Ficha e Lectio - Domingo 12 Ordinario A




LECTIO:

HOMILÍA DOMINGO XII T. O. 
(Ano A: 25 de xuño de 2017)

            Estamos hoxe ante un texto do evanxeo de Mateo, que nos quere insuflar azos e alento ós cristiáns no noso estar no mundo. Un cristián non debería comportarse endexamais coma un ser tímido, encollido, fuxido do mundo no que vive, refuxiándose a si mesmo nun suposto comportamento puro e inmaculado, alleo ó seu encontro co mundo e cos seus problemas, ameazas e desafíos.
            Se a mensaxe principal de Xesús é a da nosa fraternidade ou irmandade universal en canto fillos queridos dun mesmo Pai Deus, isto quere dicir que a tal anuncio non se responde como é debido algo así como espetando un papel no taboleiro de anuncios dun lugar concreto para que a xente o lea e vexa pola súa conta que lle parece o tema...
            Polo contrario, ese mundo ou “reino” novo que Xesús quere instaurar no mundo é algo que deberá ser construído co noso entusiasmo e a nosa actuación, impulsados polo espírito de Deus que para tal tarefa nos fornece de fe, esperanza e amor. En canto cristiáns no podemos intentar comportarnos como células independentes unhas das outras, que realizan como mellor lles parece e de maneira illada o seu propio labor. Formamos entre todos un só corpo -como ben nolo aprendeu o apóstolo Paulo- con membros diversos que exercen cadansúa función para ben de todos. Un corpo cunha única cabeza, que é Xesús Cristo, que nos une a todos con Deus Pai.
            A nosa fe neste Xesús que nos dirixe, nos fortalece e nos concede a súa graza convértese así en antídoto contra toda clase de medos, inseguridades ou angustias. Só desde esta gratuíta e agradecida seguridade nosa ó pertencermos todos a un mesmo corpo, o corpo místico de Cristo, pode Mateo poñer en boca de Xesús palabras dirixidas a nós como as seguintes: “Non lles teñades medo ós homes... Non lles teñades medo ós que matan o corpo, mais non poden matar a alma... Non teñades medo, vós valedes más ca tódolos pardais xuntos”.
            Na construción do reino, Xesús quérenos, pois, animosos e valentes no noso traballo e no noso público e aberto dar testemuño da súa mensaxe: “O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas".
            No fondo, este comportamento animoso, sinxelo e firme está baseado en que sabemos que Deus nos quere ben en Xesús, como fillos ben queridos que somos de Deus Pai e irmáns tamén polo tanto de Xesús. Por iso nin o Pai nin o Fillo endexamais nos poderán fallar. “Mesmo os cabelos da vosa cabeza están todos contados”, dísenos no texto de Mateo. Se somos así, pois, fieis co Fillo de Deus que nos coida e quere, máis fiel será aínda el connosco, pois en fidelidade non se deixará el superar por nós: “Todo o que volva por min diante dos homes, tamén eu hei volver por el diante do meu Pai que está nos ceos”.
            Este acendido alento co que Xesús convida os seus apóstolos a anunciaren ó mundo a súa Boa Nova está en clara relación coa afirmación que fai el sobre si mesmo ó nos dicir: “Eu son a luz do mundo”. Xesús vese a si mesmo, pois, como aquel que coa máxima xenerosidade e sen exclusivismos de ningún tipo -coma a luz- ilumina, orienta e ofrece sentido a toda realidade e a toda persoa en tódolos tempos. Á maneira do sol que, desde que a terra empezou a ser terra, alumou, aluma e alumará de maneira ben pública e dadivosa a cantos nela habitamos (desde o máis humilde vexetal ou animal ata onde exista o máis pobre ser humano).
            Se no texto do evanxeo de Mateo se nos presenta a Xesús animándonos a pregoar, desde o sitio máis alto  e visible, a boa nova de Xesús, iso mesmo vén ser o que escribe Paulo dunha maneira semellante na súa carta ós Efesios (5, 8-9) ó lles comunicar ós seus destinatarios que son eles, os Efesios, “luz no Señor”, “fillos da luz”. Ó se expresar así, Paulo faise eco evidentemente dunha pasaxe algo anterior do evanxeo do propio Mateo (5, 14-15) na que se nos di: “Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alumee a tódolos da casa”.
            De xeito que non só Xesús, tamén todos e cada un de nós somos, debemos ser, “luz do mundo”. E a luz ten que se deixar ver porque, se se agacha, interrompe ou suspende polo mesmo a súa función doadora de vida, liberdade e salvación.
            Sermos “luz do mundo”, como nos pide Xesús que procuremos selo todos, leva consigo, pois, entusiasmo e alegría. Temos, pois, que distanciarnos de calquera tipo de actitude temerosa, cautelosa ou encollida ante os demais, tal como se nos pide no texto do evanxeo de Mateo. Coido que precisamente o papa Francisco soubo recoller moi ben esta típica actitude cristiá na súa encíclica que leva o título “A alegría do evanxeo”.
            A encíclica comeza así: “A alegría do evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por Él son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría”. Por iso, se queremos (en canto “luz do mundo” que somos) ofrecer á xente a alegría que provén do evanxeo, entón teremos que ter en conta –tal como di o papa Francisco- que “un evanxelizador no debería ter permanentemente cara de funeral”, pois o que queremos é “compartir” cos demais a “alegría” que nos trae a boa nova de Xesús. “O soño dun discípulo de Xesús –continúa a dicir o papa Francisco- non é encherse de inimigos, senón que a Palabra [de Deus] sexa acollida e manifeste o seu poder liberador”. Pois Deus quérenos “libres” e non escravos”. Pídenos por iso o papa ós que queremos cumprir co mandado de Xesús e dos seus apóstolos de sermos “luz do mundo” que sexamos –di el- “facilitadores da graza de Deus” e non “controladores” dela, comportándonos –di el- coma se fósemos empregados dunha “aduana”. Esta é a razón pola que neste mesmo escrito o papa lles recorda ós sacerdotes que “o confesionario non debe ser unha sala de torturas”.
            Sabemos que moitos cristiáns (como tamén outras persoas pertencentes a outras relixións) sofren hoxe en día persecución en diversas partes do mundo por razón da súa fe. Mais é esta fe precisamente a que lles proporciona consolo e incluso fonda alegría ó se saberen perseguidos por se manteren fieis ó mandado de Xesús de seren “luz do mundo”. Mantérmonos unidos a eles no mesmo corpo místico de Cristo será garantía do seu bo comportamento e mais do noso.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            
Pidámoslle a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

- Pola Igrexa, para que saiba anunciar o evanxeo de Xesús coa claridade da luz e a valente afouteza que proveñen do poder e do amor de Deus. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Por cantos sofren persecución en diversas partes do mundo contra a súa fe e a súa liberdade de conciencia, para que se manteñan fieis a Deus Pai e ó seu fillo Xesús. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Para que os anunciadores da boa nova saiban comunicar a todos, como quere o papa Francisco, a fonda “alegría” que nos aporta o evanxeo de Xesús. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.


PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.

Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:



Comentarios

Publicacións populares