VIXILIA PASCUAL E DOMINGO DE PASCUA


LEMBRADE QUE TEDES TAMÉN MONICIÓNS AQUÍ:


E a cruz fíxose vida,
e a vida camiñou con nós

TRAEDE PARA QUEN ESCOITE PALABRAS DE LUZ

            Comezamos, coa calma que nos trae Xesús, e coa présa de converter en acción a súa mensaxe. Calma e présa, dúas palabras que parecen contrarias, e que esta noite se unen para dicirnos que o camiño da pascua hai que ilo facendo de xeito persoal, pensando cada un dos pasos que imos dando; pero tamén coa presa á que nos move a mensaxe que El nos deixou. Unha mensaxe que non se queda no repetir o que desde sempre viñemos facendo, senón que pide ser actualizada cada día. Porque cada día é diferente: unha nova experiencia vivida, aquela persoa coa que atopamos, o veciño que necesitaba que alguén o escoitara, o compañeiro de traballo que nos contou por que chegaba sempre triste e enfadado, o/a... e en cada unha desas situacións novas vaise facendo presente Xesús, o Resucitado para , a través de nós, ir poñendo sorrisos, esperanzas, palabras de ánimo, aloumiños... nos corazóns e nas vidas de todo aquel ao que lle falten.
E este estar, acompañar e aconsellar ha facerse coa lentura de quen ten dedicado tempo a remoer a forza da Palabra que nos foi chegando a través da Biblia; pero desde a présa de quen non está disposto a que esta esperanza nova e revolucionaria que nos chama a cambiar os corazóns, a gardemos por máis tempo só para nós.
Comecemos logo esta celebración, sen présa, pero sen pausa, porque o anuncio de Cristo ben merece a nosa alegría e a nosa esperanza, ofrecidas ao irmán triste e desacougad@.


1.- Liturxia da luz


No paso da morte a vida de Xesús estabamos tod@s presentes, os daquel tempo e os de hoxe. Neste paso queremos expresar que a vida, sendo camiño sempre aberto, é unha aposta continua por non deixarse levar nin pola sensación de fracaso nin polo pesimismo. Que, a pesares da dor e tristura que moitas veces se fan compañeiras no noso camiño, non esquezamos que son moitos máis os momentos de ledicia, esperanza e fraternidade, compartidos no ámbito familiar, nas nosas relacións cos veciños ou no tempo disfrutado á carón dos amigos. Todas estas experiencias de luz queremos agora bendicilas coa claridade de quen viu ao mundo coa misión de facer del berce e colo cheos de amor.

A)     Bendición do lume

Señor:
por medio do teu Fillo Xesús,
déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume.
Neles estás Ti coma principio e orixe de todo.
Coa presenza dos membros da nosa comunidade,
queremos bendicilos +,
para que sexan verdadeiro signo
de transformación renovadora das nosas vidas,
e que a pascua que agora comeza
prenda en cada un de nós
para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome,
a tantos irmáns e irmás que agardan de nós
a aperta solidaria do teu amor. P.X.N.S. Amén.




B) Logo da bendición do lume, acénsese nel o cirio pascual. 
Mentres acendemos, cantamos LUMIÑO DE LÚA CLARA

(Unhas poucas persoas acenden as súas candeas no cirio, e despois van acendendo coa súa candea as dos demais, ata telas todas acendidas. Se hai bautizos, é neste momento no que aos pais e padriños (que xa acenderon do cirio a candea), se lles pregunta polo nome d@ nen@ que presentan á Igrexa, e pola súa intención estando alí. A partires dese momento, comezamos a procesión cara á Igrexa.

C) Procesión e canto: 

D)   Pregón pascual 
(con todas as luces apagadas, só mantemos prendidas a luz do cirio e as das nosas candeas)

HOXE É A NOITE DA RESURRECCIÓN E DA VIDA!

Naquela noite que se abría ao amencer
a voz pregunta unha e outra vez:
cando será de día?,
cando desaparecerá a tebra?
E atopou a vida,
por iso non podemos calar, e unímonos para dicir:

O SEÑOR RESUCITOU, TAMÉN NÓS RESUCITAMOS!

O profeta non atopaba palabras
que puideran dinamizar a esperanza dos seres humanos
e volvía preguntar:
canto queda de frío e de noite, de soidade, fracaso e morte?.
O que trouxo a vida.

Por iso dicimos xunt@s:

O SEÑOR RESUCITOU, TAMÉN NÓS RESUCITAMOS!

Pouco a pouco o frío da noite deixounos,
e chegou o tempero da acollida,
o perdón, a misericordia, a fraternidade e a paz.
Deus aliouse con nós.
Fíxonos o seu pobo, e non cansamos de dicir:

O SEÑOR RESUCITOU, TAMÉN NÓS RESUCITAMOS!

Busquemos logo esa paz, construamos misericordia,
Fagamos do amor camiño,
afastémonos da morte e da violencia.
Non calemos diante dos que trafican coa vida,
dos que venden a verdade,
dos que negan o alimento,
dos que gastan por gastar.
O noso berro, Señor, é forte ata á afonía
proclamando tod@s  xunt@s:

O SEÑOR RESUCITOU, TAMÉN NÓS RESUCITAMOS!

A tebra quedou atrás, algo novo comezou.
Alguén que chaman Xesús quixo ser uns mais de nós.
A vida está a xermolar, o camiño vaise abrindo,
a esperanza non se foi, a morte volveuse vida.
O medo quedou atrás, e nos volvemos dicir:

O SEÑOR RESUCITOU, TAMÉN NÓS RESUCITAMOS!


Cristo xa resucitou!
A terra berra contenta.
O aleluia chegou, o vello quedou atrás.
A morte xa foi vencida e a ledicia xa chegou.
Grazas, Señor, da vida;
Grazas pola ilusión que vas poñendo
día a día nos corazóns e na acción.
Que nunca teñamos medo, vergoña ou temor.
Cristo, o Señor da vida xunta mans e corazóns,
para que todos vaiamos polos vieiros
que vencen a mentira e a opresión.
Porque hoxe e noite de festa,
de vida e de perdón.
Que na túa misericordia nos abramos aos irmáns,
para sementar contigo froito de fraternidade,
onde agromen cada día forza e solidariedade;
onde xa quede atrás o que non nos fai medrar.

Aleluia, é a pascua; aleluia, non perdemos ao Señor, camiña ao noso lado termando sempre de nós.

(Acéndense as luces e cantamos/rezamos o GLORIA)




2.- Liturxia da Palabra




1.        PRIMEIRA LECTURA (Xén 1, 1-2, 2)


ORACIÓN: Pai, que pos diante de nós o mundo e nos convertes en señor@s de canto fixeches, aleda o noso esforzo por facer del a casa de tod@s, onde ninguén se poida sentir estraño e desprazado. P.X.N.S. Amén.

Salmo : Canto: Manda o teu Espírito






2   SEGUNDA LECTURA (Ex. 14, 15-15,1)


ORACIÓN: Tamén nós, Señor, temos desexado moitas veces saír de Exipto, é dicir, deixar atrás escravitudes que nos van atando e impedindo ser nós mesmos e verdadeiramente felices: unhas escravitudes do efémero que van esmorecendo e deixándonos no máis absoluto dos baleiros. P.X.N.S. Amén.



3  TERCEIRA LECTURA (Bar. 3, 9-15.32-4,4.)


ORACION: Señor, aquí estamos para responder á túa chamada. Puxeches nas nosas mans o mundo non para destruílo, senón para facer del casa común na que ninguén se sinta excluído. Que pouco caso che temos feito! Que sintamos o pulo da túa presenza para non deixar que o individualismo, a indiferenza e o esquecemento dos irmáns se convertan en pensamento e común para o noso actuar. P.X.N.S. Amén.

Salmo: Canto: 
As túas palabras, Señor, son espírito e vida


4  CUARTA LECTURA (Ez. 36, 16-28)


ORACION: Os nosos feitos son, Señor, o mellor dos criterios para medir a nosa coherencia e fidelidade a Ti. Pon nos nosos corazóns sementes que xermolen novos proxectos e ilusións que vaian facendo de nós corazóns compartidos e mans solidarias. P.X.N.S. Amén.

Salmo: Canto: 
Danos un corazón grande para amar




5  QUINTA LECTURA (Rom. 6, 3-11)


ORACION: O bautismo, Señor, fai que non poidamos ser outra cousa máis ca comunidade; pero moitas veces estas nosas comunidades esmorecen pola nosa pouca alegría e a nosa indiferenza. Que está incorporación á vida nova da graza e esperanza na que fomos incorporados o día do noso bautismo, saibamos mantela viva en cada momento da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

Salmo. Canto:
 Aleluia, aleluia, aleluia


6  EVANXEO (Mc. 16, 1-7)


PALABRA ENRAIZADA

·       Curar feridas e encher corazóns. Ao longo da coresma fomos construíndo, como sinal que nos axudase no noso camiño cara á pascua, unha cruz.  A cruz é o sinal que nos identifica aos cristiáns dun cabo ao outro do mundo. Nela o brazo vertical quere mostrarnos que na encarnación, Deus faise un de nós, relíganos con El, establecendo unha relación Pai – Fillos que nos acolle, dignifica e fai participar da súa imaxe e semellanza. Somos Del, é El é dos nosos. Por outra banda, o brazo horizontal quere facernos tomar conciencia de que as persoas, os seres humanos, non nos poden resultar indiferentes. Nun mundo de invisibilidade, descarte e indiferenza, esta noite de pascua, desde a cruz, invítanos a poñernos nun camiño novo, distinto. A moita distancia do que son as modas na sociedade que entre tod@s conformamos –si, tamén nós temos responsabilidade do que pasa cada día-. Este camiño que nos propón Xesús, e que segue a ter vixencia a pesares de ter pasado dous mil anos, é revolucionario e vai contracorrente das modas e poderes. É verdade que para moitos non significa nada, para outros é irrelevante e coma tal lle dan as costas, pero para nós non debera ser así. É un camiño de esperanza, activo, sempre novo e co centro no respecto e dignidade que temos tódalas persoas, sen exclusións. Por iso, nesta noite de luz e esperanza, os cristiáns seguimos loitando e defendendo a vida. Toda vida. Por cada unha delas fíxose un de nós, e esta noite celebramos a súa novidade, e a súa urxencia para defendela. Que celebrariamos se non fose así?

3.- Liturxia bautismal



MONICIÓN

A auga, é sinal de vida, de purificación, de limpeza. Neste momento da celebración comezamos invocamos aos santos, testemuñas de xenerosidade e exemplo de entrega misericordiosa aos demais; e bendicimos a auga que levaremos para as nosas casas e que nos lembrará que como bautizados fomos incorporados, non á morte, senón á vida nova inaugurada en Cristo.

A)LADAÍÑAS

v Señor, ten piedade.
v Cristo, ten piedade.
v Señor, ten piedade.
v Xesús, Salvador e vida do xénero humano, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Santa María, Nai de Deus, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Miguel, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Xosé, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Pedro, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Paulo, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Francisco de Asís, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Santa Clara, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Andrés, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Breixo, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Santa María Magdalena, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Mamede, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v S.Fins, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Bieito, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Xoán Bautista, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Simón, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Adrián, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Mateu ,FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Rosendo, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Froilán, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Martiño, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Ignacio, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Santa Tareixa de Ávila, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Bieito, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Santa Catarina de Siena, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v San Xoán XXIII, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Santa Tareixa de Calcuta, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Óscar Romero, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Dom Helder Cámara,Bispo do pobres FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Ghandi, Luther King e demais testemuñas de paz e amor, FACEDE LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN
v Tódolos homes e mulleres de ben, FACEDE LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Pola túa morte e resurrección, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.
v Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, FAI LATEXAR DE ESPERANZA O NOSO CORAZÓN.

(Se hai bautizos)

v Para que o bautismo incorpore a estes fillos teus na comunidade,ALENTA O SEU CORAZÓN.
v Para que a auga do bautismo sexa para eles símbolo de nova vida,ALENTA O SEU CORAZÓN.
v Xesús, Fillo de Deus e amigo de tod@s, ALENTA O NOSO CORAZÓN.

Que a túa presenza nos acompañe, Deus de vida e luz. Que o Espírito se faga presente nas nosas tarefas para alentalas e acompañalas. Que a túa man acompañe a acción das persoas que sentimos a ledicia do Evanxeo construíndo unha Igrexa fraterna e misericordiosa. P.X.N.S. Amén.


B)             BENDICIÓN DA AUGA (e inmersión do cirio na pía bautismal)

Señor da creación e do amor, que nos dás a auga da vida, e nos ofreces o bautismo como porta de entrada na comunidade cristiá, acompaña este momento no que reunidos no teu nome queremos facer da auga sinal da túa presenza.
Señor da creación e do amor, que nos dás a auga da vida, para lembrarnos que a través dela a forza do Espírito camiña sempre con nós.
Señor da creación e do amor, que nos dás a auga da vida, que nos ofreces en Cristo unha nova creación na que deixemos atrás a angustia, o enfrontamento e as ansias de dominio duns para cos outros.
Mira, Pai, esta comunidade que hoxe quere renovarse coa forza da oración, e abre para ela a fonte do bautismo. Para que esta auga reciba , polo Espírito Santo, a graza do teu Fillo, de xeito que aqueles que creaches á túa imaxe e semellanza, polo bautismo morramos ao vello que levamos en nós e renazamos á luz dunha nova humanidade inaugurada en Xesús e plenificada na súa pascua.
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporados a Cristo, camiñemos cara á vida nova en esperanza. P.X.N.S. Amén.



C)      RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:

v Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. 
Si, estou dispost@.
v Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. 
Si, estou dispost@.
v Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?.
 Si, estou dispost@.
v Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. 
Si, creo.
v Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. 
Si, creo.
v Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexacomunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. 
Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós a lento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
(Agora tod@ nós recibimos a aspersión coa auga bendicida, que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)

Canto: A auga do Señor, cambioume o corazón

FRATERNIDADE ORANTE
Nesta noite de comuñón e encontro, na que a luz de Cristo se nos mostra como vida, queremos, Señor, dicirche xunt@s:
BENDITO TI, XESÚS RESUCITADO
ü Grazas, Señor, por ofrecernos este espazo de encontro, oración e festa, que en toda a Igrexa universal, celebramos hoxe con ledicia e esperanza, OREMOS.
BENDITO TI, XESÚS RESUCITADO
ü Grazas, Señor, porque nesta noite de auga e luz chámasnos a facer da nosa vida un camiño de encontro, solidariedade e misericordia, OREMOS
BENDITO TI, XESÚS RESUCITADO
ü Grazas, Señor, porque a Palabra proclamada quere remoer o noso corazón para que a pedra na que ás veces se ten convertido, se transforme en latexo fraterno, liberador e disposto a acompañar a quen se atopa só ou esquecido, OREMOS
BENDITO TI, XESÚS RESUCITADO
ü Grazas, Señor, porque a pesares da dureza da crise, segues a espertar en nós o compromiso por non deixar que a dignidade e o respecto que nos merece cada persoa, sexan utilizados polos que teñen o poder para reducirnos a simples números ou datos estatísticos, OREMOS
BENDITO TI, XESÚS RESUCITADO
Grazas, Señor, por esta noite de luz, vida e esperanza. Que a forza da Palabra proclamada e compartida, faga que non esquezamos que a fe supón sempre achega e preocupación polos irm@ns, e non costume nin tradición baleira. P.X.N.S. Amén.

4.- Liturxia da Eucaristía


MIRADA ESPERANZADA

A QUÉN BUSCAS?

Por que choras no horto?
A quen buscas?
"Ao meu amado".
Buscando ao que estaba morto
atopei ao resucitado.
Quedei só buscando, dábame ás o amor,
e cando estaba chorando,
viu ao meu encontro o Señor.

Vin a Xesús resucitado,
que era o xardineiro;
chamoume polo meu nome,
de primeiras non souben que era El.


(Himno de Laudes)


·         Ofertorio: Sementar sementarei
·         Santo: Santo es Ti Señor da vida
·         Noso Pai: No camiño do amor
·         Paz: Que veña a paz / Misioneiro
·         Comuñón: Grazas, Señor, graciñas
·         Canto final á Virxe: Boas noites




Comentarios

Publicacións populares