Domingo de Pascua de Resurrección B
PARA A MISA NO DIA DE PASCUA
LEMBRADE QUE TEDES MONICIÓNS AQUÍ:
PRIMEIRA Feit 10, 34a. 37-43
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el despois que resucitou de entre
os mortos
34Tomou Pedro a palabra e dixo:
37Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde
Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: 38como Deus unxiu con Espírito
Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que
estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 39E nós somos testemuñas de
todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro.
40A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, 41non
de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e
bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. 42E mandounos que
predicasemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de
mortos. 43El é de quen tódolos profetas dan este testemuño: tódolos que crean nel recibirán
polo seu nome o perdón dos pecados.
SALMO RESP. Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/ (24): Éste é o día que fixo o Señor; exultemos e alegrémonos con el.
Ou: Aleluia
1Louvade o Señor porque é bo,
porque o seu amor é eterno.
2Que o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;
16a dereita do Señor é poderosa,
a dereita do Señor é valente.
17Non hei morrer, vivirei
e cantarei os feitos do Señor.
22A pedra que
desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
23Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
SEGUNDA Col 3, 1-4
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO
ÓS COLOSENSES
Irmáns e irmás:
3 1Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá
enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; 2arelade o de arriba e non o da terra. 3Vós
morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. 4Cando se manifeste Cristo, que
é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.
Ou tamén: 1 Cor 5, 6b-8
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO
APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
6¿Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda?
7Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ázimos que
sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. 8Fagamos, logo, a festa
pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ázimo
de pureza e de verdade.
SECUENCIA
Victimae paschali laudes, p. 449.
ALELUIA 1 Cor 5, 7b-8a:
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor
EVANXEO Xn 20, 1-9
É necesario que resucite de entre os mortos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
20 1O día primeiro da
semana María a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
2Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba
Xesús, díxolles:
-Colleron do sepulcro ó Señor, e non sabemos onde o puxeron.
3Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó
sepulcro. 4Corrían os dous á par.
Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e
chegou primeiro ó sepulcro.
5Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou.
6Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos
pousados alí. 7Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte,
enrolado noutro lugar.
8Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro,
ó sepulcro; viu e creu.
9(Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era
preciso que resucitase de entre os mortos). 10Entón os discípulos voltaron para a casa.
Tamén se pode proclama-lo Evanxeo da Noite Santa, núm 41
Cando hai Misa
vespertina, tamén se pode proclamar:
Lc 24, 13-35 (núm.
46)
Quédate connosco, que xa se fai de noite
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
13Dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que
está a uns dez quilómetros de Xerusalén. 14Ian falando de canto pasara. 15E resulta que
mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles.
16Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. 17Entón
preguntoulles:
-¿De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, 18e Cleofás, un
deles, respondeulle:
-¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe
nada do que pasou alí durante estes días?
19El preguntou:
-¿De que, logo?
Eles contestaron:
-Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso
en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; 20de como os nosos sumos sacerdotes
e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. 21Nós esperabamos que
el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas
cousas. 22Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó
risca-lo día ó sepulcro, 23e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos,
que lles aseguraron que el vive. 24E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando
todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
25Entón díxolles:
-¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron
os profetas! 26E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na
súa gloria?
27E comezando por Moisés e tódolos profetas, foilles
interpretando o que as Escrituras falaban del.
28O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir
para adiante. 29Pero eles porfiáronlle, dicindo:
-Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase
enriba.
Quedou con eles. 30E mentres estaban na mesa, colleu o pan,
bendiciuno e partiuno e déullelo. 31Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono;
pero el desapareceu. 32E dixeron:
-¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño,
interpretándono-las Escrituras?
33E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon
os Once reunidos cos seus acompañantes, 34que dicían:
-É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
35Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como
o recoñeceran no parti-lo pan.
CANTOS:
Entrada: Aleluia, o Señor resucitou
Gloria: Gloria a Deus no ceo
Entrelecturas: Canta aleluia
Ofertorio: Recibe, Señor
Santo: Santo, Santo, Santo
Paz: A paz entre nós
Comuñón: Grazas, Señor, graciñas
Despedida: Ide e pregoade
POWER POINTS:
Comentarios
Publicar un comentario