Homilía do Papa en Malmö na Festividade de Tódolos Santos

TRADUCIDO DE : https://www.aciprensa.com

Resultado de imaxes para HOMILIA MALMO

Con toda a Igrexa celebramos hoxe a solemnidade de Todos os Santos. Lembramos así, non só a aqueles que foron proclamados santos ao longo da historia, senón tamén a tantos irmáns nosos que viviron a súa vida cristiá na plenitude da fe e do amor, no medio dunha existencia sinxela e oculta. Seguramente, entre eles hai moitos dos nosos familiares, amigos e coñecidos.

Celebramos, por tanto, a festa da santidade. Esa santidade que, talvez, non se manifesta en grandes obras ou en sucesos extraordinarios, senón a que sabe vivir fielmente e día a día as esixencias do bautismo. Unha santidade feita de amor a Deus e aos irmáns. Amor fiel ata o esquecemento de si mesmo e a entrega total aos demais, como a vida desas nais e eses pais, que se sacrifican polas súas familias sabendo renunciar gustosamente, aínda que non sexa sempre fácil, a tantas cousas, a tantos proxectos ou plans persoais.

Pero se hai algo que caracteriza aos santos é que son realmente felices. Atoparon o segredo desa felicidade auténtica, que aniña no fondo da alma e que ten a súa fonte no amor de Deus. Por iso, aos santos chámaselles bienaventurados. As benaventuranzas son o seu camiño, a súa meta, a súa patria. As benaventuranzas son o camiño de vida que o Señor nos ensina, para que sigamos as súas pegadas. No Evanxeo de hoxe, escoitamos como Xesús as proclamou ante un gran xentío nun monte xunto ao lago de Galilea.

As benaventuranzas son o perfil de Cristo e, por tanto, o son do cristián. Entre todas elas, quixese destacar unha: «Benaventurados os mansos». Xesús di de si mesmo: «Aprendede de min que son manso e humilde de corazón» (Mt 11,29). Este é o seu retrato espiritual e descóbrenos a riqueza do seu amor. A mansedumbre é un modo de ser e de vivir que nos achega a Xesús e fainos estar unidos entre nós; logra que deixemos de lado todo aquilo que nos divide e enfronta, e se busquen modos sempre novos para avanzar no camiño da unidade, como fixeron fillos e fillas desta terra, entre eles santa María Elisabeth Hesselblad, recentemente canonizada, e santa Bríxida, Brigitta Vadstena, copatrona de Europa. Elas rezaron e traballaron para estreitar lazos de unidade e comuñón entre os cristiáns. Un signo moi elocuente é o que sexa aquí, no seu País, caracterizado pola convivencia entre poboacións moi diversas, onde esteamos a conmemorar conxuntamente o quinto centenario da Reforma. Os santos logran cambios grazas á mansedumbre do corazón. Con ela comprendemos a grandeza de Deus e adorámolo con sinceridade; e ademais é a actitude do que non ten nada que perder, porque a súa única riqueza é Deus.


As benaventuranzas son dalgunha maneira o carné de identidade do cristián, que o identifica como seguidor de Xesús. Estamos chamados a ser benaventurados, seguidores de Xesús, afrontando as dores e angustias da nosa época co espírito e o amor de Xesús. Así, poderiamos sinalar novas situacións para vivilas co espírito renovado e sempre actual: Benaventurados os que soportan con fe os males que outros lles inflixen e perdoan de corazón; benaventurados os que miran aos ollos aos descartados e marxinados mostrándolles proximidade; benaventurados os que recoñecen a Deus en cada persoa e loitan para que outros tamén o descubran; benaventurados os que protexen e coidan a casa común; benaventurados os que renuncian ao propio benestar polo ben doutros; benaventurados os que rezan e traballan pola plena comuñón dos cristiáns... Todos eles son portadores da misericordia e tenrura de Deus, e recibirán certamente del a recompensa merecida.

Queridos irmáns e irmás, a chamada á santidade é para todos e hai que recibila do Señor con espírito de fe. Os santos aléntannos coa súa vida e intercesión ante Deus, e nós necesitámonos uns a outros para facernos santos. Xuntos pidamos a graza de acoller con alegría esta chamada e traballar unidos para levala a plenitude. Á nosa Nai do ceo, Raíña de todos os Santos, encomendámoslle as nosas intencións e o diálogo en busca da plena comuñón de todos os cristiáns, para que sexamos bendicidos nos nosos esforzos e alcancemos a santidade na unidade.


Comentarios

Publicacións populares