Homilía do Papa Domingo II de Pascua - Domingo da Divina Misericordia

FOTO: Vatican News

O domingo pasado celebramos a resurrección do Mestre, e hoxe asistimos á resurrección do discípulo. Transcorrera unha semana, unha semana que os discípulos, aínda vendo ao Resucitado, viviron con temor, con "as portas pechadas" (Xn 20,26), e nin sequera lograron convencer da resurrección a Tomé, o único ausente?.

Que fixo Xesús ante esa incredulidade medorenta? Regresou, púxose no mesmo lugar, "no medio" dos discípulos, e repetiu o mesmo saúdo: "Paz a vós" (Xn 20,19.26). Volveu empezar desde o principio. A resurrección do discípulo comezou nese momento, nesa misericordia fiel e paciente, nese descubrimento de que Deus non se cansa de tendernos a man para levantarnos das nosas caídas.

El quere que o vexamos así, non como un patrón con quen temos que axustar contas, senón como o noso Pai, que nos levanta sempre. Na vida avanzamos ás apalpadelas, como un neno que empeza a camiñar, pero cae; dá poucos pasos e volve caer; cae e cae unha e outra vez, e o pai levántao de novo. A man que sempre nos levanta é a misericordia. Deus sabe que sen misericordia quedamos tirados no chan, que para camiñar necesitamos que volvan nos por en pé.

E ti podes obxectar: "Pero eu sigo sempre caendo!". O Señor sábeo e sempre está disposto a levantarnos. El non quere que pensemos continuamente nas nosas caídas, senón que o miremos a El, que nas nosas caídas ve a fillos aos que ten que levantar e nas nosas miserias ve a fillos aos que ten que amar con misericordia.

Hoxe, nesta igrexa que se converteu en santuario da misericordia en Roma, no Domingo que vinte anos atrás san Xoán Paulo II dedicou á Divina Misericordia, acollamos con confianza esta mensaxe. Xesús díxolle a santa Faustina: "Eu son o amor e a misericordia mesma; non existe miseria que poida medirse coa miña misericordia" (Diario, 14 setembro 1937)?.

Noutra ocasión, a santa díxolle a Xesús, con satisfacción, que lle ofreceu toda a súa vida, todo o que tiña. Pero a resposta de Xesús desconcertouna: "Filla miña, non me ofreciches o que é realmente teu". Que cousa retivera para si aquela santa relixiosa? Xesús díxolle amablemente: "Filla, dáme a túa miseria" (10 outubro 1937)?.

Tamén nós podemos preguntarnos: "Entregueille a miña miseria ao Señor? Mostreille as miñas caídas para que me levante?". Ou hai algo que aínda me gardo dentro? Un pecado, un remorso do pasado, unha ferida no meu interior, un rancor cara a alguén, unha idea sobre unha persoa determinada... O Señor espera que lle presentemos as nosas miserias, para facernos descubrir a súa misericordia.

Volvamos aos discípulos. Abandonaran ao Señor durante a Paixón e sentíanse culpables. Pero Xesús, cando foi a atoparse con eles, non lles deu longos sermóns. Sabía que estaban feridos por dentro, e mostroulles as súas propias chagas. Tomé puido tocalas e descubriu o que Xesús sufrira por el, que o abandonou. Nesas feridas tocou coas súas propias mans a proximidade amorosa de Deus.

Tomé, que chegara tarde, cando abrazou a misericordia superou aos outros discípulos; non creu só na súa resurrección, senón tamén no amor infinito de Deus. E fixo a confesión de fe máis sinxela e fermosa: "Meu Señor e meu Deus" (v. 28). Así se realiza a resurrección do discípulo, cando a súa humanidade fráxil e ferida entra na de Xesús. Alí disípanse as dúbidas, alí Deus se converte no meu Deus, alí volvemos aceptarnos a nós mesmos e a amar a propia vida.

Queridos irmáns e irmás: Na proba que estamos a atravesar, tamén nós, como Tomé, cos nosos temores e as nosas dúbidas, recoñecémonos fráxiles. Necesitamos ao Señor, que ve en nós, máis aló da nosa fraxilidade, unha beleza perdurable. Con El descubrimos que somos valiosos na nosa debilidade, decatámonos de que somos como cristais fermosísimos, fráxiles e preciosos ao mesmo tempo.

E se, como o cristal, somos transparentes ante El, a súa luz, a luz da misericordia brilla en nós e, por medio noso, no mundo. Ese é o motivo para alegrarse, como nos dixo a Carta de Pedro, "alegrádevos diso, aínda que agora sexa preciso padecer un pouco en probas diversas" (1 P 1,6)?.

Nesta festa da Divina Misericordia o anuncio máis fermoso dáse a través do discípulo que chegou máis tarde. Só el faltaba, Tomé, pero o Señor esperouno. A misericordia non abandona a quen queda atrás.

Agora, mentres pensamos nunha lenta e ardua recuperación da pandemia, insinúase xustamente este perigo: esquecer ao que quedou atrás. O risco é que nos golpee un virus aínda peor, o do egoísmo indiferente, que se transmite ao pensar que a vida mellora se me vai mellor a min, que todo irá ben se me vai ben a min.

Parte desa idea e séguese ata chegar a seleccionar ás persoas, descartar aos pobres e inmolar no altar do progreso ao que queda atrás. Pero esta pandemia lémbranos que non hai diferenzas nin fronteiras entre os que sofren: todos somos fráxiles, iguais e valiosos. Que o que está a pasar nos sacuda por dentro. É tempo de eliminar as desigualdades, de reparar a inxustiza que mina de raíz a saúde de toda a humanidade.

Aprendamos da primeira comunidade cristiá, que se describe no libro dos Feitos dos Apóstolos. Recibira misericordia e vivía con misericordia: "Os crentes vivían todos unidos e tiñan todo en común; vendían posesións e bens e repartíanos entre todos, segundo a necesidade de cada un" (Ftos 2,44-45). Non é ideoloxía, é cristianismo.

Nesa comunidade, despois da resurrección de Xesús, só un quedou atrás e os outros o esperaron. Actualmente parece o contrario: unha pequena parte da humanidade avanzou, mentres a maioría quedou atrás. E cada un podería dicir: "Son problemas complexos, non me toca a min ocuparme dos necesitados, son outros os que teñen que facerse cargo".

Santa Faustina, despois de atoparse con Xesús, escribiu: "Nunha alma que sofre debemos ver a Xesús crucificado e non un parásito e unha carga... [Señor], ofrécesnos a oportunidade de exercitarnos nas obras de misericordia e nós exercitámonos nos xuízos" (Diario, 6 setembro 1937).

Pero un día, ela mesma presentoulle as súas queixas a Xesús, porque: ser misericordiosos implica pasar por inxenuos. Díxolle: "Señor, a miúdo abusan da miña bondade", e Xesús respondeulle: "Non importa, miña filla, non te fixes niso, ti sé sempre misericordiosa con todos" (24 decembro 1937)?.

Con todos, non pensemos só nos nosos intereses, en intereses particulares. Aproveitemos esta proba como unha oportunidade para preparar o mañá de todos. Porque sen unha visión de conxunto ninguén terá futuro.

Hoxe, o amor desarmado e desarmante de Xesús resucita o corazón do discípulo. Que tamén nós, como o apóstolo Tomé, acollamos a misericordia, salvación do mundo, e sexamos misericordiosos co que é máis débil. Só así reconstruiremos un mundo novo.

Comentarios

Publicacións populares