9 nov. 2016

Ficha e Lectio - Domingo 33 Ordinario C






LECTIO: 
DOMINGO XXXIII  T. O.
(Ano C: 13 de novembro 2016)

            Imos facer unha sinxela e breve reflexión sobre a Segunda Lectura, é dicir, sobre uns parágrafos da segunda carta de Paulo ós Tesalonicenses.
            As palabras de Paulo son unha loa do “traballo”, da necesidade de activar e realizar na vida normal as calidades e os dons que cada un de nós poidamos ter ó servizo da vinda onda nós do reino de Deus. Todo isto ten que ver con aquela petición que Xesús nos aprendeu a dirixir ó noso Pai do ceo: “Veña a nós o teu reino”. Tamén con aquela outra parábola tan coñecida do evanxeo que ten como cerna fundamental a de facer frutificar na nosa vida os talentos, poucos ou moitos, que cada quen teñamos recibido de Deus.
Pois ben, Paulo ponse a si mesmo como exemplo, ante os destinatarios da súa carta, de que ninguén debería dispensarse a si mesmo de traballar, se é que quere vivir e comer o seu pan sen remordementos. Por máis que por outros títulos, como o de ser mensaxeiro e comunicador da boa nova de Xesús ante pobos e xentes, podería dalgunha maneira considerarse Paulo dispensado da común e xeral tarefa do traballo. Mais non. Dinos el mesmo que traballa esforzadamente noite e día para non ser carga para ninguén. Tendo en conta, como digo, que Paulo estaba ó tempo a realizar un grande esforzo persoal no anuncio do evanxeo a persoas e comunidades.
Hai tamén na carta de Paulo unha crítica na liña da que nós mesmos adoitamos dirixir contra aqueles que, tal como adoitamos dicir, nin fan nin deixan facer. Tampouco Paulo ve con bos ollos os que, tal como di, “por riba de non traballaren nada, se entremeten nas cousas dos demais”. Se na oración do “Noso Pai” lle pedimos a Deus Pai que nos dea “o noso pan de cada día”, iso quere dicir tamén que “cada día” teremos que traballar tamén para que o pan non chegue á nosa boca sen o noso traballo. Paulo é ben claro: “o que non queira traballar, que tampouco coma”.
A expresión “cada día” ten a súa importancia, porque non nos deixa deitarnos tranquilamente na cama do pasado nin andar perdendo o tempo dedicados a soños vans sobre un futuro que se nos escapa. O que Paulo quere é que vivamos intensamente o tempo presente, traballando e actuando para non sermos indignos do pan que cada día necesitamos e que doutro xeito llo roubariamos dalgunha maneira ós que o merecen e precisan máis ca nós.
Paulo rexeita neste sentido dedicármonos a simples discursos ou divagacións sobre o futuro, un tempo que está lonxe do aquí e agora e que polo tanto non está nas nosas mans. Descoidamos así a obriga de realizarmos na nosa vida a parte de traballo que nos toca facer, segundo as forzas e posibilidades de cadaquén.
            Agora ben, o traballo propio é para Paulo unha actividade que está en relación directa co ben dos demais, coa xustiza. Pois quen non traballa vive e come en realidade, aínda que non o crea, a custa dos demais. Aprovéitase de feito, directa ou indirectamente, do traballo dos outros. Paulo dío sen contemplacións na súa carta: “O que non queira traballar, que tampouco coma”. É preciso “traballar con acougo para comer o propio pan”.
            Esta é a maneira de completarmos en nós e no mundo a obra que Deus comezou e da que el quere que sexamos nós os continuadores. O Deus “creador” fíxonos, en canto creados á imaxe e semellanza del, en certo modo como “creadores”. De xeito que podemos dicir con verdade que fomos e somos “creados”, mais que tamén somos “co-creadores”.
            As cousas e as persoas que Deus fixo e continúa a soster na súa existencia foron, polo tanto, feitas de tal maneira que precisan completarse a si mesmas co traballo, coa dedicación e co agarimo de todos nós. Por iso tampouco nacemos totalmente feitos, adultos, acabados, senón cativos e necesitados da axuda e do colo de pais e nais ou de calquera que nos aloumiñe.
            De todos modos, seguramente estaredes a pensar que, polo menos hoxe en día, en tempos ben aireados e comentados de crise económica global, o problema non consiste tanto -tal como á primeira vista semella desprenderse da carta de Paulo- en que a xente “non queira traballar”, senón en que moitos non poden traballar, non atopan traballo aínda que o buscan. Outros vense na obriga de buscalo lonxe da súa terra, da súa familia ou do seu propio contorno cultural. Emigrantes foron moitos da nosa terra en tempos pasados e volven non poucos selo de novo agora. Se o porto de Vigo, ben achegado a nós, presenciou mudo e impotente en tempos pasados moitas e dolorosas despedidas, hoxe –é verdade- fanse estas despedidas de maneira máis discreta e menos notoria ou pública; mais son ben reais, aínda que non sexan polo menos tan tráxicas e crueis coma noutros tempos.
            Con todo, coido que Paulo segue aínda a ter razón hoxe en día. Porque, segundo as análises de diversos entendidos, moito da prolongada crise actual semella ter en boa parte a súa orixe en xentes poderosas que utilizan o diñeiro que co seu honrado traballo adquiriron outros, co fin de acadar para elas desproporcionados beneficios. E, se iso fose así, segue a ser actual para eles a sentencia de Paulo: “O que non queira traballar, que tampouco coma”. Porque hai que recoñecer que o que tales xentes fan non é “traballar”, senón xogar de maneira inxusta e irresponsábel co que é propiedade doutros.
            En calquera caso, se somos fillos dun mesmo Pai -tal como confesamos ó recitarmos conxuntamente o “Noso Pai que estás no ceo”-, temos que axudarnos uns a outros, consumindo menos e vivindo con sobriedade, para podermos así ter todos unha vida digna. E temos tamén que nos ocupar, individual, social e politicamente, de que a xustiza e a igualdade reinen no mundo enteiro, comezando polo pequeno mundo onde, aquí e agora, vivimos. Unha xustiza que non debería limitarse ás persoas, senón abranguer tamén a creación toda, que deberiamos respectar e protexer como algo que foi confiada á nosa responsabilidade.
            Só quero engadir finalmente que tanto a loanza que fai Paulo do “traballo” como a necesidade de “orar” sempre, da que tantas veces se nos fala no evanxeo, están ben sintetizadas no coñecido lema dos monxes bieitos: “Ora et labora” (“reza e traballa”).
            Loitemos, traballemos e oremos, pois, para que cada persoa poida acceder a un traballo digno e así poidamos converter en realidade aquilo que dicimos na nosa comunitaria oración do “Noso Pai”: “Dános hoxe o noso pan de cada día”.

ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a nosa oración a Deus Pai, para que nos converta en fieis fillos seus, agradecidos, dilixentes e atentos ás necesidades dos demais, dicindo: ESCÓITANOS, PAI. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

- Dános, Pai, espírito activo e traballador, respondendo así cada un de nós dilixentemente ós dons e calidades que ti nos outorgaches. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, espírito xeneroso e desprendido para preocupármonos por axudar a cantos se atopan desposuídos dos bens que precisan para viviren dignamente. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Ilumina, Pai, gobernantes e responsábeis sociais dos diversos países para que saiban atopar solucións axeitadas para cantos están sen traballo. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
           
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

                                                                                       
       Manuel Cabada Castro

VER MÁIS: 



No hay comentarios:

Publicar un comentario