Domingo 3 de Pascua B

3º DOMINGO DE PASCUA   -   CICLO B


Primeira Lectura      Feit 3, 13-15. 17-19
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Matastes o autor da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos
  
            Naqueles días, díxolle Pedro ao pobo:
            O Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob, o Deus de nosos pais, glorificou ao seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade.
            Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un asasino, mentres que matastes o dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas.
            Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades; pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados.

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 4, 2. 4. 7. 9
 R/. (7a): Fai brillar sobre nós, Señor, a luz do teu rostro.
Ou: Aleluia.

Cando te invoco, respóndeme,
meu Deus, meu defensor;
na estreiteza ti déchesme fartura;
apiádate de min e escoita a miña oración.

Recoñecede que o Señor enalteceu o seu amigo,
que o Señor me responde cando o chamo.

Moitos din: "Quen nos amosará a felicidade,
se fuxiu de nós, Señor, a luz do teu rostro?"

Déitome en paz e logo adormezo,
porque só ti, Señor, me dás seguridade.



Segunda Lectura     1 Xn 2, 1-5a
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
El é propiciación polos nosos pecados e polos de todo o mundo
  
            Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xusto. El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos, senón tamén os de todo o mundo.
            Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos. O que di: "Eu coñézoo" pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada.
            Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ao máximo.

  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Lc 24, 32
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón mentres nos falas.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 24, 35-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Tal está escrito, que Cristo ha padecer e resucitar de entre os mortos ao terceiro día
  
            Naquel tempo, os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
            Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
            ‑ A paz sexa convosco!
            Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
            ‑ Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
            E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
            ‑ Tedes por aí algo que comer?
            Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
            ‑ A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
            E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu: 
            ‑ Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.

  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo





 PAZ: ALGO MÁIS QUE UNHA PALABRA BONITA
3º Pascua 2015  B

ESCOITA ACTIVA
Porque é posible cambiar as cousas e non estancarse no mesmo de sempre, Pascua quere ser unha invitación a non esquecer esta grande mensaxe. Vexamos as cousas con ollos novos! Deixemos atrás as nosas tristuras! Poñámonos a andar! Non teñamos medo. Coma os de Emaús, que tamén nós o poidamos recoñecer ao partir o pan.
Que a celebración que agora comezamos sexa para nós alento e forza para no noso camiñar cotián.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Cando nos sentimos pobres, e esperamos en Ti, SEÑOR, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.
û  Cando buscamos a verdade e non calamos diante das inxustizas, CRISTO, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.
û  Cando, dende a humildade e a sinxeleza, ofrecemos a nosa vida, SEÑOR, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.


PALABRA ENRAIZADA
o   Un Deus humano:  Moitas persoas tenden a clasificar coma ilusorios, irreais e pantasmais os contidos da fe. Para elas, Xesús Resucitado nada ten que ver coa esfera da realidade. Porén, a fe cristiá que nace da resurrección é profundamente realista e nada ten que ver con outras opcións que parecen esquecerse da realidade. Lucas insiste en que Xesús Resucitado non é unha pantasma, indicando fisicamente que vive e que toda a súa persoa resucitou; que non é unha simple lembranza ou idea, senón o mesmo de sempre. É inútil querer experimentar a resurrección ou recoñecer ao Resucitado se non somos quen de contemplar as súas chagas, se non somos quen de compartir o que temos para comer (pan, peixe....) con quen nolo pide. Cada vez que se xunta a comunidade, cada vez que se proclama a Palabra, cada vez que un pobo traballa pola súa liberación, cada vez que compartimos cartos, alimentos, comida, tempo; cada vez que abrimos unha nova fiestra ao futuro; cada vez que superamos o medo, cada vez que somos testemuñas... aparece Xesús Resucitado, vivo. El está na humanidade doente que busca nova vida, na comunidade crente que escoita as Escrituras, no banquete dos que comparten o que teñen para comer e vivir.
 
o   Que trae a paz: O seu saúdo é un saúdo de paz, que encerra unha declaración de intencións: nin é nin nos quere violentos, enfrontados, egoístas, cheos de envexa... nin tampouco cheos de medo. Fronte dos discípulos, temerosos, o Resucitado danos un exemplo de entrega, decisión e superación de dificultades.

o   Que vén ao noso encontro: Xesús escóllenos, chámanos, envíanos...Quere que sexamos testemuñas da Boa Nova: da paz, da vida, do compartir, da conversión, do perdón, da verdade...e que isto llo anunciemos a todas as persoas e en todos os lugares. Podemos ver ao Resucitado no descoñecido, no camiñante, no peregrino, no próximo.... A que esperamos?.


FRATERNIDADE ORANTE
Diante túa, Señor, que te fas presente ao partir o pan e na comunidade reunida, presentamos agora a nosa oración comunitaria dicindo:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO

*    Pola Igrexa, para que mostremos a Xesús Resucitado dende unha actitude de achegamento, diálogo e respecto, valorando sempre o positivo que todas as persoas temos, OREMOS:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO
*    Polas nosas comunidades, que sexamos persoas de paz, sementadoras de esperanza, unión e reconciliación para así sermos quen de mostrar o amor de Deus con palabras e con feitos cribles, e non con ritos superficiais e baleiros, OREMOS:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO
*    Por todos e todas nós, para que sexamos profetas de optimismo e de esperanza no medio dun mundo ferido de morte e desesperación, OREMOS:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO

Grazas, Señor, porque segues aparecendo nas nosa vidas e animando a nosa existencia coa túa vida e co teu espírito. PXNS. Amén


MIRADA DE ESPERANZA
Porque Cristo resucitou,
cremos na vida, para sempre.
Porque Cristo resucitou,
non cremos en morte ningunha para quen queira vivir.
Porque Cristo resucitou,
cremos nel.
Porque Cristo resucitou,
a forza do presente é o futuro.
Porque Cristo resucitou,
o mundo está en marcha
e non o pararán os intereses dos vencedores.
Porque Cristo resucitou
temos que construír unha cidade sen clases,
na que as persoas sexamos compañeiras e irmás.
Porque Cristo resucitou,
hai un amor e unha casa para todos.
Porque Cristo resucitou,
cremos nunha terra nova.
...E, porque cremos e esperamos,
non temos nada que conservar;
e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo
é perdelo todo por unha soa causa.

CANTO GOZOSO
Odres Nuevos Evangelio 19 abril 2015 colorENTRADA: 
Que ledos hoxe estamos
LECTURAS:
Xesús é Señor
OFERTORIO: 
No colo de miña nai
COMUÑÓN: 
Pan do ceo

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares