FICHA E LECTIO: Domingo 3 de Pascua A
LECTIO:
Emaús.
Encontro transformador
(26.IV.20)
A
extraordinaria nova da resurrección de Xesús, que estamos a celebrar e a
lembrar comunitariamente estes días, é loxicamente algo sobre o que a liturxia,
as lecturas e as diversas aclamacións que recitamos volven unha e outra vez.
Os
mesmos textos do evanxeo fálannos de que foron moitos e diversos os modos de se
facer presente o Xesús resucitado ós apóstolos e ós demais discípulos.
En
todas estas experiencias pascuais, cargadas de alegría e de esperanza para os seguidores
de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse algo que vén sendo o común
denominador de todas elas. Todas son experiencias fondas e transformadoras que
conmoven e afectan os que concreta e particularmente as experimentan, pero que
teñen, máis alá diso, un carácter comunitario e universal. Quero dicir que
teñen unha finalidade non só individual ou particular, senón xeral. Realízanse
en función de todo o pequeno grupo cristián de entón e de cantos viriamos
despois, concretamente nós e cantos veñan ó mundo despois de nós.
A
resurrección de Xesús é neste sentido un tema que afecta a toda a humanidade,
porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu dar vida para sempre, alén
da morte, á humanidade toda. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo
enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Iso
é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren persoalmente a experiencia de
Xesús resucitado. É o que fan as mulleres que foron moi cedo onda o sepulcro do
Señor. Retornan axiña para lles anunciaren ós apóstolos a resurrección do
Señor. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose
mutuamente as aparicións, as experiencias, do Señor resucitado que van
sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos, fomos nós tamén
recibindo, pola nosa parte, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa
nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos
espera tamén a nós.
Por
iso todos nós, que recibimos esta gran nova, temos que anunciala, coa nosa
palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en
día ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser
esta nova da resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso. E é xustamente
así por se tratar de algo que procede do Deus que é sempre meirande có que
podemos maxinar sobre el.
Ós
discípulos de Emaús, que facían camiño de volta, abatidos e desconsolados, cara
á súa aldea de procedencia para continuaren alí coa súa acostumada vida
anterior, ocórrelles algo semellante. Despois de teren experimentado Xesús
resucitado, non o pensan dúas veces. En vez de se deitar e descansar
tranquilamente da camiñada realizada, tal como llo acababan de aconsellar eles
mesmos ó seu extraordinario e misterioso acompañante (pois sería xa de noite ou
alomenos entre lusco e fusco), o que fan, tal como se nos di no texto de Lucas,
é “levantarse axiña e volver a Xerusalén”. Para que? Pois para llelo comunicaren
o máis cedo posíbel ós demais apóstolos e discípulos. As experiencias de Xesús
non se poden gardar ou agachar no propio interior. Hai que comunicalas para que
todos poidan participar tamén da felicidade que se deriva de novas tan incríbeis.
Tal
como se continúa a dicir no texto de Lucas, “eles contaron, ós once apóstolos,
o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan”.
O
que a ámbolos dous lles pasara polo camiño é o que eles comentaban: “Non ardía
o noso corazón cando nos falaba polo camiño interpretándonos as Escrituras?”.
O
Xesús pascual, como ben nolo representa o cirio acendido liturxicamente na
noite pascual, é coma un lume que se quere comunicar acendendo outros lumes.
Nos discípulos de Emaús prendera ben polo camiño este lume. E eles, pola súa
parte, o que axiña fan é comunicarlles este lume recibido ós seus compañeiros e
coñecidos, para que así tamén eles dispoñan de luz e calor. É dicir, para que
tamén teñan eles orientación na vida, plenitude e felicidade no seu camiñar.
Na
Congregación Xeral XXV dos xesuítas no ano 2008 dicíasenos que teriamos que ser
“lumes que acenden outros lumes”. Coido que isto é valido tamén para calquera
cristián. Todos deberiamos recibir con agradecemento o lume que nos vén de
Xesús, do Cristo crucificado e resucitado, e intentar que o lume recibido
acenda outros lumes que pola súa parte continúen a multiplicar ese mesmo lume
en cantos entren en contacto connosco. Pois unha candea non perde nada do lume que
porta cando con el se acende outra.
Non
podemos pasar por alto que foi precisamente nesa especie de pequena eucaristía
familiar que Xesús celebrou na casa dos seus discípulos de Emaús onde o lume, o
“ardor”, que eles xa levaban no corazón cando camiñaban, se converteu de súpeto
en luz que os iluminou e lles fixo coñecer a identidade dese inesperado
acompañante que alí estaba sentado á mesa con eles. “Mentres estaban na mesa
–dinos o texto de Lucas-, colleu o pan, bendiciuno, partiuno e déullelo. Entón
abríronselles os ollos e recoñecérono”.
Estas
son case as mesmas palabras que pronuncia o sacerdote no intre da consagración
eucarística. Por iso ás eucaristías dos domingos non deberiamos vir movidos por
calquera tipo de obriga legal, senón pola necesidade que temos todos de cargar
as nosas pilas contactando co Señor que se debería facer presente de maneira especial
nestas nosas reunións eucarísticas comunitarias. Coas pilas así ben cargadas
seremos capaces de nos converter en luz e calor para cantos conviven ou de
calquera outra forma se relacionen connosco. E estaremos ó tempo en condicións
de sermos testemuñas, coma o foron os apóstolos, desta gran nova: Cristo
Resucitado.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-pascua-a-lucas-2413-35-2/
Comentarios
Publicar un comentario