Ficha e Lectio - Domingo 5 Pascua C




LECTIO:

Derradeira vontade
 (19 maio 2019)

            Curto é tamén o texto do evanxeo de Xoán que hoxe se nos ofrece para a nosa consideración e para profundarmos nel. Tal como ocorría no anterior domingo. Breve en palabras, pero moi denso e amplo na súa transcendencia, porque apunta a algo decididamente central na mensaxe do evanxeo: o amor.
             Xesús atópase en momentos de íntima confidencia cos seus discípulos cando lle quedan poucas horas de vida e de conversa con eles. Momentos dramáticos tamén porque algún dos seus decidira xa no seu corazón entregalo ás autoridades relixiosas e políticas para que acabasen con el.
            En momentos coma estes é cando se comunican e transmiten as recomendacións máis esenciais. Os que permanecen vivos, os herdeiros coma quen di, non poderán esquecelas.
            A derradeira e, polo tanto, a máis importante recomendación de Xesús é moi emotiva e tan doada de entender como difícil de levar á práctica. Acabámola de escoitar: “Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros. Como eu vos amei, amádevos tamén entre vós”.
            Trátase, sen dúbida, dunha verdadeira síntese de todo o evanxeo: da ensinanza e da práctica continua de Xesús ata este intre e nas próximas e poucas horas que lle restan de vida. No fondo, non ensinou nin practicou el outra cousa máis ca iso: o amor, a entrega sen reserva ós demais ata dar el mesmo a súa vida por todos.
            Trátase verdadeiramente dun mandamento novo? Coido que algunha vez aludín a unha das normas ou mandados do Antigo Testamento, concretamente do libro do Levítico. Entre esas normas que, segundo o Levítico, Deus lle dá a Moisés, en relación co modo de se comportaren as persoas que Moisés ten ó seu cargo, aparece esta: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[ Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo” (Lev 19, 18). De feito, Xesús recorre moitas veces a este mandado (“Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”) sobre todo nas súas discusións cos doutos do xudaísmo do seu tempo. A xente entendía bastante ben que se Deus é bo con todos, non deberiamos ser pola nosa parte ser malos uns cos outros. No Antigo Testamento tíñase, pois, clara conciencia, da bondade e da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que o senso da mutua fraternidade entre todos se fose asentando paseniñamente entre a xente.
            Pero Xesús quere ir máis alá destes bos sentimentos do Antigo Testamento. Sabemos da pregunta que lle fai unha vez un letrado a Xesús sobre cal é o “primeiro” mandamento da lei. Xesús responderalle utilizando as mesmas palabras do libro do Deuteronomio (6, 4-5): “O primeiro é: Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. Con isto a pregunta quedaba perfectamente respondida. Mais el vai engadir a isto (e sen que o letrado llo preguntara) algo decisivo ó colocar dalgunha maneira o chamado segundo mandamento ó mesmo nivel có primeiro. Velaquí o que Xesús engade: “O segundo é este: Amarás o teu próximo como a ti mesmo. Non hai mandamento máis importante ca estes”.
            Boas razóns tiña el para engadir iso, porque no Antigo Testamento estes dous mandamentos estaban en certo modo pouco relacionados entre si. Do primeiro falábase no Deuteronomio e do segundo no Levítico (19, 18), mesturado este último ademais con outras diversas normas cúlticas e morais. O que realiza el coa súa resposta ó letrado é darlle ó segundo mandamento, é dicir, ó amor ó próximo unha dignidade ou categoría en certo modo divina. De modo que amar o próximo vén sendo para Xesús practicamente o mesmo que amar a Deus.
            Agora ben, o que nestes derradeiros momentos de intimidade cos seus discípulos fai el agora é subir aínda máis o listón da importancia e da esixencia do amor ó próximo. Por iso poderá indicar con toda razón que o seu mandamento do amor ó próximo é verdadeiramente “novo”. Por que novo? A razón e ben sinxela. A medida do amor ó próximo no Antigo Testamento era “un mesmo”: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. A medida do amor que anuncia agora Xesús é moito máis esixente e, polo tanto, decididamente “nova”: Amarás o teu próximo “como eu vos amei”. E como amou Xesús? Ben o sabemos, polo menos teoricamente. Amou os demais máis que a si mesmo, máis cá súa propia persoa. Amou totalmente, entregando a súa vida, é dicir, entregándose a si mesmo, pola salvación e liberación de todos. A medida do seu amor non é polo tanto el mesmo (“como a ti mesmo”), porque se esa fose a medida do seu amor, non poría en xogo a súa vida e non entregaría a súa vida polos demais.
            A actitude de Xesús ten unha certa semellanza coa desas boas e xenerosas persoas que se lanzan de súpeto a un mar embravecido para libraren da morte unha persoa en perigo de afogarse e que tanto suscitan a nosa admiración. E iso practicándoo non unha ou dúas veces e case sen pensar, senón ó longo de toda unha vida e de maneira consciente e consecuente ata a propia morte.
            Esta é, pois, a medida á que Xesús nos convida e que fará que poidan xurdir ese “ceo” e “terra”,  tamén “novos”, dos que nos fala hoxe o libro da Apocalipse da 2ª Lectura.
            Hai ademais unha importante advertencia. Non nos enganemos. Só se procedemos así, seremos considerados verdadeiros discípulos de Xesús. Ese ha ser, pois, o noso sinal distintivo, para así termos capacidade de atraer outras persoas ó camiño de Xesús. “Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”. Os cristiáns non podemos, en consecuencia, contentarnos con dicir simplemente que somos cristiáns. Pois se o amor -e un amor coma o de Xesús- non se converte en motor das nosas vidas e da nosa relación con todos non seremos de verdade auténticos cristiáns.
            Tarefa nada doada, mais que nos salvará e nos liberará a nós e a cantos nas nosas vidas se atopen connosco.

Manuel Cabada Castro




VER MÁIS:



Comentarios

Publicacións populares