Ficha e Lectio - domingo 6 de Pascua C
LECTIO:
Termos
a Deus en casa
(26
de maio 2019)
A
Igrexa, que ten os seus alicerces en Xesús, tivo que pasar por non poucas
dificultades internas (non só persecucións exteriores) no seu nacemento e
desenvolvemento. A mensaxe de Xesús era tan nova e liberadora que aínda agora,
moitos séculos despois, non nos resulta doado comprender ben a súa mensaxe e
sobre todo levala de maneira consecuente á práctica.
A
primeira lectura dos Feitos dos Apóstolos é unha pequena mostra das
dificultades e resistencias que existían. Non era doado liberarse de costumes e
prácticas, ritos concretos, prescricións e demais normas herdadas do Antigo
Testamento para se entregar con alegría e agradecemento á sinxela aceptación da
“boa nova”, da “alegre nova” de Xesús. “Nova” no seu dobre sentido, de noticia
ata agora descoñecida e tamén no de algo que non ten que ver coas cousas
“vellas”.
Na
“boa nova” o que prima é practicar a fraternidade, o amor e a liberdade que se
derivan da mensaxe de Xesús de sermos irmáns del e fillos do mesmo Pai Deus. A
nosa salvación vén ser un don gratuíto de Deus, que non se acada co simple
practicar ritos baleiros. Dadas -como digo- as resistencias e inercias antigas,
a Igrexa tivo que chegar inicialmente a certos compromisos concretos (entre
cristiáns de orixe pagá e de orixe xudía), aínda que sen renunciar ó contido
fundamental da mensaxe liberadora de Xesús. É o que dá a entender aquela
decisión que se adoptou e da que se nos di, non sen nela se reflectir un novo
aire ou estilo de proximidade ou amizade entre Deus e a humanidade: “Decidimos,
o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas”. E a
continuación enuméranse esas cargas concretas, mínimas en todo caso. Este feito
en si mesmo non deixa de ser curioso: acostumados como estaban os cristiáns de
orixe xudía a aturar cargas e ritos relixiosos, case semella que os seus lombos
non se sentían a gusto sen soportar algo da antiga carga.
En
calquera caso, o conxunto das lecturas de hoxe quérennos deixar claro que o
específico do cristianismo vai por camiños novos. As palabras que Xoán nos pon
no evanxeo en boca de Xesús pertencen tamén, coma no domingo pasado, ó discurso
(se o podemos chamar así) de despedida de Xesús. Respírase en todo el un aire
de familia, de intimidade, de confianza, de paz, que constitúen verdadeiramente
o que podemos chamar a verdadeira atmosfera cristiá. Aquí non hai nada de
imposicións alleas, de ameazas, de medos ou cousas semellantes. Ó revés. Deus
faise, grazas a Xesús, un máis entre nós. Alí, nesta primeira igrexa nacente
dos apóstolos e discípulos de Xesús, están con eles o Pai, o Fillo, o Espírito
Santo. Todo é unha fonda relación de mutua amizade. Todo é horizontalidade e
proximidade. “Non vos angustiedes, nin teñades medo”. Porque a “paz” é o don
que Xesús nos dá: “Déixovos a paz. Douvos a miña paz”. Esa mesma paz de Xesús á
que o que preside a eucaristía se refire inmediatamente antes de darnos
mutuamente a paz. Cando na celebración da eucaristía realizamos ese xesto de
dármonos a paz, non nos damos mutuamente a “nosa” paz particular, senón a de
Xesús, a que El nos deu e nos está a dar sempre para ofrecérmola pola nosa
parte ós demais.
Deste
xeito os cristiáns podemos gozar da alegría e felicidade de termos sempre a
Deus en casa. Se nos achegamos aquí, ó interior desta igrexa, é precisamente
para renovármonos e fortalecérmonos mutuamente entre todos nesta fe nun Deus
que se fixo amigo e familiar noso onde queira que nasa nosas vidas nos
atopemos, dentro da igrexa ou fóra dela.
Resulta
sorprendente este case incríbel ter nós a Deus en casa, tal como aquí nos pon
Xoán en boca de Xesús neste memorábel discurso seu: “Se alguén me ama, gardará
a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el”. É
dicir, Deus Pai e o seu Fillo Xesús fan vida connosco se o amamos. De maneira
que o templo ou os templos de Deus somos, desde a aparición onda nós de Xesús,
nós mesmos, edificios feitos de ósos e membros humanos, non de pedra, cemento
ou ladrillo. Para dicilo dalgunha maneira, Deus, o Deus trinitario (Pai, Fillo
e Espírito) ten o seu domicilio, a súa residencia, no interior de calquera
persoa -home, muller, neno ou nena, etc.- que o queren ou aman en calquera
lugar do mundo. Dunha maneira moito máis fonda e real que cando eu digo que
vivo en tal ou cal edificio na rúa Sanjurjo Badía e vós en calquera outra rúa
desta nosa fermosa cidade “olívica”.
Cómpre
que de cando en vez reflexionemos nestas cousas, pois son realmente moi
consoladoras e dadoras de paz, eficaz medicina contra medos ou angustias.
Isto
que vos estou a comentar atopa ademais un complemento esclarecedor no texto da
Apocalipse da Segunda Lectura. Fálase alí da Xerusalén celestial, asemellada,
na linguaxe simbólica que neste libro se utiliza, a unha gran cidade. Mais o
que a Xoán curiosamente lle chama a atención nesta cidade é o seguinte: “Nela
non vin –di el- santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que
todo o sostén, e mailo Año”. Algún comentarista deste relato da Apocalipse
dinos, non sen graza, que a nós non nos estrañaría que se nos dixese que nesa
celestial cidade non hai “bancos ou supermercados” mais resulta que se nos di
que ¡”non hai templos”!
En
fin, temos, pois, que tomar boa nota de que nin na terra nin no ceo hai templo
ou santuario algún no que habite o Deus anunciado por Xesús, o aquí chamado Año
da Apocalipse, a non ser nós mesmos, ascendidos como estamos á dignidade de
irmáns de Xesús e de fillos adoptivos de Deus. A grandeza de Deus desborda
calquera templo no que o queiramos apreixar. De maneira que nel, no noso Deus,
estamos todos e cada un dos que verdadeiramente o amamos, ou, se preferimos,
está El “facendo vida” no interior de todos e cada un de cantos o amamos e
queremos.
O
gran pai da Igrexa, Santo Agostiño de Hipona, utilizaba nos seus escritos tanto
unha coma outra maneira de considerarmos a relación de Deus connosco ou a nosa
con el. Para Agostiño Deus era “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade”
e ó tempo absolutamente “superior” a calquera suposta grandeza nosa. Deus está,
pois, en todo, e todo está en Deus. Se aprendésemos a ver a Deus deste xeito,
comprenderiamos tamén mellor o fundador da Compañía de Xesús, o noso Santo
Ignacio de Loiola, cando nos animaba, tal como se expresaba el, a “ver a Deus
en tódalas cousas”.
Se
así o fixésemos, empezaría tamén a terra a emitir ecos ou recendos celestiais,
aqueles que Xoán nos describe ó nos falar da Xerusalén celestial.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/6-pascua-c-xn-1423-29/
Comentarios
Publicar un comentario