Ficha e Lectio - Ascensión C
LECTIO:
Feitos
de terra e de azul celeste
(2
xuño 2019)
A
festa da Ascensión do Señor abrangue mensaxes e ideas fondas e sublimes. Nela,
neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, vén construírse en certo
modo a ponte airosa, ben asentada e segura, entre o ceo e a terra, entre a
divindade e a humanidade, entre o noso destino e o de Deus mesmo. Con Xesús,
irmán noso e fillo de Deus que ascende ós ceos, a humanidade acada a salvación
definitiva. Nela estamos incluídos todos nós xunto coas xeracións pasadas,
presentes e vindeiras.
Naturalmente
as palabras “ceo” e “terra” hai que entendelas de maneira simbólica, non física
ou astronómica. Ben sabemos que o ceo de Deus está en tódalas partes, e de
maneira especial en todas e cada unha das persoas que o queren. Todos e cada un
de nós somos así en realidade “templos” de Deus. Dicir polo tanto, como fai
Lucas, que Xesús ascendeu ós ceos quere dicir que el, trala súa vida, morte e
resurrección, acadou a plenitude da súa unión con Deus Pai. Non debemos tomar
polo tanto –como ben sabemos- ó pé da letra o relato de Lucas, coma se o ceo
fose un lugar que estivese un pouco máis arriba ou moito máis arriba das nubes
que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o grandioso destino de
Xesús e de todos nós se somos verdadeiros seguidores de Xesús.
A
Ascensión do Señor significa para nós que, posto que Xesús é o Fillo de Deus
encarnado ou humanizado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre
presentes ante o mesmo Deus para sempre, por toda unha eternidade. Pois Xesús,
o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós, o “Emmanuel”, é dicir, o
“Deus connosco”. Por iso, en certo modo, tamén nós poderiamos chamarnos a nós
mesmos “nós con Deus”, igual que Xesús é “Deus connosco”. Dado, pois, que en
Xesús humanidade e divindade están e
estarán sempre estreitamente unidas, tamén nós por medio desta humanidade e
divindade de Xesús estamos sempre con Deus.
A Ascensión amósanos así cal é tamén o noso “camiño”, un
camiño “ascendente”. Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade
e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño que todos estamos chamados e
convidados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do
seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús nos promete tamén hoxe: “Heivos mandar
o don prometido por meu Pai”.
Trátase
dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, que non realizamos en solitario. Unha
peregrinaxe faise máis doada e alegre cando un vai con outros que o acompañan,
que lle dan azos e que lle fornecen axuda. Os que cremos en Cristo non cremos
nel de maneira individual, desligados dos demais. Pois formamos xuntos un pobo
ou, na linguaxe de Paulo, un corpo con diversos membros. Xesús vai sempre
diante nosa, dirixíndonos, animándonos e dándonos forzas.
Na
súa carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo de que Cristo resucitado
e ascendido ós ceos é a “cabeza” da Igrexa. Deus Pai −dinos Paulo− é quen
someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que
é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso que ten
en Xesús a “cabeza” que o dirixe e estimula. Xesús coida así de tódolos membros
do seu corpo místico, no que estamos incluídos nós.
Unha
cabeza sen o seu corpo non ten sentido ningún. Sería unha cabeza inerte, sen
vida. O corpo, separado dela, sería tamén un corpo morto, a punto de se
corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como cabeza do seu corpo
só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela e vivificado por ela.
Ascensión de Xesús significa, polo tanto, que, se el como cabeza do seu corpo
místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou perfecta mentres non
realicemos tamén nós esa mesma “ascensión” de Xesús e con el.
Somos
así chamados e convidados a realizarmos un esforzo común, ben unidos á nosa
cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar
de apetecer. Porque: quen non quere vivir sempre?, quen non busca a verdade
total?, quen non quere acertar co camiño que o leve a unha meta de felicidade
sen termo? Pois ben, todo isto só o
podemos acadar manténdonos unidos á nosa cabeza.
Estes
desexos son, por outra banda, comúns a tódalas persoas. Ninguén carece deles.
Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó resto do corpo para que haxa
vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva, así tamén é o corpo un
conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada unha das partes do corpo
depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén entre todos un fermoso corpo,
o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos salva e dá vida.
Ascensión
do Señor quere dicir tamén, xa que logo, que só podemos “ascender” se nos
mantemos unidos non só coa nosa cabeza senón tamén cos demais membros deste
misterioso corpo de Cristo. E a seren membros do corpo místico de Cristo están
chamadas tódalas persoas do mundo, de calquera cultura, relixión, lingua ou
clase social que sexan.
Para
rematar. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección,
estamos consecuentemente chamados todos a agradecer a grandeza de Deus Pai e
dos seus proxectos sobre nós. Paulo fálanos na súa carta de que deberiamos
abrir os ollos para intentarmos comprender “o vigor da potencia e da forza” de
Deus Pai en relación connosco.
Como
se nos amosa este “vigor”? Explícanolo el dicindo que Deus Pai exerceu o seu
vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa
dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e
dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro”.
De
modo que, se toda Eucaristía é agradecemento a Deus, hoxe debería selo de maneira
especial por ternos el concedido na Ascensión do seu Fillo o gratuíto don da
nosa propia futura Ascensión onda El polos méritos deste seu fillo Xesús Cristo,
que se fixo irmán noso.
Manuel
Cabada Castro
Catequese de Galicia:
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario