Domingo 4 de Pascua B - O Bo Pastor

4º DOMINGO DE PASCUA  -  CICLO B


Primeira Lectura     Feit 4, 8-12
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
En ningún outro hai salvación

            Naqueles días, Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles:
            ‑ Xefes do pobo e anciáns, xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós.
            El é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal. En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado aos homes, no que nos poidamos salvar.

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 117, 1 e 8-9. 21-23. 26 e 28cd e 29
R/.  (22):         A pedra que os canteiros desbotaran,
                        esa mesma converteuse en esquinal.
Ou:  Aleluia.

Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Máis vale abeirarse no Señor
que fiarse dos homes.
Máis vale abeirarse no Señor
que fiarse dos grandes.

Douche  grazas porque me escoitaches,
por teres sido a miña salvación.
A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.

Bendito o que vén no nome do Señor:
desde a casa do Señor bendicímosvos.
Ti es o meu Deus, veño darche  grazas;
meu Deus, veño enxalzarte.
Loade o Señor, porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.


Segunda Lectura    1 Xn 3, 1-2
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Veremos a Deus tal como é
  
            Meus amigos:
            Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade.
            Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El.
            Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 10, 11-18
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
O bo pastor dá a súa vida polas ovellas

             Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            - Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas.
            O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.
            Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas téñoas que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.
            Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



A IMPORTANCIA DE NON REXEITAR: NIN O MOITO É VALIOSO NIN O POUCO É DESPREZABLE. COÑECER PARA ESCOLLER



POWER POINTS

CANTO GOZOSO
§  ENTRADA:  
§  LECTURAS: 
§  OFERTORIO: 
§  COMUÑÓN: 


ESCOITA ACTIVA
Boas días. Rezaremos no salmo responsorial que a pedra que desbotaron os canteiros, é agora a esquinal sobre a que se sostén a construción. Canta razón!. Si, porque moitas veces o que facemos é rexeitar o que a primeira vista nos puidera parecer pequeno e sen valor, volvéndonos tolos coas cousas voluminosas, grandes e aparentemente máis valiosas. Pero só aparentemente, porque logo, cando as abrimos e as coñecemos, dámonos conta de que non valen nada. Deste mesmo xeito actuamos tamén en relación coas persoas. As que aparecen nos medios de comunicación, as que pensamos que teñen cartos, poder, ou as que máis se fan ver, coidamos que son importantes e temos que arrimarnos a elas. Que grande erro! Porque pode ocorrer que pasado o tempo vaiamos descubrindo que o que pensabamos que era dun xeito, acabe por mostrarse como realmente é: doutro totalmente distinto. E iso prodúcenos desilusión, desengano e tristura. Por iso as palabras do salmo son importantes, e queren facernos caer na conta, que non todo o que reluce é ouro.Que necesitamos valorar o que è pequeno, o aparentemente non importante, o que nin chama a atención nin busca honores. Porque aí, e só aí, poderemos atopar o rostro e a presenza do Resucitado. Que saibamos ser pedras vivas nunha Igrexa que nos necesita a tod0s/as e que non mira ao pasado con nostalxia, senón co agradecemento de que do mesmo xeito que houbo persoas que o deron todo para que nós o tiveramos mellor; agora tócanos a nós dalo todo para que os que veñan logo de nós poidan tamén sorrir e esperanzarse.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
ü Por caer na tentación de valorar só o grande, o aparente o que deslumbra, sen valorar que na sinxeleza e no servizo é onde estás ti, SEÑOR, QUE ASENTEMOS A VIDA EN TI.
ü Por non saber actuar con xenerosidade para cos demais, CRISTO, QUE ASENTEMOS A VIDA EN TI.
ü Porque nos tira máis achegarnos aos poderosos que deixarnos acompañar polos sinxelos, SEÑOR, QUE ASENTEMOS A VIDA EN TI.

PALABRA ENRAIZADA
Ø A pedra refugada é agora esquinal. Os paradoxos da vida lévannos a que moitas veces se teña dado o que nos dicían tanto a primeira lectura coma o salmo responsorial; é dicir, que aquilo ou a aqueles que temos refugado, rexeitado ou desprezado, pasado o tempo dámonos conta da súa importancia ou da súa necesidade. Non nos ten pasado iso moitas veces? Pois disto é do que hoxe nos fala a primeira lectura e máis o salmo: da necesidade de ir superando a tentación de arrimarnos aos que nun momento concreto están na cresta, dos que mandan e toman decisións. E ademais, de facelo sen reflexionar se o que están a facer é ou no correcto; se as decisións que toman son ou non xustas. Porque se caemos nas súas redes, e como todo isto –desenganémonos- é efémero, cando deixen de estar na cresta, arramplarán tamén con nós. E diremos: se eu soubera... pero xa será tarde. Para evitar iso a chamada que nos fai a lectura é a aprender a valorar o que cada un aporta, prestar atención a canto os demais din –sexan importantes ou non– recoñecer que a bondade e o exemplo das persoas non está nos focos do famoseo –político, relixioso, cultural...– senón no recoñecemento da igualdade e o respecto que nos debemos dar uns aos outros. Deste xeito non teremos que rexeitar a ninguén, e todos nos sentiremos pedras do esquinal sobre as que sustentar ese fermoso edificio que chamamos o noso mundo, a nosa sociedade. Sen deixar que sexan os poderosos os que secuestren a nosa capacidade de decisión.

Ø Chamounos fillos. Superar a tentación de idolatrar aos que, segundo os criterios que marcan outros de xeito interesado, son importantes, fainos persoas cos pés no chan e coa capacidade de poder mirarnos aos ollos uns aos outros sen medo nin complexo algún. E iso é así porque somos fillos/as e compartimos o mesmo Pai: Deus, que nos fai iguais desde o amor. Por iso podemos falar non de memoria e como palabra baleira, senón con convencemento e sabendo o que dicimos: que somos irmáns, e coma tal familia. Unha familia na que non todos temos por que pensar o mesmo e ter os mesmos criterios, pero si onde debemos querernos, axudarnos e loitar para que a dignidade, o respecto e a igualdade ninguén nola quite. E se se dese o caso de que pasase iso, non deixar de denunciar e esixir que a igualdade está por riba de actuacións interesadas e que buscan aproveitarse uns dos outros, especialmente dos máis débiles. Os fillos querémonos, axudámonos e sabemos estar cando se nos necesite, sen que iso supoña esixir que pensemos, digamos ou decidamos todos/as o mesmo. Somos libres e plurais porque así o quixo Deus.

Ø Coñézoas e coñécenme. A igualdade que compartimos no Pai Deus vai facendo que pouco a pouco tomemos conciencia de que temos moitas cousas en común. E a pouco que pensemos, estas serán moitas máis das que nos separen ou distancien a uns dos outros; o que producirá que cada vez máis nos vaiamos coñecendo, querendo e axudando. Sabendo que non estamos solos nesta tarefa, que alguén vai coidando e termando de nós sen deixarnos ao pairo: Xesús. O Pastor bo que non deixa que nos perdamos e que cando vén o lobo sabe facerlle fronte. Neste día do Bo Pastor, pidámoslle a Xesús que tamén nós saibamos coidar uns dos outros, non creando muros de separación entre nós, senón pontes que nos unan e posibiliten pasar por eles sen medo nin desconfianza. Só quen é capaz e de entendelo e ilo facendo posible responde ao que dixo El.Que en palabras moi comprensibles do Papa Franciso supón “cheirar a ovella”; é dicir, facer nosas, e sen prexuízos, as miserias, as dores, tamén a esperanzas e ilusións dos homes e mulleres do noso tempo. O exemplo do mellor dos pastores é para nós guieiro para poder ir camiñando.

FRATERNIDADE ORANTE
Compartamos agora a nosa oración comunitaria, poñendo nas mans de Deus a vida, os proxectos, as ilusións e tamén as esperanzas. Fagámolo dicindo xuntos:
PASTOR BO, AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA
·        Pola Igrexa, presente en  todo o mundo, para que acolla, valore e se axude das diferentes culturas para mostrar a ledicia do Evanxeo, e o transmita por medio de accións que poñan á persoa como centro de toda tarefa pastoral, OREMOS.
PASTOR BO, AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA
·        Polas nosas comunidades, para que teñamos sempre oídos atentos a canto nos di a Palabra de Deus, e a convertamos en accións que mostren a proximidade, o agarimo e a ledicia para coas persoas máis necesitadas e menos valoradas, OREMOS.
PASTOR BO, AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA
·        Polas persoas que, a pesares da incomprensión e, moitas veces, a ingratitude da maioría, non teñen nin medo nin vergoña a entregarse ao servizo de quen está falto de atención, e se sente abandonado de  todos.  Para  que Deus siga a alentar o seu traballo de servizalidade e entrega, OREMOS.
PASTOR BO, AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA
·        Polas persoas que con xenerosidade e ledicia, sen caer na tentación de ter cara de vinagre, loitan e se esforzan por facer presente a Xesús, Bo Pastor, co seu testemuño e a súa dispoñibilidade, OREMOS.
PASTOR BO, AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA
Neste dia do Bo Pastor, agradecemos, Señor, que sigas acompañando o noso esforzo de responder á túa invitación de non desprezar nin esquecer aos pequenos e descartados por parte do poderosos. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Eu sei
- di o Señor-,
que a misión é arriscada.
Son duros os traballos evanxélicos;
sementar boa semente en terra dura
e limpar os campos de espiños e silvas.
E os froitos, quen sabe?, tan poucos
e con eles, sempre mesturado o xoio.
É dura a tarefa: falar de Deus,
defender ás persoas pobres e oprimidas,
estar coas que perden, coas vítimas,
dicir non ás poderosas e violentas.
Riranse de nós os que mandan,
iran contra nós os que teñen!.
É dura a tarefa: continuar a obra do Señor,
ser testemuñas do evanxeo día a día
e encarnar as benaventuranzas
no noso corazón de pedra.
Por iso, eu estarei con vós,
-di o Señor-,
alentando a forza do Espírito,
e seredes as miñas testemuñas:
profetas, servidores e mártires.
Non se perderá a vosa semente, non;
nin quedará infecundo o voso sangue.
Veredes florecer a xustiza,
aínda que sexa inverno,
máis alá dos vosos soños.
Asegúrovolo.
É dura a tarefa que nos encomendaches, Señor.
Cumpre a túa palabra, non nos deixes a ermo.

Comentarios

Publicacións populares