18 nov. 2016

Ficha e Lectio - Cristo, Rei do Universo C



FICHA ADAPTADA DE :



LECTIO : 


XESÚS CRISTO REI DO UNIVERSO 
(Ano C: 20. XI. 16)

            Con esta celebración estamos á finalizar o ano litúrxico, antes de que comece o novo no próximo domingo, co inicio do Advento. E remata cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do universo. É dicir: rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os cumios máis altos da humanidade e do espírito.
            A realeza cómprelle a Xesús por ser el a verdadeira e fiel “imaxe do Deus invisible” (como nos di Paulo na súa carta ós Colosenses). En Xesús amósase toda a plenitude do poder e da grandeza do Pai, do seu Pai, que é tamén Pai noso grazas ó gratuíto don de concedérsenos sermos fillos do mesmo Pai de Xesús. “Todo –dinos Paulo- foi creado por El e para El”. É dicir, por Xesús e para Xesús.
            Por iso, en momentos cruciais da súa vida (preto, por exemplo, da súa morte violenta), Xesús afirmará a súa realeza ante Pilato que lle pregunta expresamente sobre ela. “Eu son Rei –respóndelle Xesús-. Para isto nacín e para isto vin ó mundo, para ser testemuña da verdade”. E incluso o título de “rei” figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: “Xesús Nazareno, rei dos xudeus”. Un título que os xudeus rexeitaban en canto tal para eles mesmos, pero que se converteu coa morte e resurrección de Xesús en título universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
            A realeza de Xesús Cristo é moi distinta das realezas humanas. Por iso a Xesús, tal como nolo describen os evanxelistas, non lle gustaba que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal. Fuxía, como sabemos, de calquera pretensión popular de o proclamaren rei.
            Xesús anuncia, en cambio, a súa mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como fan os reis da terra), senón no servizo. Lembrarédesvos daquelas palabras súas: “Sabedes –dinos Xesús- que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en rescate por todos”.
            Por iso ante o aparente absoluto fracaso da súa misión nas horas previas á súa crucifixión ignominiosa, Xesús clarifica unha vez máis o sentido do seu reino: “O meu reino –dinos de novo- non é deste mundo. Se o meu reino fose deste mundo, os meus oficiais terían loitado para que non fose entregado ós xudeus. Pero o meu reino non é de aquí”.
            Neste senso, o prefacio da eucaristía de hoxe descríbenos o reino de Xesús con estas palabras: “reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza, de amor e de paz”.
            Xesús foi así rei vital, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo “rei dos xudeus” que acababa de nacer. E este título acompañarao ata a súa morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace entre pobres e que morre entre dous axustizados. E, porén, é verdadeiro rei, tal como o saben representar certas imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa de rei sobre a súa cabeza.
            Os reis actuais non dispoñen xa, polo menos nas nosas democracias occidentais, do seu antigo poder. De aquí vén aquilo de que “o rei reina, mais non goberna”. Con todo, de Xesús podemos dicir con verdade non só que é rei e que “reina”, senón que tamén “goberna”, aínda que de xeito moi distinto, claro está, que os gobernantes deste mundo.
            Pois Xesús, pola forza do seu Espírito, o Espírito Santo que nos mandou en Pentecoste, é, si, “distinto” dos demais reis, pero non “distante”, porque por medio del habita no máis íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos, amándonos. E isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo “goberno”, un goberno baseado non no poder ameazador, senón na suavidade do seu amor a nós que se nos manifesta no máis íntimo das nosa conciencias.
            Por isto, á diferenza dos reis dos que se di que “reinan mais non gobernan” e que están por dicilo así recluídos nos seus pazos reais, Xesús Cristo, Rei do universo, “goberna” realmente a nosa existencia toda, participa intimamente da nosa vida e, polo tanto, fainos a cada un de nós tamén partícipes da súa propia vida. Hai entre el e nós unha verdadeira comuñón. Unha comuñón que é vida, experiencia, consolo e fraternidade con el e con calquera persoa coa que nos atopemos na vida.
            Con este Rei próximo, amigo e irmán, podemos tamén falar. Así o fixo o chamado “bo ladrón” –tal como se nos di no relato de Lucas que acabamos de escoitar- cando ámbolos dous sufrían en carne viva a tortura da cruz antes de morreren: “Lémbrate de min cando chegues ó teu reino”.
            E o Xesús Rei, amigo e irmán, non só lle promete ó seu compañeiro de dores unha “lembranza”, senón que lle promete, lle dá, e “hoxe” mesmo, o paraíso de seu Reino, o Reino dos Ceos: “Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
            Fermosa escena esta onde o Xesús sufrinte non deixa de exercer e practicar cos demais a “misericordia” ata o derradeiro momento da súa vida sen pensar nos seus propios problemas, nas súas propia dores na cruz. Bela, conmovedora e moi oportuna escena tamén porque xustamente hoxe, neste día 20 de novembro, remata o chamado “ano da misericordia” que o papa Francisco proclamou para toda a Igrexa hai case un ano, o 8 de decembro do ano pasado. Si, Xesús é verdadeiro Rei porque exerce a bondade a a misericordia con todos e rexeita, ata o mesmo intre da súa inxusta morte, calquera forma de violencia. Un Rei así no podemos menos de querelo e desexalo.
            Quero engadir finalmente que o Reino de Deus empeza xa neste mundo e todos estamos chamados, coa forza do Espírito de Xesús, a construírmos este reino.

ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixámoslle as nosas oracións a Deus, o noso Pai, para que o seu Reino estea cada vez máis presente no noso mundo, pregándolle: 
VEÑA O TEU REINO. TODOS: VEÑA O TEU REINO.

-Pola nosa Igrexa. Para que dea sempre testemuño de esperanza, de espírito de concordia, de servizo ós pobres. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos gobernantes de todo o mundo. Para que camiñen polos vieiros da xustiza, da solidariedade e do ben común das persoas. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos máis necesitados, polos que pasan fame, polos forasteiros, polos enfermos, polos presos. Para que poidan experimentar o amor do reino de Deus a través das nosas boas obras. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Por todos nós. Para que a Eucaristía que estamos a celebrar nos axude a vivirmos a cotío máis unidos a Xesús Cristo e ós nosos próximos para formarmos así entre todos o verdadeiro reino de Deus. 
TODOS: VEÑA O TEU REINO.

Pedímoscho a ti, Pai noso, por medio de Xesús Cristo, Rei do Universo. AMÉN.
                                                                                  
Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN:
http://www.gruposdejesus.com/solemnidade-cristo-rei-c-lucas-2335-43/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/11/20-de-novembro-domingo-34-do-tempo.html


No hay comentarios:

Publicar un comentario