O Señor é a miña luz e salvación - Salmo 26

Domingo 2 de Coresma - ciclo C



SEÑOR, DEVÓLVENOS OS SOÑOS

Ah!
Quen nos dera poder soñar!
De día e de noite,
durmindo e espertos.

Quen nos dera ter corazóns de neno
para poder soñar!
Soños de rostros brillantes
e vestidos albeiros.
Soños de terras e vacas,
de peixes e árbores,
de postos de traballo
e de espíritos redimidos,
facendo a ledicia e a paz diaria
en todos nosoutros.

Quen nos dera poder erguer
unha tenda de campaña universal
- lugar de foliada e goce -
a carón dos nosos soños comunitarios,
comunitariamente cumpridos!

Que difícil se nos fai soñar
co espírito esgotado,
á forza de camiñar e caer,
e volver camiñar!

Que difícil se nos fai soñar
nunha terra onde os poderosos
sementan a desesperanza,
e os humildes regan
a desesperanza sementada
coas bágoas da súa humillación
aceptada e repetida!

Señor Xesús,
Devólvenos os soños.  

Comentarios

Publicacións populares