Ficha e Lectio: Santísima Trindade A
LECTIO:
SANTÍSIMA TRINDADE
(11 xuño 2017)
Teriamos
que converter esta festividade non en algo abstracto ou frío, teórico,
especulativo, senón en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo moi
transcendental para a nosa propia comprensión humana. Desde que nos iniciaron
na fe cristiá sabemos, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é un en esencia
e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o temos aprendido. E, máis alá diso,
semella que o tema non dá moito máis de si para non poucos dos crentes.
Pero
si ten importancia e moita. O feito mesmo de que haxa unha festa especial
dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade parece amosar cando menos o
interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e
operativo.
En
calquera caso, temos que partir de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel
para nós. E ségueo a ser aínda que Él se teña revelado ou manifestado a nós
como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue a ser
un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora, que sexa esta revelación.
Por iso falan con razón os teólogos do “misterio”, do grande misterio, da
Santísima Trindade.
Pois
ben, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo
grande se nos revela ou se nos indica neste misterio.
A
liturxia da festividade apunta ó que quero dicir. Deus non é alguén que vive
pechado na súa soidade, clausurado nunha fría e absoluta unidade interna.
Na
primeira Lectura, do libro do Éxodo, revélase Deus, é dicir, maniféstase, a
Moisés como “rico en amor”. Pois ben, como podería falarse de Deus como amor,
“rico en amor”, se na súa “unidade” divina non houbese lugar ningún para unha
interna diferenza de “persoas” que se amasen
intimamente e de maneira absolutamente infinita? Se Deus fose iso, non
tería en si mesmo a quen querer ou amar. Deus non sería en si mesmo senón
egoísmo absoluto e infinito.
Como
podería Paulo, en tal caso, ter animado ós de Corinto a que vivisen entre eles
en “paz” e “acordo” (como se nos di) se no seo mesmo de Deus, no seu interior,
non houbese lugar para iso? Se Deus non fose máis ca unha soa persoa, con quén,
igual a si mesmo, podería semellante Deus exercer amor ou facer paz? Mais Paulo
sabe, como el mesmo di aquí, que Deus é “o Deus do amor e da paz”. O Deus de
Paulo é o único Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo, divinas persoas que
se queren tanto, tan infinitamente, que por iso mesmo sendo “diferentes” forman
entre eles unha fonda, unha inconcibíbel
e infinitamente rica unidade.
Para
máis abundancia, no Evanxeo, na gran boa nova comunicada por Deus Pai ó mundo, cóntanos
Xoán a conversa que, sendo xa de noite, tivo Xesús con Nicodemo. A este
importante fariseo preocupáballe e chamáballe moito a atención a persoa de
Xesús e quería falar directamente con el sobre Deus e sobre a propia salvación.
Pois
ben, Xesús ábreselle plenamente ó seu interlocutor e dille a Nicodemo: “De tal
xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito”. É dicir, Xesús
revélalle a Nicodemo, e revélanos tamén a nós, que o Pai non vive só, senón que
ten un Fillo, que o mesmo que agora está a falar co preocupado e temeroso
Nicodemo. Un Fillo que, que por ser o unixénito de Deus Pai, está en perfecta
unión de amor co Pai e participa
plenamente da divindade do Pai. E este mesmo Fillo unixénito, xunto co seu Pai,
mándanos aínda a nós, tal como festexabamos no domingo anterior, o Espírito
Santo, como presenza viva e amorosa do Pai e do Fillo a tódalas xeracións
humanas mentres o mundo sexa mundo.
Deus
é polo tanto unha misteriosa e incomprensíbel comunidade de amor. Un Deus, tal
como adoitamos dicir, trino e un. No que hai unidade e tamén diferenza.
Diferenza para poder amar a alguén que non se identifique sen máis con un
mesmo, para que o amor de Deus, no interior de si mesmo, non quede reducido así
a un simple e inevitábel egoísmo. E tamén unidade, porque o mutuo amor é tan
grande que, aínda sendo diferentes, é ou son ó tempo unha única realidade, un
só Deus. Algo semellante ó que ocorre nunha familia na que todos se queren
tanto que forman unha unidade, sendo a pesar de todo cada un diferente dos
demais.
Pero
isto que é Deus en si mesmo éo tamén en relación connosco. Esta Trindade divina
de amor, que caracteriza o interior de Deus, estase a realizar tamén entre nós,
neste mundo, ata chegar á súa plenitude máis alá deste mundo. Por iso é moi
importante o que lle di Xesús a Nicodemo, despois de lle falar do grande amor
que o Pai lle ten ó mundo. Pois Xesús engade aínda, na súa conversa con
Nicodemo, o seguinte: “Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo,
senón para que por el se salve o mundo”.
Bastantes
de nós fomos probabelmente iniciados na nosa fe cristiá cun certo exceso de
temor, de prevencións ou de medos máis ou menos declarados. Seguramente tamén
Nicodemo, como bo fariseo, tiña unha formación relixiosa abondo rigorista, que
o incitaba a cumprir cunha multitude de preceptos e normas rituais, típicas do
xudaísmo.
Mais
resulta que Xesús lle di agora a Nicodemo que Deus non actúa no mundo en Xesús
coma un xuíz, senón coma un salvador. Isto consolaría moito seguramente a
Nicodemo e o liberaría de moitas angustias.
Por
que Xesús non actúa coma un xuíz? Pois simplemente porque Deus non é en si
mesmo senón unha Trindade de amor. O Pai non xulga o Fillo nin o Espírito Santo.
Ningún dos tres xulga a calquera dos outros dous. Os tres quérense simplemente.
Ámanse. Nada máis e nada menos.
Que
bela e grandiosa sería a humanidade, se esa Trindade de amor se instalase cada
vez máis no mundo! Se houbese moitos fomentadores de paz e de amor, entón non
precisariamos de tantos xuíces como aínda hai no mundo.
CREDO
PRECES
Pidámoslle
a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e o impulso do Espírito Santo, que
escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola Igrexa, para que saiba
presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é comuñón de amor e respecto
ás diferenzas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que medremos todos nun
ambiente relacional e comunitario, de diálogo, respecto e entrega.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que os cristiáns saibamos
redescubrir a presenza trinitaria de Deus Pai, Fillo e Espírito nas nosas
vidas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Atende, Pai, a nosa oración e converte
en realidade o que che pedimos nas nosas oracións. Por Xesús Cristo Noso Señor.
AMÉN.
Comentarios
Publicar un comentario