Domingo 5 de Pascua C



PRIMEIRA Feit 14, 21b-27
Comunicáronlle á Igrexa as marabillas que Deus realizara con eles
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

21Paulo e mais Bernabé volveron para Listra, Iconio e Antioquía, 22enfortecendo o
espírito dos discípulos e animándoos a persevararen na fe, porque -dicíanlles- temos de
pasar por moitos traballos, para entrarmos no Reino de Deus. 23E despois de designarlles
presbíteros en cada Igrexa, oraban, xexuaban e encomendábanos ó Señor, en quen creran.

24Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia 25e, logo de anunciaren a palabra en Perxe,
baixaron cara a Atalía. 26De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á
gracia de Deus para a misión que viñan de cumprir. 27Chegando, reuniron a Igrexa e
contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira ós pagáns a porta da fe.



 SALMO RESP. Sal 144, 8-9. 10-11. 12-13ab
R/ (cf 1): Bendicirei o teu nome para sempre, meu Deus e meu rei

8O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en amor.
9O Señor é bo para todos,
garimoso con tódalas súas obras.

10Lóuvente, Señor, as túas obras,
bendígante os teus amigos.
11Pregoen a gloria do teu reino,
proclamen as túas fazañas.

12Ensinen ós homes a túa forza
e a maxestade gloriosa do teu reino.
13O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por xeracións.


SEGUNDA Ap 21, 1-5a
Enxugará tódalas bágoas dos seus ollos,
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

21 1Logo vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa
pasaran; e o mar xa non existía. 2Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova,
baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu
esposo. 3E sentín unha forte voz que desde o trono dicía:
"Velaquí a tenda de Deus onda os homes.
Acampará entre eles:
eles serán o seu pobo
e El será o seu Deus e compañeiro.
4Enxugará tódalas bágoas dos seus ollos,
e a morte xa non existirá máis.
Nin haberá máis loito nin pranto nin dor,
porque as primeiras cousas pasaron xa".

5O que estaba sentado no trono dixo: "Vede que volvo novas tódalas cousas".


ALELUIA Xn 13, 34:
Douvos un mandamento novo, di o Señor;
que vos amedes uns a outros como eu vos amei


EVANXEO Xn 13, 31-33a. 34-35
Douvos un mandamento novo, que vos amedes uns a outros
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

31Cando saíu do cenáculo, dixo Xesús:
-Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. 32Se Deus queda
glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. 33Meus fillos: só un
pouquiño estarei convosco. 34Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros;
como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. 35Nisto coñecerán todos que sóde-los meus
discípulos: se vos tedes amor uns a outros.

Comentarios

Publicacións populares