAR POLA TRISTURA.
*        Porque precisamos botar fóra de nós a falta de constancia, CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS DOMEAR POLA TRISTURA.
*        Porque precisamos botar fóra a tentación de pecharnos en nós e prescindir dos demais, SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS DOMEAR POLA TRISTURA.
REMUÍÑO
û  As persoas temos como tarefa, porque non eliximos vir libremente ao mundo, ir atopando o noso camiño, o sentido, a razón pola que facemos as cousas. Desde pequenos nisto consiste a nosa empresa, persoal e comunitariamente. Non é logo de estrañar o que nos di o libro do Deuteronomio ao referirse ás raíces de Israel: buscaban, por iso afirma que o seu pai era un arameo errante. Coma nós, que tamén somos errantes, non arameos; pero si errantes. Neste ir camiñando imos creando historia, botando raíces, deixando pegada, o que nos converte non en puro azar nin en seres efémeros, senón en persoas e pobos con memoria que se vai retrotraendo nos  séculos e conformando a nosa identidade. Sabemos de onde vimos, quen somos e, como ese saber está impregnado nas raíces da fe en Xesús, sabemos tamén cara onde imos, cal é o noso final, onde nos agardan cos brazos abertos. Isto que estamos dicindo só podemos entendelo, sen equívocos nin interpretacións interesadas, os crentes seguidores de Xesús. El foi deixando en nós pegada, unha pegada que nos marca, que nos diferenza, e o que é máis importante, que nos identifica, impedindo que nos confundan co que non somos. Contra o que puidera parecer, saber o que, o como e o cara onde de cada un de nós, non nos leva a unha “ataraxia” intelectual que prescinda -porque os consideramos inferiores-, dos que non son nin pensan coma nós. Non, ao contrario, ten que espertar o noso sentido da responsabilidade, do actuar libre, do sabernos legado dos que viñeron antes e testemuñas para os que veñan logo de nós. Non sei se temos pensado nisto algunha vez, pero coido que paga a pena que o fagamos ao longo deste tempo de coresma. Seguro que descubriremos que hai moitas cousas que temos que botar ao colector de lixo, xa que nos impiden recoller o legado que outros nos deixaron –así se fai a historia– e ser testemuñas para os que están agora e nos piden que llo transmitamos, como mínimo, nas mesmas condicións, senón mellores, do que o temos recibido. Por iso non podemos ser nin pasotas, nin escépticos nin derrotistas. É moito o traballo que temos por diante, e moi ben non o estamos a facer cando a desesperanza e o desafecto parece que van crecendo cada vez máis nos que esperarían de nós que lles deixaramos unha sociedade moito menos competitiva e consumista e máis solidaria, fraterna e renovadora. A coresma pode ser un tempo para remoer sobre estas cousas. Non deixemos que pase como se non existise!.

û  E isto temos que facelo coa boca e tamén co corazón. Non con grandes discursos, non con intentos de volver atrás e facer da fe un arcano de entendidos diante do que a gran maioría non ten máis que calar, ver e obedecer –xa pasou o tempo diso, e tampouco non no lo ían permitir–. Non podemos facer as cousas a modo de retrouso que non entendemos pero repetimos por costume, tradición ou comodidade para non deseñar novos xeitos, pensar novas formas e expresar os contidos da mensaxe de Xesús con roupaxes novas e reconciliadoras coa nosa condición de cidadáns e crentes, sen separacións, no medio dun mundo en permanente movemento e que non sabe acompasar desenvolvemento con humanización; vivir esperanzado e primacía das persoas sobre os resultados e os intereses, sexan do tipo que sexan. Xesús foi capaz de vencer a tentación, nós temos toda a coresma por diante, polo menos para intentalo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, ao comezar o tempo de coresma, tamén necesitamos revisar a nosa oración comunitaria, porque moitas veces non lle prestamos a atención que merece nin nos esforzamos por facer deste momento un encontro orante coas persoas que temos máis preto. Sabedores de que Ti sempre acolles canto che achegamos, dicimos:

SEÑOR QUE A TÚA PALABRA ESTEA 
NA NOSA BOCA E NO NOSO CORAZÓN
*    Cando neste tempo de coresma as comunidades eclesiais queremos comezar o camiño de renovación, cambio e transformación persoal e comunitaria, acompáñanos, Señor, para que nos deixemos enchoupar da túa Palabra, OREMOS.
SEÑOR QUE A TÚA PALABRA ESTEA 
NA NOSA BOCA E NO NOSO CORAZÓN
*    Cando neste tempo de coresma as comunidades cristiás que nos reunimos semanalmente queremos comezar o camiño de renovación e ilusión, Señor, aléntanos para saber facelo coa axuda dos que temos ao noso carón, OREMOS.
SEÑOR QUE A TÚA PALABRA ESTEA 
NA NOSA BOCA E NO NOSO CORAZÓN
*    Cando neste tempo de coresma cada un e cada unha de nós queremos botar ao colector do lixo canto fai que perdamos a forza e a ilusión de crer, Señor, dános azos para ser sempre sensibles á dor dos que están preto de nós, OREMOS.

SEÑOR QUE A TÚA PALABRA ESTEA 
NA NOSA BOCA E NO NOSO CORAZÓN
Pai bo e sempre xeneroso, acompaña o camiño que desde este primeiro domingo de coresma queremos ir facendo en comunidade e desde a comuñón solidaria cos irmáns e coas irmás. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
(Propoñemos facer previamente fotocopias e rezala tod@s xuntos na celebración)
Señor, faime alguén comprometido co meu mundo. Axúdame a loitar pola miña familia. Dáme coraxe para perseverar cando o camiño se faga difícil. Dáme paciencia para poder levar os obstáculos sen renderme. Dáme ilusión para seguir crendo cando me quede sen apoios. Dáme forza para complicarme en batallas boas. Dáme mans para acariciar, pés para camiñar, palabra para cantar, sempre a favor dun mundo bo. Faime alguén comprometido co meu mundo, Señor.
Dáme fe, Señor. Fe nas posibilidades dunha creación nova. Fe en que os seres humanos somos capaces de algo verdadeiramente grande. Dáme fe, Señor, en que, a pesar do fráxiles que somos, porén a túa forza pode manifestarse en nós. Axúdame a crer no ser humano, en min, e na xente da miña casa. Dáme fe e forzas para comezar hoxe este camiño de conversión. Amén.


CANTOS
·         ENTRADA:
Seguirei os teus pasos
·         LECTURAS:
Benaventurados
·         OFERTORIO: 
Onda Ti, noso Pai, á mañá 
(...a ledicia do día que sae...)
·         COMUÑÓN: 
Acharte presente na vida

POWER POINTS
Domingo 1 de Coresma  
Bela mensaxe
Vive a Coresma
Dom1 Coresma-Bene Pagola

rtvg
Domingo 1 de Coresma - ciclo C
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                          


Comentarios

Publicacións populares