26 jul. 2017

Ficha e Lectio: Domingo 17 Ordinario A



VER TAMÉN: 





LECTIO:

DOMINGO XVII T. O. 
(30 xullo 2017)

            Hoxe en día non parece que haxa dúbida de que os nosos comezos como seres humanos están en continuidade con toda a historia física e biolóxica ocorrida en tempos anteriores. Refírome ó que adoitamos chamar a evolución, a evolución xeral cara ós seres vivos e o xurdimento dos primeiros seres que poden xa ser denominados humanos. Disto falan de maneira ampla a paleontoloxía, a antropoloxía e outras ciencias.
            Mais a pesar desa relación que temos co mundo animal e co universo todo, tamén podemos falar de que nós, as persoas humanas, nos distinguimos moito dos nosos predecesores puramente animais. A mesma antropoloxía xeral, mais sobre todo a psicoloxía e a filosofía, apréndennos a vérmonos a nós mesmos como uns animais moi especiais. Especiais precisamente porque, tal como se di, non somos animais “especializados”. Unha gaivota ou unha anduriña fan o seu niño ano tras ano máis ou menos da mesma maneira, por moitas dificultades que lles poñamos para a súa construción. Un león ten comportamentos que practicamente son e serán sempre os mesmos. E así outros animais. Están “especializados” para unha vida concreta e particular, a súa e mais a da súa especie.
            Pero nós, os seres humanos, case non dispoñemos de instintos ou comportamentos específicos e determinados. Temos que aprender practicamente todo: a andar, a falar, a relacionarnos coas outras cousas e persoas. Estamos así abertos a moitas posibilidades. Nada nos enche ou satisfai plenamente. Por iso cando temos unha cousa, estamos xa pensando como acadaremos outra mellor. E cando nos pasa algo desagradábel, axiña empezamos a mirar como saímos desa situación.
            Con este comportamento específico noso estamos a dar testemuño da especial relación que temos os seres humanos con Deus. Deus fíxonos a nós, os seres humanos, a través de toda a evolución cósmica, pensando en facernos partícipes a nós da súa vida, da súa natureza divina. Como Deus quixo e quere comunicarse connosco, estar connosco, xantar á mesa connosco, e tantas outras cousas como poderíamos aquí engadir para poñer isto aínda máis de relevo, por iso precisamente, é dicir, para que iso sexa posíbel, tivo Deus que facernos semellantes a el e facerse tamén a si mesmo semellante a nós en Xesús.
            En que está a nosa semellanza con Deus? Pois en que todos queremos ser absolutamente felices, en que todos queremos vivir sempre, en que todos queremos telo todo, coñecelo todo, etc., etc. En definitiva, en que todos queremos ser coma o mesmo Deus que nos fixo. Deste tipo de consideracións provén aquel dito tantas veces repetido de Santo Agostiño nas súas Confesións: “Fixéchesnos, Señor, para Ti e está inquedo o noso corazón ata que acougue en Ti”. Porque, para Santo Agostiño, Deus é a expresión máxima da felicidade, da verdade ou do amor, ós que un pode aspirar.
            Co que acabo de comentarvos, aínda que sexa dunha maneira moi esquemática, podemos achegarnos un pouco ó que nos din as comparacións ou parábolas de Xesús no evanxeo de hoxe. Xesús compara o contido ou o fondo da súa mensaxe cun tesouro co que se topa unha persoa nun terreo alleo, pero que ela, “chea de alegría”, quere facer seu, aínda que sexa a costa de ter que vender canto ten. Pode ser un secreto e rico tesouro ou unha perla “de gran valor”. Ou tamén, se un é pescador, un peixe moi grande, no que todo pescador algunha vez, de noite ou de día, soña ou imaxina que vai pescar ou que querería pillar... Por iso se di que os pescadores, os de río polo menos, tenden a dicir pequenas mentiras cando falan por exemplo de que a troita que se lles desprendeu do anzol era enorme...
            Como vedes, parece claro que a mensaxe cristiá está dirixida de maneira especial para os que teñan grandes desexos, é dicir, para os que sexan e queiran ser plenamente felices e humanos. O cristianismo non está feito para os que queiran alimentarse de rutinas, de servilismos ou de pequenos ritos ou obrigas que un se impón ou que outros lle queren impoñer. Dese modo non pasariamos de asemellarnos ós animais, que non están abertos a estas dimensións amplas, infindas, propias dos seres humanos.
            Tampouco é ese o camiño para atopar a nosa verdadeira felicidade. Un bo cristián terá, si, que renunciar a determinados egoísmos que se pechen ás necesidades dos demais. Mais este tipo de renuncia a egoísmos insolidarios non significa que a felicidade vaia fuxir de nós ou abandonarnos.
            Ben sabemos, por experiencia propia e allea, que a felicidade só se atopa cando un é fiel á súa conciencia e teima en todo momento por ser bo con todos. Trátase dunha felicidade que fai a un feliz e fai tamén felices os que conviven con un. O sufrimento mesmo, en principio, non ten tampouco por que lle roubar a un a felicidade. Porque cando se sabe que o propio sufrimento pode ter un sentido ou que con el podemos facer un ben ós demais, entón somos capaces de aturalo e de transformalo en bendición para os demais e para nós mesmos.
            Ser feliz é ter azos para facer ben as cousas e saber así ser de proveito para os demais, aínda que sexa a costa de renunciar, como o sabio rei Salomón, a unha vida longa ou a riquezas innecesarias. Xa antes de que Xesús falase do “tesouro agachado” ou da “perla fina”, foi Salomón loado por Deus no Antigo Testamento por non lle ter pedido para si “vida longa” ou “riquezas”, senón acerto para gobernar os seus súbditos.
            Os pais, no pequeno e particular goberno da súa familia, deberían aprender desta mensaxe de Salomón e da de Xesús a saberen que a súa felicidade e a das súas fillas e fillos depende moito de os fornecer dunha boa educación, por máis que este labor non sexa hoxe cousa doada. É así como irán eles aprendendo, tal como axeitadamente se di, a “ser” antes que a “ter”.
            E xa para rematar. Os que se dedican ó difícil e meritorio labor da política recoñecen ás veces, por exemplo ante un fracaso electoral, que non foron capaces –tal como din- de comunicar correctamente a súa mensaxe. Pois ben, os cristiáns e de maneira especial os que intentamos con temor e tremor facer presente hoxe en día a mensaxe de Xesús deberiamos ser quen de poder comunicar ós demais correctamente e con insistencia que a mensaxe de Xesús é verdadeiramente un “gran tesouro”, unha “finísima perla”, que ben paga a pena intentar adquirir. Que o Deus bo nos axude a todos neste intento.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Preguemos todos conxuntamente ó noso Pai Deus, en unión co noso irmán Xesús e na forza do seu Espírito Santo, para que nos conceda o que lle pedimos, dicindo: Escóitanos, Pai
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Pola Igrexa, para que saiba anunciar a riqueza da mensaxe de Xesús a tódolos pobos e culturas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Para que a perla fina do evanxeo se converta en forza viva que atraia cara a si a cantos queren vida e plenitude. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Para que os marxinados da sociedade poidan atopar no tesouro do evanxeo e nos anunciadores e practicantes da doutrina de Xesús a axuda material e espiritual que precisan. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro





VER MÁIS:








No hay comentarios:

Publicar un comentario