Ficha e Lectio - Domingo 4 Pascua
Domingo do Bo Pastor
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO IV DE PASCUA
(Ano B: 26 abril 2015)
Estamos
en tempo pascual. Isto quere dicir tempo litúrxico de alegría, de resurrección,
de felicidade.
Existen
diversas enquisas e comentarios sobre que persoas semellan sentirse máis
felices na súa vida, na súa profesión. Chamoume a atención ler concretamente,
nalgún destes traballos, que en comparanza con outras profesións ou actividades
hai unha boa proporción de sacerdotes que se senten moi felices na súa
actividade. E a explicación que alí se dá é a de que a eles lles fai felices
axudar os demais. Isto viría darlle a razón ó coñecido dito de que é máis feliz
quen dá ca quen recibe.
Que
eu saiba, houbo ata este momento, hai xa varios anos, dous Congresos
Internacionais sobre o tema da Felicidade. No segundo e último ata agora, que
tivo lugar en Madrid, falaron, entre outros, un monxe budista, de orixe
francesa, que é considerado como o “home máis feliz do mundo”. Tamén falou nesa
reunión unha monxa contemplativa, que vive nun mosteiro de Manresa (en Cataluña).
As dúas persoas coincidían en que a felicidade, por moi persoal que sexa, non é
un asunto individual, senón comunitario, social, compartido. Non se pode ser
feliz pechándose un en si mesmo, na súa
propia pel coma quen di, pensando que desa maneira se vería libre un dos
perigos que ameazan a felicidade. Polo contrario, para ser feliz hai que saírse
máis ben do propio “eu”, do propio egoísmo, e dedicarse a facer ben ós demais, a
cantos poden precisar da axuda ou das atencións que un lles podería proporcionar.
A
monxa contemplativa, á que aludín, dicía por exemplo: “Calquera que ame e se
sente amado é feliz”.
Pois
ben, todo isto ten que ver con algo que é moi central na experiencia cristiá,
onde tan decisivo é o mandato do “amor”: do amor ó próximo. Por que é e debe
ser tan central isto no cristianismo? Pois porque Xesús foi iso: entrega total
e absoluta ós seus irmáns, homes e mulleres deste mundo, cos que no seu curto tempo
de vida se atopou. Foi desa maneira e non de outra como Deus quixo revelársenos
a si mesmo.
O
evanxeo de hoxe é un verdadeiro canto a este modo de se comportar. Xesús indica
acerca de si mesmo: “Eu son o bo pastor”. O acento hai que poñelo aquí nesas
dúas letras que forman a palabra “bo”. Porque ser “bo” pastor significa,
segundo o relato de Xoán, non pensar en si mesmo, nos seus propios intereses ou
ganancias, senón nas ovellas. Trátase dun pastor que arrisca a súa vida, se é
necesario, por salvar a vida das súas ovellas. Non polo interese que elas teñan
para el, senón por si mesmas, porque as quere, porque as coñece polo seu nome,
porque sabe cómo é cada unha delas e porque está moi ó tanto dos coidados que
precisan.
Non
é estraño neste sentido que o papa Francisco comentase algunha vez que os
evanxelizadores deberían ter “olor a ovella”. “A comunidade evanxelizadora
–dinos el- métese con obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica
distancias, abáixase ata a humillación se é necesario e asume a vida humana,
tocando a carne sufrinte de Cristo no pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor
a ovella’ e estas escoitan a súa voz”. Un “olor a ovella” que para Francisco vén
sendo o mesmo ca “olor a evanxeo”.
Pois
ben, no relato de Xoán están moi unidos coñecemento e amor. Non se pode amar
sen coñecer e non se pode coñecer sen amar. É un relato precioso este de Xoán. Mais
Xoán refire aquí o discurso de Xesús ós fariseos cunha fondura incríbel. Porque
o amor que o bo Pastor, é dicir Xesús, ten ás súas ovellas é un amor que ten
que ver co coñecemento e co amor cos que o Pai Deus e o seu Fillo Xesús se
coñecen e se aman mutuamente: “O Pai coñéceme a min e eu coñezo o Pai”. Este
amor ten que ver, polo tanto, coa mesma Trindade de Deus Pai, Deus Fillo e Deus
Espírito, que é o centro mesmo da nosa concepción cristiá de Deus.
Falamos
con frecuencia da gran felicidade que pode haber e hai en moitas familias: onde
pai e nai se queren mutuamente e queren tamén a seus fillos e estes lles queren
pola súa parte a seus pais. Agora ben, Deus non podería ser modelo e fonte
deste tipo de amor se el fose en si mesmo unha persoa pechada en si mesma e sen
posibilidade de se relacionar con ninguén igual a si mesmo. Por fortuna, Deus
non é así. O Deus que se nos revela por medio de Xesús é un Deus
misteriosamente un e trino: poderiamos dicir unha verdadeira familia, a familia
primordial da que procede toda familia humana e todo amor sobre a terra.
Mais
case o máis grande é aínda o seguinte. Todos nós, toda a humanidade, estamos
chamados a formar parte desta primeira e felicísima familia divina do Pai, do
Fillo e do Espírito Santo. Recórdanolo o mesmo Xoán na Segunda Lectura de hoxe.
Dísenos alí: “Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de
Deus e sérmolo de verdade”. Este “sérmolo de verdade” e moita cousa. Algo que
en principio parece imposíbel. Pero isto quere dicir que a humanidade toda,
toda a gran familia humana, está chamada a se integrar na familia máis grande e
máis feliz que imaxinar podemos: a familia -digámolo así- trinitaria, qué é
Deus mesmo.
Un
misterio que non nos pode caber na cabeza, mais que debería dirixir toda a nosa
vida e a nosa relación con toda clase de persoas coas que nos encontremos neste
mundo. Porque o noso destino é moi grande, inconcibíbel. Xoán non deixa de se
referir ás perspectivas grandiosas deste destino noso, que foi posibilitado
para nós grazas ó Deus que en Xesús se fixo irmán noso: “Meus amigos –segue a
insistir Xoán- xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que
seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos
tal e como é”.
O
tempo pascual é, pois, un tempo para “soñar”, para crer que son e que serán
realidade cousas que só semellan pertencer ó mundo dos soños. Mais temos
dereito a soñar, porque a grandeza do Deus no que cremos e o seu amor a nós son
moito meirandes ca tódolos soños nosos, por altos e grandiosos que sexan.
¿Quen
podería soñar que ese home Xesús que morre entre dous ladróns se ía converter,
resucitado, na clave de toda a historia humana e do noso destino? Pois a nosa
fe pascual apréndenos e ínstanos a confesar que si, que ese non é un soño,
senón a feliz realidade que Deus mesmo fixo para nós. Podemos por iso dicir e
cantar con alegría: Aleluia!! É dicir: Loado sexa Deus!!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Roguemos a Deus Pai, que vive en unión co Fillo e
o Espírito divinos, que atenda a nosa pregaria comunitaria dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a admirar e agradecer os teus
grandes designios sobre nós.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, fe fonda na grandeza do misterio da
túa divina relación co Fillo e o Espírito Santo para comprendérmonos así tamén
dalgunha maneira a nós mesmos.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Condúcenos, Pai, ó encontro misericordioso e
próximo con tódalas persoas, tal como o bo pastor o fai coas súas ovellas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario