7 jul. 2017

Ficha e Lectio: Domingo 14 Ord A



LECTIO:
DOMINGO XIV T. O.
(Ciclo A: 9 de xullo 2017)

            Atopámonos hoxe na lectura do texto do evanxeo cunhas palabras que Mateo pon en boca de Xesús e que están cheas dunha conmovedora confianza con nós, representados nos tempos de Xesús polos seus apóstolos, discípulos e toda clase de xente sinxela e pobre que o arrodeaba. A primeira das frases é a seguinte: “Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela”. Probablemente foron poucos (ou quizais ningún) dos “sabios e entendidos” os que escoitaron estas ou parecidas palabras directamente da boca de Xesús e seguramente, en cambio, habería alí moitos (ou ben deles) dos que Xesús denomina aquí “pequenos” ou “xente sinxela”, é dicir, humildes, pobres e xente de bo corazón que escoitaban con devoción e íntimo consenso a Xesús.
            Coido que vén xustamente moi a conto aquí o que lin hai xa ben de anos que lle ocorrera a un relevante especialista en estudos bíblicos que estudaba por entón estas materias na chamada “Escola Bíblica de Xerusalén”. Cóntao el así: “Un mestre de exexese bíblica iniciábanos na difícil arte de desentrañar o evanxeo de Mateo. Todo semellaba pouco para captar o sentido último do texto: crítica textual, análise literaria, estrutura da pasaxe. Un día, chegamos a eses versículos nos que Xesús exclama: ‘Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela’. O profesor fixo un longo silencio. Despois, díxonos moi amodo: ‘Non esquezan nunca estas palabras. Todo o demais pódeno esquecer’. Foi probablemente a mellor lección de exexese que recibín na miña vida. Despois, ó longo dos anos, puiden ver que é así. Sempre que tiven a impresión de estar xunto a unha persoa achegada a Deus, foi alguén de corazón sinxelo. Ás veces, unha persoa sen grandes coñecementos, outras alguén de notábel cultura, mais sempre un home ou unha muller de alma humilde e limpa”.
            Xesús está, pois, orando, conversando co seu Pai e noso Pai Deus, diante mesmo dos seus oíntes. E ora dando grazas (“Douche grazas, Pai”). Algo semellante ó que moi correctamente intentamos facer nas nosas “eucaristías”, pois queren ser elas tamén, antes ca nada, acción de grazas por tanta boa cousa coa que Deus nos agasalla. E dá grazas Xesús, porque ámbolos dous (o Pai e mais o Fillo benquerido) coinciden nas súas querenzas e simpatías. Pois ámbolos dous téñenlle moi boa lei ós pobres, ós cativos, ós sinxelos, ós nenos, ás mulleres, é dicir, a todos aqueles ós que os poderosos deste mundo case non lles daban ou non lles dan aínda importancia nin valía.
            A simpatía de Deus Pai e mais de Xesús con este tipo de persoas non é máis cá continuación mesma do amor do Pai a un seu Fillo, que é así tamén: cativo, pobre e sinxelo. Entre os fermosos textos de Mateo lemos esta conmovedora confesión que fai Xesús sobre si mesmo perante as persoas que o escoitan. “Eu son bo e humilde de corazón”.
            Que as persoas que o seguían dun sitio para outro e que o escoitaban dixesen sobre el algo semellante ó que o propio Xesús dicía sobre si mesmo, é doado entendelo. Mais que Xesús se tivese detido a afirmar iso sobre si mesmo é moita cousa. Sabe el moi ben que nos convén moito que o saibamos e que tal manifestación sobre si mesmo teña saído da súa boca e do seu corazón. Só así pode medrar efectivamente a nosa confianza nel, na súa bondade, na súa sinxeleza e humildade. O cristián atópase así na súa vida, non diante dunha xigantesca rocha ou parede feita de preceptos e normas para os cumprirmos (coma nos tempos do Antigo Testamento), senón diante dun corazón esencialmente bo, sinxelo e humilde que se coloca á miña beira a título de amigo e irmán.
            O grande e inmenso para nós é que non é só Xesús quen é así, senón tamén o mesmo Deus omnipotente que fixo o ceo e maila terra e que quixo en Xesús amosársenos tal e como é. Pois entre Pai e Fillo non hai nada secreto ou descoñecido. “Ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin coñece o Pai ninguén agás o Fillo”.
            Ofrécese así Xesús a aliviarnos as nosas canseiras, fastíos, abatementos e desazos. “Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei”. Pois a súa mensaxe é levadeira e, en definitiva, é sempre “alegre nova”, tal e como o papa Francisco non deixa de repetir unha e outra vez no seu escrito “A alegría do evanxeo”. Céibovos ó aire algúns anacos dos seus comentarios por se se queren pousar mansamente nalgún de vós:
            “Os que se deixan salvar por Xesús son liberados do pecado, da tristura, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría [...] O gran risco do mundo actual, coa súa múltiple e abafadora oferta de consumo, é unha tristura individualista que xorde do corazón cómodo e avaro, da busca morbosa de praceres superficiais, da conciencia illada [...] Os crentes corren tamén este risco [...] Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos, sen vida [...] Non fuxamos da resurrección de Xesús, nunca nos declaremos mortos, pase o que pase [...] Todos teñen o dereito de recibir o evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír a ninguén, non coma quen impón unha nova obriga, senón coma quen comparte unha alegría, sinala un belo horizonte, ofrece un banquete desexábel. A Igrexa non medra por proselitismo senón por atracción”.
            E remato aludindo aínda a un par de pensamentos máis do papa Francisco nesta encíclica súa, que tan ben se poden aliñar coa temática do texto do evanxeo de Mateo:
            “Non nos deixemos roubar a alegría evanxelizadora! Non ó pesimismo estéril! A alegría do evanxeo é esa que nada nin ninguén nos poderá quitar [...] A tarefa evanxelizadora implica e esixe unha promoción integral de cada ser humano. Xa non se pode dicir que a relixión debe recluírse no ámbito privado e que está só para preparar as almas para o ceo. Sabemos que Deus quere a felicidade dos seus fillos tamén nesta terra, aínda que estean chamados á plenitude eterna, porque el creou tódalas cousas ‘para que gocemos delas’, para que todos poidan gozar delas”.
            Ollo! Non son eu, pobriño de min. É o papa Francisco quen nos fala así.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            
Unidos todos á oración de agradecemento de Xesús a Deus Pai pola súa bondade con tódalas persoas e especialmente cos sinxelos e pequenos, dirixímonos conxuntamente tamén nós a el dicindo: DÁMOSCHE GRAZAS, PAI. 
Todos: DÁMOSCHE GRAZAS, PAI.

- Apréndenos, Pai, a dirixir a nosa ollada e a nosa atención ós humildes e pequenos deste mundo, tal como o aprendemos do teu fillo Xesús.  
TODOS: DÁMOSCHE GRAZAS, PAI.
- Libéranos, Pai, de crérmonos a nós mesmos “sabios e entendidos” en cousas que superan a nosa cativeza humana. 
TODOS: DÁMOSCHE GRAZAS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a superarmos os nosos desazos e tristezas no seguimento do teu fillo Xesús, que se nos presenta a nós como “bo e humilde de corazón”. 
TODOS: DÁMOSCHE GRAZAS, PAI.

            Dámosche grazas, Pai, por medio do teu fillo Xesús e en unión co Espírito Santo. AMÉN.


Manuel Cabada Castro

VER MÁIS:



No hay comentarios:

Publicar un comentario