Domingo de Ramos - ciclo A

PROCESIÓN DAS PALMAS



Evanxeo  
Bendito o que vén no nome do Señor

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
CICLO A     Mt 21, 1-11

            Cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles:
            ‑ Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ao Señor, e que de seguida llos mandará de volta.

            Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:

            Dicídelle á filla de Sión:

Velaí o teu Rei que vén onda ti,

humilde e montado nunha burra,

nun burro, fillo de animal de carga.

            Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron ponlas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
            ‑Hosanna ao Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna  nas alturas!

            E ao entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
            ‑ Quen é este?

            A xente respondía:
            ‑ Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.



Palabra do Señor                             

R/. Loámoste, Cristo



MISA


LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura     Is 50, 4-7
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(Terceiro Canto do Servo do Señor)


            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,

para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.

            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.

O Señor abriu o meu oído,

e eu non me rebelei, non me botei para atrás.

            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.

Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.

            Pero o Señor axudarame,

por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,

pois sei que non me avergonzarei.



Palabra do Señor                                         

R/. Grazas a Deus    

           



SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?



Todos os que me ven fan burla de min,

torcendo os labios, movendo a cabeza:

"Confiou no Señor, que El o libre,

que El o salve, se é que o ama".

Rodéanme mandas de cans,

cércame un fato de malvados,

tradearon as miñas mans e os meus pés,

e podo contar os meus ósos.



Reparten os meus vestidos

e botan ás sortes o meu manto.

Pero ti, Señor, non esteas lonxe;

ti es a miña forza, ven axiña axudarme.



Eu falareilles de ti aos meus irmáns,

loareite no medio da asemblea.

Servidores do Señor, loádeo,

liñaxe de Xacob, glorificádeo,

liñaxe de Israel, temédeo.





LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno


            Irmáns:

            Cristo Xesús, con ser de condición divina,

non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;

senón que se espiu do seu rango,

e asumiu a condición de escravo,

feito en todo semellante aos homes.

            Presentándose coma un home calquera,

abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,

e á morte na cruz.

            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo

e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,

para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo

no ceo, na terra e mais no abismo,

e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor

para gloria de Deus Pai.



Palabra do Señor                                         

R/. Grazas a Deus





VERSÍCULO    Flp 2, 8-9



Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,

e á morte na cruz.

Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo

e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.








Evanxeo - PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO
CICLO A

PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MATEU
Mt 26, 14 -- 27, 66 (longa)



Canto me dades se volo entrego?


            C. Naquel tempo, un dos Doce, chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:
            S. ‑ Canto me dades se volo entrego?

            C. Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.


Onde queres que che preparemos a Pascua?


            C. No primeiro día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
            S. ‑ Onde queres que che preparemos a cea pascual?

            C. El respondeu:
            + ‑ Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa".

            C. Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.


Un de vós  vaime entregar

            C. Chegado o solpor, púxose á mesa cos Doce. E mentres ceaban díxolles:
            + ‑ Asegúrovos que un de vós me vai entregar.

            C. Moi tristes, empezaron a preguntarlle un por un:
            S. ‑ Non serei eu, Señor?

            C. El respondeu:
            + ‑ Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega ao Fillo do Home! Máis lle valía non nacer.

            C. Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:

            S. ‑ Non serei eu, Mestre?

            C. Respondeulle:
            + ‑ Ti o dixeches.

Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue


            C. Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando grazas, partiuno e déullelo aos seus discípulos, dicindo:
            + ‑ Tomade e comede: isto é o meu corpo.

            C. E collendo unha copa, dando grazas, déullela dicindo:
            + ‑ Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña, ata o día que beba convosco o viño novo no Reino do meu Pai.

            C. Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.



Ferirei o pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño


            C. Entón díxolles Xesús:

            + ‑ Esta noite todos ides tropezar na vosa fe por causa miña, conforme está escrito: Ferirei o pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño. Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.

            C. Replicoulle Pedro:
            S. – Aínda que todos tropecen pola túa causa, eu si que non tropezarei.

            C. Respondeulle Xesús:

            + ‑ Pois ti ten por seguro que esta mesma noite, antes de que cante o galo, hasme negar tres veces.

            C. Díxolle Pedro:
            S. – Aínda que teña que morrer contigo, endexamais te negarei.

            C. E o mesmo dixeron todos os discípulos.



Empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado

            C. Entón chegou Xesús cos seus discípulos a un terreo chamado Xetsemaní e díxolles:

            + ‑ Sentade aquí, mentres eu vou orar.

            C. E, levando consigo a Pedro e mais aos dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado. E díxolles:

            + ‑ Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade comigo.

            C. E avantando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba:

            + ‑ Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.

            C. E, volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:

            + ‑ Non puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade, para non entrardes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.

            C. E arredándose de novo, por segunda vez púxose a orar dicindo:

            + ‑ Meu Pai, se este cáliz non pode pasar sen que eu o beba, fágase a túa vontade.

            C. E, volvendo de novo, atopounos tombados, porque lles caían os ollos co sono. Deixounos e arredouse de novo, e púxose a orar por terceira vez, repetindo as mesmas palabras. Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles:

            + ‑ Conque aínda durmides e descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos pecadores. Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar!

Suxeitaron a Xesús e prendérono

            C. Aínda estaba Xesús falando aos seus discípulos, cando chegou Xudas, un dos Doce, acompañado dun grupo de xente con espadas e paus, que mandaran os sumos sacerdotes e os senadores do pobo.

            O que ía entregalo déralles este contrasinal:
            S. ‑ A quen eu lle dea un bico, ese é; prendédeo.

            C. De seguida, achegouse a Xesús e díxolle:
            S. - "Saúde, Mestre!"

            C. E bicouno. Xesús respondeulle:
            + ‑ Amigo, o que viñeches facer!

            C. Entón adiantáronse, suxeitaron a Xesús e prendérono.

            Pero un dos que estaban con Xesús, botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu o criado do sumo sacerdote, rabenándolle unha orella.

            Entón Xesús díxolle:
            + - Volve a túa espada ao seu sitio, pois todos os que levan espada, pola espada perecerán. Seica pensas que non podo acudir a meu Pai? E el, agora mesmo, poñería á miña disposición máis de doce lexións de anxos. Pero, como se ían entón cumprir as Escri­turas, de que así ten que suceder?

            C. E naquela hora díxolle á xente:

            + ‑ Saístes prenderme con espadas e paus, coma se fose un bandido. Ía a diario sentarme no templo ensinando, e non me prendestes.

            C. Todo isto aconteceu para que se cumprise o que escribiron os profetas.

            Entón todos os discípulos, abandonándoo, fuxiron.


Ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso


            C. Os que prenderon a Xesús levárono á casa de Caifás, o sumo sacerdote, onde estaban reunidos os letrados e mais os senadores. Pedro seguiuno de lonxe ata o patio do sumo sacerdote e, entrando, sentou cos criados para ver como acababa todo aquilo.

            Os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín teimaban por encontrar algún falso testemuño contra Xesús para o poderen condenar á morte. Pero non o atopaban por moitas falsas testemuñas que comparecían. Á fin, viñeron dúas que dicían:
            S. ‑ Este afirmou: podo destruír o templo de Deus e reconstruílo en tres días.

            C. Entón ergueuse o sumo sacerdote e díxolle:
            S. ‑ Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?

            C. Pero Xesús calaba, e o sumo sacerdote díxolle:
            S. ‑ Conxúrote polo Deus vivo que me digas se ti es o Mesías, o Fillo de Deus.

            C. Xesús contestou:
            + ‑ Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo.

            C. Daquela o sumo sacerdote, rachando os vestidos, exclamou:
            S. ‑ Que necesidade temos de testemuñas? Vós mesmos oístes a blasfemia. Que vos parece?

            C. Eles responderon:
            S. ‑ É culpable: merece a morte.

            C. Entón cuspíronlle na cara e uns déronlle unhas trompadas; outros zorregábanlle dicindo:
            S. ‑ Cristo, ora, adiviña quen che pegou!

Antes de que cante o galo hasme negar tres veces


            C. Pedro estaba sentado fóra, no patio. Acercouse a el unha criada e díxolle:
            S. ‑ Ti tamén andabas con Xesús o Galileo.

            C. El negouno diante de todos:
            S. ‑ Non sei de que me falas.

            C. Ao saír cara ao portalón viuno outra criada e díxolles aos que estaban alí:
            S. ‑ Este andaba con Xesús de Nazaret.

            C. De novo volveu el negalo con xuramento:
            S. ‑ Non coñezo a ese home.

            C. De alí a un pouco achegáronse os presentes, dicíndolle a Pedro:
            S. ‑ Si, ti tamén es deles; descóbrete a túa mesma fala.

            C. Entón el empezou a maldicir e a xurar:
            S. ‑ Que non coñezo a ese home!

            C. E coa mesma cantou o galo. Pedro, acordándose das palabras que dixera Xesús: "Antes de que cante o galo hasme negar tres veces", saíu para fóra e chorou amargamente.



Entregaron a Xesús a Pilato, o gobernador


            C. Ao raiar o día, todos os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo celebraron consello contra Xesús, para condenalo á morte. Amarrárono e fóronllo entregar a Pilato, o gobernador.



Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son prezo de sangue


            C. Entón Xudas, o traidor, ao ver que o condenaran, cheo de remordementos, devolveulles as trinta moedas de prata aos sumos sacerdotes e mais aos senadores dicindo:
            S. ‑ Pequei entregando á morte un inocente.

            C. Eles contestaron:
            S. ‑ E a nós que nos contas? Alá ti.

            C. El, guindando as moedas no templo, marchou, e foise aforcar. Os sumos sacerdotes, apañando as moedas, dixeron:
            S. ‑ Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son prezo de sangue.

            C. Entón, despois de deliberar, compraron con elas o Agro do Oleiro, para enterrar nel os forasteiros. Por iso, aquel agro chámase aínda hoxe o "Agro do sangue". Cumpriuse así o que deixara escrito o profeta Xeremías:

            "Colleron as trinta moedas de prata, prezo co que taxaran a un home

            (pois esa era a taxa que poñían os fillos de Israel),

            pagando así o Agro do Oleiro, tal como mo mandara o Señor".


Es ti o rei dos xudeus?


            C. Compareceu Xesús diante do gobernador, que lle preguntou:
            S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?

            C. Xesús contestou:
            + ‑ Ti o dis.

            C. E aos cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
            S. ‑ Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?

            C. Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.

            Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido:
            S. ‑ A quen queredes que vos solte, a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?

            C. Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.

            Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
            S. ‑ Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.

            C. Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:

            S. ‑ A quen queredes que vos libere?

            C. Eles dixeron:
            S. ‑ A Barrabás.

            C. Díxolles Pilato:
            S. ‑ E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?

            C. E responderon todos:
            S. ‑ Que o crucifiquen!

            C. El replicou:
            S. ‑ Pero, que mal fixo?

            C. Pero eles berraban máis forte dicindo:
            S. ‑ Que o crucifiquen!

            C. Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
            S. ‑ Alá vós, eu non son responsable deste sangue.

            C. Todo o pobo respondeu dicindo:
            S. ‑ Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre os nosos fillos.

            C. Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.


Saúde, rei dos xudeus!

            C. Os soldados do gobernador levaron a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
            S. ‑ Saúde, rei dos xudeus!

            C. Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.

Crucificaron tamén con el dous bandidos

            C. Ao saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.

            Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, é dicir, lugar da Caveira, a Xesús déronlle de beber viño mesturado con fel; el probouno, pero non o quixo beber. Despois de que o crucificaron, repartiron os seus vestidos botándoos a sorteo e, estando alí sentados, vixiábano.

            Enriba da súa cabeza puxeron escrito o motivo da súa conde­na: "Este é Xesús, o Rei dos Xudeus".

            Crucificaron tamén con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Se es Fillo de Deus, baixa da cruz

            C. Os que pasaban por alí insultábano, abaneando a cabeza e dicindo:
            S. ‑ Ti que destrúes o templo e o reconstrúes en tres días, sálvate e ti mesmo; se es Fillo de Deus, baixa da cruz.

            C. Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, cos letrados e cos senadores, burlándose del dicíanlle:
            S. ‑ Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo. É rei de Israel; que baixe agora de cruz e creremos nel. Confía en Deus; pois que Deus o salve agora, se tanto lle quere, xa que dixo: "Son Fillo de Deus".
            C. Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.

Elí, Elí, lemá sabactaní?

            C. Desde o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ao redor desta hora, clamou Xesús e, con voz resoante, dixo:

            + ‑ Elí, Elí, lemá sabactaní?
            C. Isto é: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"

            Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
            S. ‑ Ese está chamando por Elías.
            C. Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa, enchoupouna de vinagre, espetouna nunha cana, e dáballe de beber.

            Pero os demais dicían:
            S. ‑ Deixa, a ver se vén Elías salvalo.
            C. Logo Xesús, clamando outra vez con voz resoante, entregou o espírito.

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. Entón o veo do Santuario rachou en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.

            O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
            S. ‑ Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.
            C. Había alí, mirando desde lonxe, moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo. Entre elas estaba María Madalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos fillos do Zebedeo.

Xosé puxo o corpo de Xesús no sepulcro novo

            C. Á tardiña chegou un home rico de Arimatea, chamado Xosé, que tamén era discípulo de Xesús. Foi onda Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Pilato mandou que llo entregasen.

            Collendo o corpo envolveuno nunha saba limpa e púxoo no seu propio sepulcro novo, que tiña cavado nunha rocha; e, facendo rodar unha gran lousa na entrada do sepulcro, foise. Estaban alí María Madalena e mais a outra María, sentadas fronte ao sepulcro.

Tendes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades


            C. Ao outro día, pasado o día da Preparación, os sumos sacerdotes e mais os fariseos foron xuntos onda Pilato e dixéronlle:
            S. ‑ Señor, lembramos que aquel embelequeiro, cando estaba vivo, dixo: "Resucitarei despois de tres días". Así que manda que vixíen o sepulcro ata o terceiro día; non vaia ser que cheguen os discípulos e o rouben e que lle digan á xente: "Resucitou de entre os mortos". E así, a derradeira impostura sería peor cá primeira.

            C. Díxolles Pilato:
            S. – Tendes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades.

Eles foron e selaron a lousa, asegurando a vixilancia do sepulcro coa garda.



Palabra do Señor                           

R/. Loámoste, Cristo





PAIXON DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Ou máis breve: 27, 11-54


Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou:
‑Es ti o rei dos xudeus?

Xesús contestou:
‑Ti o dis.

E ós cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
‑Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?

Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ó gobernador moi estrañado.

Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás. Pilato dirixiuse ó pobo reunido:
‑A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?

Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.

Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
‑Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.

Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:
‑A quen queredes que vos libere?

Eles dixeron:
‑A Barrabás.

Díxolles Pilato:
‑E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?

E responderon todos:
‑Que o crucifiquen!

El replicou:
‑Pero, que mal fixo?

Pero eles berraban máis forte dicindo:
‑Que o crucifiquen!

Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
‑Alá vós, eu non son responsable deste sangue.

Todo o pobo respondeu dicindo:
‑Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.

Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
‑Saúde, rei dos xudeus!

Cuspíanlle e coa canivela dábanlle xostregadas na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.

O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús. Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber. Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo. Despois sentaron alí a ter conta del.

Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza  e dicindo:
‑Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus.

Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:
‑Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! É o rei de Israel! Que baixe agora da cruz e creremos nel! Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere;  ben que dixo: "Son fillo de Deus".

Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.

Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:
‑Elí, Elí, lemá sabactaní?

Isto é: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?

E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban:
‑Este chama a Elías.

Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre  e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. Pero os demais dicían:
‑Deixade, a ver se vén Elías salvalo.

Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.

Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.

O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
‑Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.

Comentarios

Publicacións populares