Ficha e Lectio: Domingo 32 de ORD C
FICHA ADAPTADA DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
DOMINGO
XXXII do T. O.
(Ano C: 6 de novembro de
2016)
O
contido básico da primeira lectura do Antigo Testamento xunto co núcleo do
evanxeo convídannos a renovármonos na nosa fe na Resurrección. Nesta nosa
resurrección que é consecuencia inmediata da de Xesús, Fillo de Deus e irmán
maior noso, pertencente á nosa propia estirpe humana. Pois ben, no libro dos
Macabeos vai aparecendo xa a fe na Resurrección en relación co feito fundamental de que Deus fixo todo da nada. Se Deus é capaz de crear todo, terá igual poder
tamén para refacer o que desaparece coa morte, sobre todo cando esa morte é
indebida ou inxusta, tal coma aparece
no relato sobre os Macabeos. “De Deus
recibín este meus membros...; espero recibilos del novamente”: é o que lles
di o terceiro dos sete irmáns ós torturadores.
É esta fe na resurrección
futura a que lles dá azos e esperanza ós mártires macabeos. Pódese aceptar a
morte con tranquilidade “cando –tal como dirá pola súa parte o cuarto dos
irmáns- se espera resucitar para a vida”.
Mais esta nacente ou xerminal conciencia
da resurrección, que se albisca xa dalgún modo nos tempos do Antigo Testamento,
vai acadar novo pulo co Novo Testamento, coa presenza, o actuar e a clara
mensaxe de Xesús. Segundo a mensaxe de Xesús, a nosa vida vaise transformando
continuamente, de maneira máis rechamante coa nosa morte, pero esa nosa vida
non cesa, non rematará endexamais. Cando Deus nos fai partícipes da súa propia
vida, dánola á súa grandiosa maneira, é dicir, xenerosamente, e en definitiva e
estritamente sen data de caducidade.
Vemos no relato do evanxeo
como, fronte ós saduceos (que, á diferenza dos fariseos, non crían na
resurrección dos mortos) Xesús sostén decididamente a resurrección dos mortos.
En contraste cun certo comportamento ou modo de pensar que podería quedar
reducido a un simple e ambiguo sentimentalismo en relación cos defuntos, Xesús
dinos claramente: “Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos. Para el todos están vivos”.
En moitas culturas, tamén e de
maneira especial na nosa galega, os ritos e lembranzas en relación cos defuntos
teñen moita presenza pública e de moi diversas maneiras. Hai poucos días aínda,
co comezo mesmo deste mes de santos, familiares ou amigos dos nosos defuntos
acudían con flores a visitalos, honralos e lembralos.
Fronte a este comprensible e
normal comportamento noso, a actitude de Xesús en relación cos defuntos, cos
que xa nos abandonaron, non se parece moito a este noso modo de proceder,
chamándonos por iso non pouco a atención. Mais isto débese a que Xesús se
presenta ante nós como o anunciador e proclamador da vida, desa vida que Deus
nos dá e que non nos vai retirar nunca máis. En consecuencia, para o Deus
anunciado por Xesús os mortos en realidade non son tales. Para Deus non hai,
pois, mortos, senón que -tal como se nos di no evanxeo de Lucas- para el “todos
están vivos”. Os que vivimos porque estamos vivos, e os que nos deixaron porque
están a vivir ou seguen a estar vivos dunha forma distinta, mais real, por
inconcibíbel que isto sexa para nós. “Deixade que os mortos enterren os seus
mortos”, proclamaba tamén Xesús noutro contexto, intentando alí pór de relevo a
importancia e a urxencia do anuncio da vida.
En realidade, se Deus é un
Deus vivo, que existe e vive desde sempre e vivirá para sempre e que é o facedor
da nosa vida, entón a que nós normalmente entendemos por morte non ten propiamente
que ver con el. Por iso a morte, co peso e a carga que nós lle adoitamos dar,
non ten para Xesús tal categoría. En consecuencia, e en última instancia, a
morte, a nosa morte, non pode ser senón un episodio transitorio (por estraño,
doloroso e sorprendente que sexa) no interior dun proceso que está totalmente
mergullado na vida, nese mar infinito de vida, que é Deus mesmo, no que –como
nos di o Apóstolo Paulo- nós mesmos “vivimos, nos movemos e existimos”.
Entendida deste xeito a morte,
cómpre aínda engadir que pola nosa parte estariamos de feito a crer nun “Deus
do mortos” (nun deus rexeitado por Xesús) cando non anunciamos a vida e
traballamos por ela en tódalas súas formas; cando non procuramos o ben, o
progreso, a xustiza, a misericordia; cando non loitamos a prol de que todos
sexan respectados nos seus dereitos; cando non damos azos e alento ós que o
demandan e esperan de nós; cando non lles ofrecemos ós demais a posibilidade de
participar no gran don recibido de Deus, a nosa fe, esperanza e caridade; cando
nos pechamos nos nosos particulares intereses e egoísmos, coidando que así
conservaremos máis a nosa vida, sendo así que a vida propia é máis vida cando dela
facemos participar ós demais... Da mesma maneira que o lume é máis lume canto
máis se estende.
Mais ¿por que Deus non é un
Deus de mortos, senón de vivos”? ¿Por que “para
Deus todos están vivos”? A resposta, paréceme, podería ser esta: PORQUE
DEUS É AMOR (tal como repetía Xoán), PORQUE DEUS NOS QUERE, PORQUE DEUS NOS
AMA, E DE VERDADE.
Neste sentido, escribiu
algunha vez un gran pensador: “Amar a
alguén é dicirlle: ti non morrerás endexamais”. Todos temos algo de
experiencia disto. E se non, pensade un momento nalgunha ou nalgún a quen
queirades moito. Se no noso poder estivese, non permitiriamos en modo algún que
esa persoa morrese. Pois ben, Deus quérenos
e ámanos de verdade. Quere, en consecuencia, a nosa vida, e ten ademais poder absoluto para conservala e aumentala.
Nisto radica en realidade a “resurrección” que Deus nos anuncia e promete en
Xesús. Porque Deus nos ama de verdade e porque ten poder para facernos vivir
sempre, por iso pode resucitarnos e quere resucitarnos tras esa estraña, fonda e
ardua transformación nosa que chamamos morte.
Porque, ademais,
efectivamente, da nosa propia morte nin temos conciencia agora nin a teremos cando
nos chegue. Xa o adiviñaron algúns antigos filósofos cando dicían que non é posíbel
experimentar iso que chamamos morte, pois cando ela está –dicían- non estou eu,
e cando estou eu ela aínda non está. Por iso sostiñan eles que non deberiamos
ter medo algún a encontrarnos coa morte, porque tal encontro non ocorrerá nunca.
Total, que o noso é vivir, vivir sempre. Sobre todo se cremos, máis alá do que
digan ou sospeiten os filósofos, na boa e alegre nova de Xesús: a resurrección.
Neste sentido, e finalmente, como
toda Eucaristía é lembranza viva da Resurrección de Xesús e polo tanto tamén da
nosa, agradezámoslle a Deus Pai a vida que nos deu, que nos dá e que nos
promete para sempre. E animémonos tamén mutuamente a comunicarmos ós demais esta
gran “boa nova” que nos debería encher de alegría.
ORACIÓN DOS FIEIS
Presentámoslle a Deus Pai,
Deus de amor e de vida, a nosa oración, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
-Fai, Pai, que saibamos
manifestar a todos que ti es un “Deus de vivos e non de mortos”.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
-Dános, Pai, a túa graza para
buscarmos sempre o ben e traballarmos por crear relacións xustas e fraternas.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
-Concédelles, Pai, ós nosos
defuntos a plenitude da vida definitiva.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario